5 minute read

1 Comunicación Lectura

Hipertexto. Coñece a autora e a súa obra en anayaeducacion.es

Smita

Que vas ler?

Lalita, unha nena hindú da casta dalit, disponse a acudir por vez primeira á escola, o que supón un desafío ás normas establecidas. A súa nai, que sobrevive recollendo excrementos das castas superiores, ten moitas esperanzas en que isto lle permita á súa filla ter unha vida digna.

Badlapur, Uttar Pradhest, India

Smita esperta cunha sensación estraña, unha urxencia tenra, unha inédita bolboreta no estómago para ela. Hoxe é un día que lembrará toda a vida. Hoxe a súa filla empeza a escola.

Smita nunca pisou unha. En Badlapur, a xente coma ela non vai á escola. Smita é unha dalit, unha intocábel. Os que Gandhi chamaba os fillos de Deus Gandhi. Alguén fóra das castas, fóra do sistema, fóra de todo. Unha clase á parte, considerada demasiado impura para se mesturar cos demais, unha escoura indigna que cómpre apartar, como se aparta o gran da palla. Hai millóns de persoas como Smita, que viven fóra das aldeas da sociedade, na periferia da humanidade. [...]

Ven aquí.

Lávate.

Non te entreteñas.

É hoxe. Non podemos chegar tarde. [...]

Levantouse ao amencer para prepararlle a comida; na escola non hai comedor, cada neno ten que levar o seu xantar. Coceu arroz ao que lle engadiu un pouco de curry do que reserva para as grandes ocasións. Espera que Lalita coma con apetito no seu primeiro día de escola. Para aprender a ler e escribir fai falta enerxía. Meteu a comida nunha friameira improvisada: unha caixa de lata que limpou coidadosamente e decorou ela mesma. Non quere que Lalita pase vergoña diante dos outros nenos. Aprenderá a ler como eles. Igual ca os fillos dos jat.

Pon un pouco de po.

Ocúpate do altar.

Apura.

A Lalita gústalle sentar a carón do altar pola noite, despois de cear, e oír a súa nai contar a historia dos dez avatares de Visnú. [...] A Nagarajan tamén lle gusta oír a Smita pola noite a carón do altar. A súa muller é unha gran narradora, malia que non saiba ler. Pero esta mañá non hai tempo para historias. [...]

O bindi.

Non o esquezas.

Lalita busca nas súas cousas e saca un frasquiño de esmalte que atopou un día xogando á beira dun camiño. [...] Smita colle o frasco da man da súa filla e debúxalle un punto vermellón na fronte. [...] O bindi, o «terceiro ollo», como lle chaman alí, retén a enerxía e aumenta a concentración. Hoxe Lalita vaino necesitar, dise a súa nai. Mira o circuliño regular na fronte da nena e sorrí. Lalita é guapa. Ten os trazos finos, os ollos negros, a boca delineada coma o contorno dunha flor. Está preciosa co seu sari verde. Smita séntese chea de orgullo diante da súa filla vestida de escolar. Pode que coma ratas, pero vai saber ler, dise mentres a colle da man e a conduce ata a estrada principal. Vaille axudar a cruzar, porque hai camións dende primeira hora e van a toda velocidade. Non hai sinalización nin paso de peóns. Mentres avanzan, Lalita alza os ollos cara á súa nai, inqueda: o que lle dá medo non son os camións, senón ese mundo novo, descoñecido para os seus pais, no que vai ter que entrar soa. Smita sente a mirada suplicante da súa filla. [...] A nena parece perdida, de súpeto tan fráxil que a Smita gustaríalle collela nos brazos e non soltala nunca. Ten que loitar contra ese impulso, reprimirse. Cando Nagarajan foi velo, o mestre dixo «de acordo». Mirou a caixa na que Smita metera todos os seus aforros, as moedas coidadosamente gardadas, durante meses, para ese fin. Colleuna e dixo «de acordo». Smita sabe que todo funciona así. Alí a forza de persuasión é o diñeiro. Nagarajan volveu á casa para darlle a boa noticia á súa muller, e sentíronse felices.

Cruzan e, de súpeto, é o momento de soltar a man da súa filla ao outro lado da estrada. Smita querería dicirlle: alégrate, non vas ter a mesma vida ca min, gozarás de boa saúde, non tusirás coma min, vivirás mellor e máis tempo, respectarante. [...] Ninguén che tirará as sobras coma a un can. Nunca agacharás a cabeza, nin os ollos. A Smita encantaríalle dicirlle todo iso. Pero non sabe como expresarse, como falarlle á súa filla das súas esperanzas, dos seus soños un pouco tolos, desa bolboreta que lle bate as ás no seu estómago.

Así que se inclina cara a ela e dille simplemente: Vai.

Vocabulario

Escoura: Residuo dunha combustión.

Vermellón: Cor vermella forte.

Sari: Vestido tradicional das mulleres hindús que consiste nunha única peza de tea que carece de costuras e envolve e cobre todo o corpo.

Comprensión oral

1 Escoita o texto locutado da lectura e responde estas preguntas.

• Por que Smita non foi nunca á escola?

• De que sente medo Lalita?

• Como imaxina o porvir da súa filla Lalita grazas á escola?

Extrae información

2 A historia transcorre nunha localidade do estado de Uttar Pradhest, na India.

• Localiza no texto elementos relativos á cultura e tradicións do lugar (vestiario, alimentación, crenzas...).

3 No texto hai varias palabras en cursiva que corresponden a termos propios da lingua da India:

• Pescuda o que significa cada palabra.

4 Os dali ocupan unha posición inferior dentro do sistema de castas.

• Que supón para Smita e a súa familia ser «intocábeis»?

5 Lalita vai á escola porque a súa familia aforrou o necesario para que o mestre a admita.

• Analiza a actitude do mestre.

• Como cres que será o primeiro día de escola de nena?

Reflexiona sobre a lingua

6 Con axuda dun dicionario, explica o significado das palabras:

7 Ás veces, as palabras poden interpretarse de dúas maneiras distintas:

– En sentido literal: o significado propio, habitual, obxectivo, a definición que se encontra no dicionario.

– En sentido figurado: o que se afasta do significado habitual e adquire outro distinto mediante o emprego de metáforas, ironías, etc.

• Explica o significado da expresión «escoura indigna» aplicada a Lalita.

8 Localiza no texto as seguintes palabras: casta – clase – grupo esmalte periferia friameira

• Redacta no caderno a definición de cada unha. Confronta coas que aparezan nun dicionario.

Interpreta e analiza

9 Petición do oínte. A esperanza nunha vida diferente para a súa filla ilusiona a Smita, por iso é capaz dos maiores sacrificios.

• Que cambios agarda que se produzan na vida de Lalita?

10 Pescuda información sobre o sistema de castas na India.

Valora e relaciona co teu mundo

11 Considerar todos os factores. A novela denuncia as desigualdades económicas e a discriminación social que padecen as clases máis desfavorecidas da India.

• Existen situacións similares na nosa contorna? Hai grupos sociais que sofren discriminación ou prexuízos?

12 Debate. A escola é para Smita o camiño para que a súa filla acade un futuro mellor.

• En que medida credes que o acceso ao sistema educativo ten un efecto igualador na sociedade xa que contribúe a eliminar as desigualdades sociais?

13 Saco de dúbidas. En España non sempre estivo garantido o acceso á educación.

• Procura información sobre «escolas do ferrado» ou «mestres e mestras do ferrado».

• Pescuda sobre o acceso da muller aos estudos universitarios. O caso de Concepción Arenal.

Escribe

14 Badlapur é un distrito do estado indio de Uttar Pradhest.

• Localiza nun mapa a súa situación xeográfica.

• Pescuda sobre as linguas faladas nese territorio. Redacta un texto en varios parágrafos coa información localizada.

This article is from: