2 minute read

2 Estudo da lingua Lingua e sociedade A diversidade lingüística

O plurilingüismo

A diversidade lingüística é a coexistencia de varios idiomas nun mesmo territorio. Se temos en conta que no mundo se falan unhas 7000 linguas e que o número de estados é duns 200, resulta evidente que a maioría dos países do mundo son plurilingües, é dicir, no seu territorio fálanse varias linguas. Así sucede no Estado Español, tamén na Unión Europea.

A maioría dos idiomas corresponden aos continentes asiático e africano. Europa só ten un 3% do total, mais son europeas as linguas máis faladas en todo o mundo: español, inglés, ruso, francés e portugués. Todas as linguas cumpren a función de vehículo de comunicación e de expresión cultural dunha comunidade, polo que teñen o mesmo valor. Pero non todas están nas mesmas condicións: unhas son linguas escritas, e outras só se usan oralmente; unhas son linguas oficiais, outras non. Podemos analizar a situación das linguas a partir de dous criterios:

Lingua oficial

É aquela que representa oficialmente un país. Emprégase na Administración, no ensino, nos medios de comunicación...

• Segundo o número de falantes, diferenciamos entre linguas maioritarias (as que teñen moitos falantes) e linguas minoritarias (faladas por un reducido número de persoas) —Criterio cuantitativo—.

• Segundo o seu papel na sociedade, diferenciamos entre linguas hexemónicas (teñen prestixio social e recoñecemento oficial) e linguas minorizadas (están nunha posición de inferioridade xa que conviven cunha lingua hexemónica e úsanse en contextos informais e coloquiais) –Criterio cualitativo–.

Actividades

1 Debate. En que consiste o valor ecolóxico das linguas?

Todos estamos preocupados polo medio ambiente e desexosos por manter a diversidade natural do mundo en que vivimos, o mundo que queremos para os nosos fillos e netos. Adoptamos leis sobre contaminación e aire limpo, sobre subministro de auga e hábitat naturais para especies singulares. Neste contexto, a xente está caendo na conta de que as linguas teñen un valor ecolóxico e necesitan unha protección adecuada. Unha lingua forma parte do medio ambiente tanto coma os arbustos, as montañas ou os ríos.

Markus Warasin, Doce argumentos a favor da diversidade lingüística e o papel das linguas minoritarias no futuro da UE (adapt.)

• En que consiste o valor ecolóxico das linguas?

2 Debate. A diversidade lingüística é un signo de riqueza cultural, xa que as linguas forman parte da herdanza cultural dos pobos.

• Cantas linguas usades na vosa aula, ademais de galego e castelán?

Existen falantes procedentes de países que posúen unha lingua diferente? Con que outras linguas estades en contacto na vosa familia, barrio, etc.?

3 Analiza as ideas recollidas neste texto.

O ESPELLO DA LINGUA

As linguas levan dentro as emocións das persoas que as falan.

(...)

Porque en cada palabra dun idioma, dunha lingua, hai algo noso, que deixamos nelas; unha avoa, unha pegada, un anaco de pan, unha familia, unha bágoa, un enfado, un lugar, unha pinga de chuvia, un sorriso, unha amiga.

Unha lingua é como unha especie de espello, porque as palabras que a forman fixémolas nós e os nosos devanceiros, moi devagar, ao longo dos séculos, case sen decatarnos.

E sabes unha cousa?

Non hai linguas mellores nin peores.

Todas as linguas son iguais, como as persoas.

Só os racistas pensan que hai persoas mellores e peores.

(...) Sabes?, unha lingua é coma un espello.

Pode mostrarnos o que somos, a que lugar pertencemos.

Pero non podemos ser como Brancaneves e preguntarlle ao espello se hai linguas máis bonitas que a nosa.

E sabedes por que?

Porque todas as linguas son iguais de bonitas.

Fran Alonso, Douche a miña palabra (fragmento)

• Debate. E vós que pensades? Estades de acordo coa opinión expresada?

4 Creade un glosario en varias linguas con termos básicos necesarios para promover o mutuo coñecemento e a intercomunicación (saúdos, gustos, familia…). Acompañade as palabras de debuxos ou iconas facilmente identificables.

This article is from: