
5 minute read
Comunicación Estudo
Dos Textos
As propiedades textuais I
Para que un texto sexa comprensíbel e teña sentido, debe cumprir as seguintes propiedades:
• Adecuación á situación en que se produce a comunicación.
• Coherencia na información que transmite.
• Cohesión entre as diferentes partes e elementos que o forman.
A estas propiedades hai que engadir, ademais, a corrección (ortográfica, léxica e gramatical) e a adecuada presentación (oral ou escrita) do texto.
Adecuación
Un texto é adecuado cando se adapta ás circunstancias do contexto comunicativo en que se produce.
Aspectos a ter en conta para que un texto sexa adecuado
• Os participantes: destinatario coñecido ou descoñecido, relación existente entre eles (familiaridade ou distanciamento), idade...
• O tema e o enfoque que se lle vai dar: unha carta persoal, unha conferencia, unha anécdota, unha resposta dun exame.
• A canle ou medio de transmisión: oral, escrito, teléfono...
Ten en conta
Os rexistros lingüísticos son as variantes dunha lingua nun contexto determinado. Diferenciamos: rexistro formal e rexistro informal
• A intención comunicativa: informar, convencer, divertir...
• A situación concreta na que se produce: onde falan? (lugar), por que? (finalidade).
Dependendo da situación comunicativa, empregarase un rexistro formal ou un rexistro informal.
Rexistro formal
Rexistro informal
Discurso ordenado e ben organizado. Discurso fragmentario, con interrupcións, pausas.
Pronunciación coidada. Pronunciación descoidada.
Corrección lingüística.
Léxico rico e variado.
Vocabulario especializado con tecnicismos.
Oracións subordinadas, nexos gramaticais...
Expresividade moi marcada (interrogacións, exclamacións...).
Léxico pobre, restrinxido e repetitivo.
Frases feitas, retrousos, repeticións, palabras-comodín («cousa», «facer»...).
Frases breves e sinxelas, moitas veces incompletas.
Actividades
1 Le este texto coa entoación adecuada e responde as cuestións:
AI SI, HO
Ai si, ho. E logo? E si. Non, ho. Home, non sei. O que? Deixa que xa. Xa lle gustaría. Había ser eu. O que? De que? A quen? Veña, home, veña. Que lle dean. Dígocho eu. Que cho digo eu. Boh, por min... É ou non é? Somos ou non somos? Así mesmo. E pois logo... E xa ti ves. E pois iso. E pois ben, ata outra logo. Abur. Suso de Toro, Polaroid (adapt.)
• Cantas persoas interveñen? Cal é relación entre elas?
• De que situación comunicativa se trata? En que lugar se produce?
• Mediante que canle se transmite?
• Cal é o rexistro empregado (vocabulario, tipo de oracións...)?
2 Reescribe estes enunciados nun rexistro informal.
– A doutora confirmou o diagnóstico: teño todos os síntomas dunha síndrome catarral.
– A próxima semana sometereime a unha intervención cirúrxica.
– O condutor implicado no accidente superou a taxa de alcoholemia permitida segundo a lexislación actual
3 Converte este texto literario nunha conversa entre amigos. Substitúe as expresións por outras de carácter coloquial:
Xa escureceu case por completo e aínda non son nin as oito e media. As luces dos coches e dos letreiros dos negocios vomitan lampos entre a chuvia e eu non preciso esta sensación de nostalxia que me estrulla o peito. Xa teño bastante con aprender a engrosar a miña coiraza con escamas de ferro que vou encaixando. Unha máis, e outra, e outra... Todo para que a vida doia un pouco menos. Para que as feridas non pasen da superficie.
Ledicia Costas, A lebre mecánica
Ten en conta
Un parágrafo é a porción de texto comprendido entre dous puntos e á parte nun texto en prosa. Cando cambiamos de tema, cambiamos de parágrafo: poñemos punto e á parte e escribimos na liña seguinte.
Coherencia
Un texto é coherente se a información se transmite de maneira clara e sen ambigüidades.
Para que isto suceda, hai que ter en conta os seguintes aspectos:
Características dun texto coherente
• Claridade na exposición.
• Organización adecuada dos contidos.
• Progresión temática da información, engadindo novos datos en relación cos xa coñecidos.
• Ausencia de contradicións entre as ideas ou enunciados.
• Ausencia de repeticións das ideas xa expostas.
Nos textos escritos, tamén hai que ter en conta:
• Os signos de puntuación (comas, puntos, puntos e á parte...), xa que permiten a correcta comprensión da mensaxe.
• A disposición en parágrafos ou unidades de sentido.
Actividades
4 Os signos de puntuación permiten a correcta comprensión do texto escrito.
• Relaciona cada un coa función que desempeña: paréntese coma puntos suspensivos comiñas dous puntos punto e seguido a) Deixar unha idea inacabada. b) Introducir unha enumeración. c) Separar os elementos dunha enumeración. d) Chamar a atención sobre unha palabra ou frase. e) Inserir información complementaria. f) Indicar unha pausa ao final dun enunciado. g) Reproducir unha cita textual. h) Acompañar o saúdo nunha carta.
Actividades
5 Identifica as faltas de coherencia nos enunciados seguintes.
– Xurxo é moi puntual por iso nunca chega a tempo.
– Estou desexando que cheguen as vacacións para madrugar moito.
– Non oín o timbre porque tiña o móbil sen batería.
– Non te vin na praia porque me gusta camiñar pola área.
– Xa logo é noite, vai sendo hora de almorzar.
6 Fíxate nesta nota:
«O Concello abre o prazo para a presentación de solicitudes de bolsas a deportistas individuais relativa á tempada 2022-23, as cales poderán ser solicitadas desde mañá venres, unha vez que foi publicada a convocatoria no Boletín Oficial da Provincia».
• Identifica a información que responde a estas preguntas: quen?, quen?, cando?
• Reescribe a nota variando a distribución destes elementos e mantendo a totalidade do contido: a) O Boletín Oficial da Provincia. b) Desde mañá... c) As axudas... d) O prazo para...

7 Identifica e corrixe os erros de concordancia: a) Tres de cada cinco persoas que percorreron o Camiño dos Faros considera que a experiencia resultou moi satisfactoria. b) A maioría das candorcas avistadas este verán achegábanse ás embarcacións pero sen intención de facer dano. c) O espectáculo foi un éxito. Vendéronse todas as entradas pero houberon moitas persoas que non puideron entrar. d) Aos teus irmáns gústalle moito o fútbol, eu prefiro o tenis.
O esquema
O esquema é unha técnica que recolle de maneira gráfica a organización do contido dun texto. Permite diferenciar os apartados de que consta, cales son as ideas principais e cales as secundarias, como se relacionan estas etc. É dicir, permite comprender e visualizar a estrutura.
Pasos para realizar un esquema
• Ler atentamente o texto e subliñar as ideas principais.
• Elixir as palabras clave máis representativas da temática, a síntese do contido.
• Formular cada idea con brevidade e precisión.
• Determinar o tipo de esquema que se vai realizar.
• Presentar o esquema cos conceptos e recursos gráficos pertinentes (frechas, chaves..).
Tipos de esquemas
1. Cadro sinóptico ou esquema de chaves
Pode adoptar distintas formas: táboa, diagrama de chaves, de frechas, etc. Pode representarse de arriba a abaixo, é dicir, en forma vertical, ou de esquerda a dereita, é dicir, en horizontal.
Neste segundo caso, o título colócase á esquerda e as ideas secundarias vanse dispoñendo á dereita, de acordo coa súa xerarquía: canto máis á dereita estean colocadas a súa importancia é menor. TÍTULO
Idea secundaria
Idea principal
Idea secundaria
Idea secundaria
Idea principal
Idea secundaria
2. Esquema numérico
Consiste na ordenación das ideas dun texto con sucesivas divisións segundo a súa importancia.
• Para as ideas principais, úsamos os números 1, 2, 3.
• Para as ideas secundarias: 1.1, 1.2, 1.3.
• Para os detalles. 1.1.1, 1.1.2, 1.1.3.
TÍTULO DO TEMA: ..........................................................................................................
1 ............................................................................................................................
1.1
1.2
2
2.1
2.2
1.1.1
1.1.2
2.2.1
3. Esquema de frechas
TÍTULO OU IDEA CENTRAL
Practicamos
Idea principal
Idea secundaria 1
Idea secundaria 2
Idea secundaria 3
Idea secundaria 1
Idea principal
Idea secundaria 2
Idea secundaria 3
1 Realiza un cadro sinóptico que recolla as ideas principais e secundarias deste texto:
ENERXÍA EÓLICA
A enerxía eólica é a enerxía que se obtén do vento. Esta fonte de enerxía vén sendo aproveitada dende a antigüidade por diversos medios, en particular muíños en terra e velas no mar. A verba «eólico» vén do latín Aeolicus, pertencente ou relativo a Eolo, deus dos ventos na mitoloxía grega. Na actualidade, a enerxía eólica é utilizada principalmente para producir enerxía eléctrica mediante aeroxeradores.
É un recurso abundante, renovábel, limpo e axuda a minguar as emisións de gases de efecto invernadoiro ao substituír termoeléctricas a base de combustíbeis fósiles, o que a converte nun tipo de enerxía verde. O seu principal inconveniente é a súa intermitencia.
(https://gl.wikipedia.org)
