
1 minute read
Estudo da lingua Ortografía
Ten en conta
Podes consultar no anexo as regras xerais de acentuación.
Acentuación de ditongos e tritongos
Os ditongos e tritongos seguen as regras xerais de acentuación. Se levan acento, este hai que colocalo sempre sobre a vogal tónica aberta ou media: trái-ler, a-cuá-ti-co, mer-quéi-vo-las.
Acentuación de I e U en hiato
• O i e u tónicos levan acento cando están en hiato con outra vogal: ba-úl, ca-í-da, tú-as, dí-a. Nestes casos sempre hai unha vogal pechada (i, u) tónica e outra aberta ou media (a, e, o) átona.

• Iu e ui non levan acento cando forman ditongo, é dicir, cando é tónico o primeiro elemento: pe-diu, lin-güis-ta, triun-fo. Se é tónico o segundo elemento, este leva acento porque está en hiato: xu-í-za, fi-ún-cho.
Non se acentúan:
• As palabras monosílabas ( si, el), agás as que presenten acento diacrítico ( máis, ás, nós... ).
• Os adverbios rematados en –mente ( comodamente, facilmente ).

• Os interrogativos e exclamativos, directos ou indirectos: cantos queres?, que ledicia!, dinos que prefires.
Outros casos
• As formas verbais con pronomes átonos engadidos forman unha soa palabra e seguen as regras xerais de acentuación: colleron + a: collérona, damos + lle: dámoslle.
• Nas palabras compostas formadas por dous elementos unidos, só pode levar acento o último elemento: balonmán, cortaúnllas.
• Os latinismos e palabras estranxeiras de uso habitual seguen as regras xerais de acentuación: ídem, quórum, bádminton.
• As abreviaturas levan acento cando forma parte delas a vogal acentuada da palabra completa: cént. (abreviatura de céntimo), ár. (abreviatura de árabe).
Actividades
1 Acentúa no teu caderno as palabras cando cumpra: iogur, aereo, construir, fuxiu, fluor, xilgaro, san, xudeu, cafeina, tua, ademais, saida.


2 Xustifica a presenza do acento gráfico nas palabras acentuadas do exercicio anterior.
3 Acentúa no teu caderno as palabras das seguintes oracións:
– Non saben como chegou o misil á atmosfera.

– En Campo Lameiro podense visitar uns petroglifos impresionantes.

– O heroe da novela acabou loitando contra un reptil xigante.
– Dime que queres facer con esas froitas tan saudabeis.
– O periodo que hai entre cada olimpiada é de catro anos.
4 Identifica as palabras que se corresponden coas seguintes imaxes. Que teñen todas en común?
5 Acentúa o seguinte texto:

O ingles don Guillermo viaxaba sempre con dous «gauchos» e moitos cabalos. Cada vez que baixaba das suas terras de Rio Negro durmia na nosa casa. Era home de maneiras fidalgas, e no cinto de coiro locialle sempre un revolver de nacra; argumento terribel naquelas terras.
As linguas da Península Ibérica
Na Península Ibérica existen tres estados: España, Portugal e Andorra.