4 minute read

1 Comunicación Lectura

Hipertexto. Coñece a autora e a súa obra en anayaeducacion.es

Unha muller independente

Que vas ler?

Lúa, unha pianista recoñecida, disponse a iniciar unha viaxe desde A Coruña a San Francisco. Camiña con firmeza, allea á admiración que esperta pola seguridade con que se move malia as dificultades que debe superar.

O taxista respondeu cun gruñido que ela interpretou afirmativamente cando lle preguntou se podía abrir a fiestra, así que buscou o botón da porta, premeuno e deixou que o ar lle acariñase a cara. Sempre lle gustara a sensación do vento no rostro. Non sabía como había xente á que lle resultaba molesto. A ela facíaa sentir viva.

Asomou lixeiramente a cabeza e respirou profundamente mentres recordaba a primeira vez que voara en avión. Debía de ter doce anos e viaxara cos seus pais e a súa irmá a Madrid para ir ao musical O Rei León. [...]

O ar na faciana devolveuna ao presente e preguntoulle ao taxista se faltaba moito para chegar ao aeroporto. Perdera a noción do tempo.

—Non se preocupe. Nun intre estamos.

Deuse conta de que así era cando notou a pronunciada curva á dereita que hai que tomar para coller o desvío a Alvedro. Agarrouse á asa da porta ata que recuperou a estabilidade. Non lle gustaban os condutores bruscos, porque non era quen de anticipar as manobras que facían e sempre a collían por sorpresa, sobre todo se ía ensimesmada, como naquel momento. A curva fixo que volvese en si. Tocou o reloxo dixital e escoitou no pequeno auricular agochado no seu oído esquerdo:

—Cinco e corenta e sete.

—Chegamos. Son vinte e dous con trinta euros.

—Pago con tarxeta.

—Por suposto. [...]

Sentiu que a porta do coche se abría mentres ela colocaba o bolso no ombro e collía o bastón.

—Axúdoa? —preguntou o condutor.

—Pode axudarme a coller a maleta do maleteiro, por favor, que pesa moito e non podo con ela?

—Por suposto! —contestou o taxista, atropelado, dirixíndose á parte traseira do coche.

Baixou a enorme maleta azul de Lúa e apresurouse a achegarlla. «Que teña boa viaxe», murmurou mentres a ollaba afastarse, camiño da porta de entrada ao aeroporto, tirando da pesada maleta coa man esquerda en tanto que a dereita movía por diante dela o bastón branco, formando os semicírculos que lle confirmaban a ausencia de obstáculos. O cabelo louro caendo en cascada polas costas e a fraxilidade do seu aspecto físico non daban idea da fortaleza dunha muller que nunca se puxera límites, consciente das súas capacidades e da admiración que, dende nena, era quen de espertar ao seu redor.

Antes de entrar no edificio, Lúa colleu as lentes do bolso. Normalmente, procuraba non usalas, co bastón era suficiente, pero cando saía do seu contorno habitual prefería levalas, máis ca nada para non perder tempo innecesariamente. [...]

A azafata acompañouna ata o seu asento no avión. Como era un traxecto breve, ía en clase turista. Pouca diferenza había. Para o avión de San Francisco xa pedira unha localidade preferente. Eran moitas horas de voo e prefería ir máis cómoda.

Foi a primeira en subir, así que se acomodou sen problemas. Dáballe moito apuro tropezar cos pasaxeiros que paraban no medio do corredor para acomodar a equipaxe e os abrigos. E, sobre todo, dáballe apuro o propio apuro deles cando se decataban de que era cega. E aínda máis se a recoñecían! Entón ofrecíanse a axudala, a gardarlle a equipaxe, a indicarlle o seu sitio... Todo iso facíaa sentirse incómoda. Non o podía evitar. Prefería pasar inadvertida e non sentir a mágoa de ninguén. Ela era cega de condición, pero iso non lle impedira nunca facer unha vida normal.[...] Ser cega non era un problema na súa vida. Ou, cando menos, non era un problema maior dos que tiñan os demais. «Cadaquén ten o seu», dicíalle sempre Marta. [...]

Ao chegar a Madrid agardou a que baixasen os pasaxeiros antes de saír do avión. [...] Puxo as lentes para baixar do avión e dirixirse sen problemas á seguinte porta de embarque [...]

As persoas que cruzaba no camiño quedaban mirando para ela, con asombro e admiración ante unha muller cega que se movía polo aeroporto, ateigado de xente correndo en todas as direccións, coa seguridade de quen sabe onde vai.

Vocabulario

Faciana: cara, rostro. Intre: porción breve de tempo. Ateigado: cheo.

Comprensión oral

1 Escoita o texto da lectura e responde as seguintes cuestións.

• Cal é o percorrido que se dispón a realizar Lúa?

• Cantos avións precisará tomar?

• Que elementos facilitan a súa autonomía?

• Como definirías a súa personalidade?

Extrae información

2 Que circunstancia deixa patente a condición de invidente da protagonista?

3 Lúa dispón dunhas lentes intelixentes que transmiten mediante audio os estímulos visuais que perciben, facilitando deste modo o seu desprazamento.

• Localiza exemplos das indicacións que recibe durante a viaxe.

4 O texto fai patente a antítese entre a fraxilidade física de Lúa e a súa fortaleza persoal.

• Localiza as palabras que expresan a admiración que esperta en todas as persoas.

5 Todas as persoas que se cruzan con Lúa ofrécense a prestarlle axuda ao decatarse de que é cega.

• Que axudas rexeita? Cales acepta?

• Por que en ocasións se sente incómoda?

6 O texto avanza seguindo o traxecto realizado pola personaxe, mais hai un salto ao pasado (analepse).

• Localízao e explica a función que desempeña.

7 «A música foi sempre a súa vida, deulle as maiores satisfaccións», expresa Lúa na novela.

• En que momento cres que puido nacer a súa vocación?

Reflexiona sobre a lingua

8 «Cadaquén ten o seu», dicíalle sempre Marta. Cadaquén é un pronome indefinido. Coa axuda dun dicionario, anota expresións equivalentes.

9 Lúa viaxa primeiro en «clase turista», despois en «localidade preferente». Define coas túas palabras ambos conceptos.

Interpreta e analiza

10 Aínda que ata a liña 51 non temos constancia plena de que se trata dunha persoa invidente, hai varias referencias previas que así o indican xa que a percepción do mundo que a rodea exprésase en todo momento mediante sensacións táctiles e auditivas, nunca visuais.

• Localiza exemplos de cada sentido.

Valora e relaciona co teu mundo

11 Pensa e comparte en parella. Lúa considera que: «Ser cega non era un problema na súa vida. Ou, cando menos, non era un problema maior dos que tiñan os demais. “Cadaquén ten o seu”, dicíalle sempre Marta [a súa irmá]».

• Valorade esta afirmación.

12 A actitude de Lúa demostra que as persoas con diversidade funcional poden levar unha existencia plena.

• Coñecedes algún exemplo concreto? Algunha persoa no voso ámbito persoal? E no campo do deporte, por exemplo?

13 A novela comeza con esta dedicatoria:

• Procura información sobre Natalia Beade, a persoa real que inspirou esta historia.

Escribe

14 Creación. O destino da personaxe é San Francisco. Conta como será a chegada á cidade, cal será o seu percorrido e as circunstancias nas que este se produce. Engade outros personaxes á historia.

Vocabulario

Hipocondríaco/a: Persoa que manifesta unha preocupación esaxerada pola propia saúde.

This article is from: