Pentavox nº7

Page 30

Audiovisual

WEBSERIE

“Fame” o thriller formato webserie

30

galego

en

Poderíase falar de comedia/thriller aínda que soe a xénero imposible. Ímolo bautizar como ThrillCom e malia seu aspecto caseiro e as súas carencias técnicas advertímosvos de que ten moito que amosar. Aínda que xa sexan dúas as tempadas que conforman Fame, hoxe vouvos falar soamente da primeira delas, e desta vez non hay escusas para non a ver (polo menos o piloto, que non dura nin 5 minutos). Évos cortiña, intensa, divertida e totalmente de balde. A historia de “Fame” comeza coma unha Road Movie na que dúas rapazas de aspecto irreverente e cun punto sensual moi marcado, vense obrigadas a parar cando a seu coche déixaas tiradas na carreteira. As nosas protagonistas (Eme e Uve, Daniela Rodas e Belén Bouzas) deciden facer noite nunha casa rural que lles queda preto de onde o vehículo decidiu deixar de funcionar. Servido o escenario coñeceremos un pouco máis ás personaxes que moverán o fío argumental: Eme e Uve semellan vivir nun eterno xogo: todo é susceptible de ser desfrutado tal e como ven. Unhas rapazas desapegadas, un pouco tolas, abertas a novas experiencias e cunha forma de vestir, camiñar e expresarse que poden resultar moi rechamantes. Preséntanse con caracteres fortes, dominantes, incluso con total capacidade para aproveitar a súa sexualidade para facer o que lles da a gana cos homes. Así como entran na casa na que se desenvolverá o argumento, cruzan miradiñas con Xabier, un fulano de aspecto altivo, radical e ben acostumado a ser o centro de atención das miradas. Con total confianza na súa arte para seducir será o primeiro que se lance á conquista destas dúas belezas. Na casa rural atoparemos máis personaxes

estraños como o recepcionista, aparentemente saído dunha serie americana dos setenta e con pouquiñas luces en xeral. Os habituais da casa (a panda de vellos miróns típica de Galicia) e os axentes de policía. ¿Policías? ¿Pero, aquí que foi? Pois á mañá seguinte de estares de festa rachada con Xabier na habitación onde as mozas estaban rexistradas, as nosas protagonistas amañecen de resaca, sen lembrar aparentemente nada do acontecido e cunha noticia bomba rondando pola casa adiante: Xabier apareceu morto no cemiterio local esa mesma mañá. O misterio está servido. A partires de este intre, entramos nunha dinámica de interrogatorios, pistas, análises forenses… Todo para descubrir que sucedeu aquela noite. O concepto da serie é fresco, divertido e aínda que nalgúns apartados técnicos adoece de falta de medios (o son é irregular e percíbese moi baixo en moitos momentos) a fotografía é correcta e a serie transcorre a bo ritmo a través dunha montaxe máis que digna. Actualmente dispomos de dúas tempadas, pero non imos a entrar a análise por agora da segunda xa que entrariamos de cabeza no terreo dos spoilers e non queremos rebentarvos a historia. Destacar tamén a banda sonora, que luce espectacular coa participación de Terbutalina e Salvation Army.•


Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.