3 minute read

Gastronomía

Next Article
Experiencias

Experiencias

A calidade das nosas materias primas, xunto coa tradición e a habelencia dos nosos cociñeiros son, de seguro, un reclamo excelente para que goces da nosa gastronomía. Pratos creados pola cultura, a historia e a economía da zona que representan unha oportunidade inigualable para conectar co territorio.

As zonas costeiras proporcionan produtos como a pescada do pincho de Celeiro —con selo de calidade—; o bonito do norte de Burela —capturado de forma tradicional—; os percebes de Rinlo; as cadeluchas e ourizos de mar; lagosta; santiaguiños; cáncaros; boi de mar e polbo, entre outras moitas lambiscadas mariñas procedentes da pesca diaria no Cantábrico, que asegura a súa frescura e calidade.

Advertisement

Da gandaría do territorio, podes degustar excelentes carnes de Tenreira Galega ou cachena e de porco celta.

As condicións climáticas e organolépticas dos vales permiten a plantación de produtos de recoñecida calidade, como a famosa Faba de Lourenzá, con Indicación Xeográfica Protexida (I. X. P.), e outros destacados produtos da horta, como a faba verdina, os grelos suaves, tomates, allos porros, espinacas ou leitugas, que deron orixe a marcas identitarias como Horta de Mondoñedo ou Verdina de Galicia.

Castañas, cogomelos e meles multiflorais son outros excelentes produtos locais que forman parte activa da nosa cociña, igual que a fariña, coa que se fan pan e empanadas artesanais moi recoñecidos, ou pratos tan de noso como a enfariñada de Trabada, que na Pontenova recibe o nome de faragullos. Na repostería, a améndoa é un ingrediente estrela das exquisitas Torta de Mondoñedo, Colineta de Viveiro ou Torta de Riotorto. O chocolate artesán e doces típicos segundo a época do ano, coma na Semana Santa ou no Entroido, completan a deliciosa oferta habitual das nosas panadarías e pastelerías.

Consulta restaurantes:

+INFO

Esta ruta proponche vivir unha experiencia única de arte, natureza e gastronomía no corazón do fértil val de Lourenzá, territorio de condicións idóneas para o crecemento desta raíña dos legumes galegos que se estende por toda A Mariña Lucense. A ruta ofrecer coñecer de primeira man o artesanal proceso de produción da faba visitando os agricultores nas súas plantacións, así como a Cooperativa Terras da Mariña e o Centro de Interpretación da Faba. Tamén poderás degustar o seu delicioso sabor en combinación con outros produtos estrela da zona e achegarte ao Mosteiro de San Salvador, o Pazo de Tovar, a área do Muíño do Pereiro e o Miradoiro da Valiña.

Dentro desta ruta visitarás o Pazo-Fortaleza de Tovar, mansión señorial fortificada de estilo gótico isabelino que Antonio de Tovar construíu sobre a torre de Canedo no s. XV e que hoxe acolle o Museo do Liño, o Rincón do Xoguete Tradicional e un restaurante. + info: 676 92 23 89. Este proxecto promove os valores da nosa gastronomía local dándolles visibilidade aos produtores e produtos agroalimentarios, divulgando videorreceitas de profesionais e organizando un concurso aberto de receitas elaboradas con alimentos do territorio. O seu obxectivo é propiciar unha produción agroalimentaria baseada na biodiversidade local e a produción sostible. Para coñeceres a fondo o proxecto, podes acceder á súa web dende a ligazón desta páxina e descubrir as nosas receitas e os produtos e produtores que as fan posibles.

RUTA DA FABA

COCIÑANDO A MARIÑA

This article is from: