6 minute read

Literatura Que é a literatura?

Textos literarios e non literarios

• Os textos literarios teñen unha función estética e empregan unha linguaxe especial para crear beleza. Tan importante é a forma como o contido.

• Os textos non literarios teñen unha función práctica: achegan información sobre diversos contidos (científicos, publicitarios, técnicos, divulgativos....) e empregan unha linguaxe clara e precisa, sen artificios retóricos.

Que é a literatura?

A literatura é unha forma de expresión artística que utiliza a palabra, oral ou escrita, como instrumento para crear textos en prosa ou en verso que transmitan un sentimento, unha idea ou unha historia (real ou ficticia).

O termo «literatura» designa tamén o conxunto de obras literarias (novelas, poemas, teatro..) escritas nunha lingua (literatura italiana, literatura francesa…) ou nunha época (literatura medieval, literatura actual…).

A literatura oral e a literatura escrita

A literatura forma parte da vida do ser humano desde moito antes da invención da escritura. Todos os pobos contaron relatos mitolóxicos, contos e lendas para explicar as orixes do universo ou para transmitir ás xeracións máis novas os seus coñecementos e valores, e tamén interpretaron cantigas para acompañar os seus traballos ou para divertirse nos momentos de lecer. Estes textos, de creación individual e anónima, memorizábanse e transmitíanse de xeito oral, de xeración en xeración. Todos eles constitúen a literatura popular de tradición oral.

Máis tarde, coa chegada da escritura, moitos deses textos orais recolléronse en antoloxías, cancioneiros, etc. Xorde ademais a noción do escritor como autor individual que crea unha obra literaria que se transmite por escrito e cuxo nome figura na cuberta do libro. Estes textos constitúen a literatura escrita.

Hoxe a literatura pode difundirse en múltiples formatos, tanto de forma oral como escrita. Por exemplo, un conto podemos lelo nun libro en papel ou en versión electrónica, podemos escoitarllo a un contacontos, nun audiolibro, etc.

Características das obras literarias

As obras literarias conteñen as seguintes características:

• Intención estética: a súa finalidade principal é artística.

• Uso dunha lingua coidada: o autor selecciona coidadosamente as palabras empregadas.

• Valor connotativo: as palabras afástanse do uso habitual da lingua e adquiren significados subxectivos.

• Presenza de recursos estilísticos para acadar maior expresividade: personificacións, comparacións, metáforas, aliteracións...

• Mundo de ficción: presenta sucesos ficticios, inventados polo autor. Este crea un mundo propio no que se introduce o lector cando comeza a ler o texto.

• Valor polisémico: o texto admite múltiples interpretacións e lecturas, dependendo de cada lector ou lectora. («Hai tantas lecturas como lectores»).

• Orixinalidade: o texto nace da imaxinación dun autor ou autora, é dicir, é unha creación persoal.

Os recursos estilísticos

Posto que a linguaxe literaria se caracteriza pola súa intención estética, o autor escolle de maneira minuciosa as palabras e bota man de recursos literarios ou estilísticos.

Os recursos estilísticos son os procedementos lingüísticos que utiliza o autor para embelecer o texto e facelo máis expresivo. Clasifícanse en tres grandes grupos: fonéticos, morfosintácticos e semánticos.

Recursos Estil Sticos

Plano fónico-fonolóxico

Plano morfosintáctico

Plano semántico

DENOTACIÓN:

Significado básico dunha palabra e común a todos os falantes dunha lingua; pomba = ave, choiva= gotas de auga, león= animal

CONNOTACIÓN:

Sentido ou valor secundario que adquire unha palabra por asociación con outras realidades; pomba = símbolo da paz; choiva = tristeza, melancolía; león = fortaleza.

Afectan aos sons das palabras.

Aliteración

Onomatopea

Paronomasia

Afectan á forma das palabras e á súa distribución nos versos.

Anáfora

Paralelismo

Hipérbato

Afectan ao significado das palabras.

Apóstrofe

Hipérbole

Personificación

Símil ou comparación

Metáfora

Antítese

Ironía

Consulta no Anexo estas figuras literarias.

Actividades

1 Un xeroglífico é un texto a modo de adiviña que non emprega signos lingüísticos, senón símbolos e imaxes que representan a palabra ou a frase a descubrir.

Nesta plataforma tes acceso a unha inxente cantidade de libros. Sigue os pasos indicados para abrir unha conta e comezar a usala.

– Rexístrate para conseguir un usuario e un contrasinal.

– Pica na pestana «Termos de procura» e fíxate nas diversas posibilidades que se che ofrecen: por título, por autor, por materia (contos fantástico, ficción, poemas...), por etiqueta (narrativa, poesía, historia, xuvenil...), por ISBN...

– Escolle un autor/autora e busca as obras existentes para a súa lectura. Comproba cales están dispoñíbeis e cales están emprestados.

– Selecciona «Etiqueta» e escribe: narrativa, poesía... Podes facer unha procura máis axustada filtrando por autor, editorial, xénero, ano de publicación...

– Escolle unha obra e fai unha lectura dalgún capítulo.

• Que vantaxes encontras fronte ao libro en papel? E que inconvenientes?

2 Entra na páxina web da Biblioteca Virtual Galega.

• Localiza no ficheiro o caixón «Autores/as de narrativa». Busca pola letra inicial do apelido dun escritor ou escritora.

• Pica a pestana «obras» e localiza algún texto do teu interese.

• Consulta en que formato (texto, audio, vídeo) está dispoñíbel.

• Le ou escoita o texto elixido.

3 Cal destes textos é literario? Xustifica a resposta.

LÚA

A lúa é velliña, de brancos cabelos, de engurras de ouro e de olliños cegos.

Érguese do leito das foulas do mar palpando os espazos para camiñar.

Anda polo mundo sen ver a onde vai pois as estreliñas lévana da man.

Luís Amado Carballo (fragmento)

LÚA www.galipedia.org

A Lúa é o único satélite natural da Terra, visible desde esta só en parte e baixo formas distintas, chamadas fases, segundo a posición que teña respecto da Terra e o lado por onde reciba a luz do Sol. Cun diámetro de 3.476 km é o quinto satélite máis grande do Sistema Solar, mentres que en canto ao tamaño proporcional respecto do seu planeta é o satélite máis grande: un cuarto do diámetro da Terra e 1/81 da súa masa.

4 O recurso principal do texto 2 é a personificación ou prosopografía.

• Localiza exemplos.

5 Relaciona cada texto coa figura estilística que contén.

Prosopopea Metáfora Aliteración Onomatopea

O horizonte era unha vela, un enxame de barcos, un poema de brumas con veos brancos.

Ana Mª Fernández

Andan de ruada todos os luceiros, e as estrelas levan dengues amarelos.

Xulio Sigüenza

No bicarelo do bico do brelo canta o paxariño. No mesmiño bicarelo do bico do brelo.

Uxío Novoneyra

Pic, pac, pic-pac-pacpic, pac, petaba a pita picando co peteiro na pota.

—Cuac, cuac, cuac, cuac, pasou o pato.

Xulio

López Varcárcel

Xogos de creación

Aproveitando as posibilidades expresivas da linguaxe podemos crear textos literarios. Deste modo, estimulamos a nosa imaxinación e poñemos a proba a nosa capacidade creativa.

Lipograma. Texto no que omitimos unha determinada letra.

O lipograma máis antigo é un poema grego de Laso de Hermione do s. VI a.C. escrito prescindindo da letra sigma (equivalente ao noso s). Georges Perec publicou en 1969 A desaparición, unha novela policíaca na que, ao longo de máis de trescentas páxinas, consegue evitar a letra «e», a máis frecuente en francés. A «desaparición» é, polo tanto, a desta vogal.

Monovocalismo. Textos nos que se emprega unha única vogal.

Xersee Esesene

Ecebe de mercer en xersee cheléseme. Peguee es peles pere estee centente. Veene peñer egere mesme. E ver, e ver. Que chelede. Emes ver que tel quede cee cemese. Mecenede! Quede ceme en geente! E que ben se exeste! Cerelle, perece que eperte en peece! Esté epertende! Cede vez eperte mees! Ne gerxe, nen me deexe resperer! Eeegg…! En xersee esesene! Eeeeggg…!

Suso de Toro, Polaroid

Tautograma. Texto composto por palabras que comezan todas pola mesma letra.

O máis antigo coñecido é do poeta latino Ennio: O Tite, tute, Tate, tibi tanta tyranne tulisti. (= Ou Tito Tazio, Tirano, ti mesmo atraícheste tantas desgrazas).

Exemplo: Mario manda mensaxes manifestamente mentireiras mentres morde mazás.

Creamos

1 Escribe un lipograma explicando o que pensas facer esta fin de semana, sen empregar a letra que extraias ao chou de entre todas as do alfabeto colocadas previamente nunha caixa.

2 ABCDario. Describe o teu mellor amigo ou amiga utilizando todas as letras do abecedario, ordenadas alfabeticamente. Se con algunha letra non se che ocorre ningunha palabra, consulta o dicionario e seguro que atopas algunha interesante.

Exemplo: Ana: boa compañeira ...

3 Tautograma. Escribe unha receita de cociña utilizando a letra C.

Algunhas suxestións: «Coello con castañas», «Canas con chocolate», «Croque- tas caseiras»...

• Como ingredientes podes utilizar: cebolas, caldo concentrado, crema, cogo- melos, carne, condimentos…

• Precisarás: cazolas, culler, cuncas…

• Algúns verbos: cortar, cocer, cubrir, condimentar, colocar coidadosamente…

4 Ampliación. A partir dunha frase curta podemos elaborar un texto máis extenso.

O procedemento consiste en substituír as palabras pola súa definición e, dese modo, ir aumentando progresivamente a extensión do texto inicial.

Exemplo:

• O gato bebeu o leite.

• O mamífero carnívoro dixtitígrado doméstico tragou un líquido branco de sabor doce producido polas femias dos mamíferos.

Raymond Queneau, Exercicios de estilo

Escolle entre as seguintes propostas e elabora un texto aplicando o método indicado: a) «Gato escaldado, da auga foxe». b) «En boca pechada non entran moscas». c) «Para cantar veño eu / coa pandeireta na man» (Tanxugueiras, «Terra»).

Poñede en común os vosos textos e probade a descubrir a frase ou verso que deu pé ás vosas creacións.

Exemplo: «Máis vale un plumífero voador na cavidade metacarpiana ca centos dos seus conxéneres sucando os espazos siderais» = «Máis vale paxaro en man ca cento voando».

This article is from: