
3 minute read
Conxuntos históricos
VIVEIRO
Cidade histórica, rodeada de fermosas paisaxes por mor da súa privilexiada posición no esteiro do río Landro, o seu desenvolvemento como porto comercial veuse favorecido por esta situación. Hoxe é un núcleo turístico de referencia que conserva, nas acolledoras prazas e estreitas rúas da cidade vella, monumentos de notable interese patrimonial, como a Igrexa conventual de San Francisco, de estilo oxival; a Igrexa románica de Santa María; o Convento das Concepcionistas ou a Casa dos Leóns. Destacan tamén tres portas das seis que tivo a antiga muralla: a da Vila, a do Valado — xunto á cal se aprecia o lenzo de muralla mellor conservado—, e a plateresca de Carlos V (s. XVI), situada fronte á ponte da Misericordia. Na praza do Concello réndeselle homenaxe, cunha estatua, ao destacado político e poeta romántico viveirense Nicomedes Pastor Díaz.
Advertisement
MONDOÑEDO

Sé episcopal dende o s. XII e capital das sete provincias do antigo Reino de Galicia, Mondoñedo atesoura na maraña das súas estreitas rúas de pedra edificios de importante valor histórico e artístico que teñen na Catedral Basílica da Asunción (s. XIII) a súa cima expresiva. Este monumento, que lle pon marco a unha fermosa praza, foi declarado Patrimonio Mundial pola UNESCO canda o Camiño de Santiago do Norte que atravesa a cidade. Xunto aos seus moitos monumentos, Mondoñedo garda recunchos inesquecibles, coma o Barrio artesanal dos Muíños ou a Alameda dos Remedios. Para empaparte da súa atmosfera cultural, podes visitar a Catedral, o Museo Catedralicio e Diocesano, a Casa Museo de Álvaro Cunqueiro ou o Centro de Interpretación da Imprenta. Dende o 2018, Mondoñedo integra a rede de “Los Pueblos más bonitos de España”.
VILAS HISTÓRICAS
As tres cidades contan con oficinas de turismo de apertura permanente e coas Audioguías ficcionadas da Mariña Lucense.
As dinámicas e elegantes rúas deste centro histórico que domina a ría de Ribadeo amosan unha interesante combinación de estilos construtivos que nos falan do seu puxante pasado. Antigas casas de mariñeiros e artesáns conviven con edificios de grande avoengo, coma as vivendas de ricos fidalgos ou as numerosas casas indianas que lle outorgan o seu carácter definitivo. A praza do Campo ou de España é o centro neurálxico da cidade, e nela érguense a cosmopolita Torre dos Moreno, o Pazo neoclásico de Ibáñez, o Convento de Santa Clara e a Igrexa de Santa María do Campo. A Aduana vella (s. XVIII), o Castelo de San Damián (s. XVIII) ou o «Cargadoiro» completan o percorrido por esta cidade, que lle ofrece ao visitante diversas propostas de interese, como as súas rutas temáticas sobre os Indianos ou o Ribadeo Ilustrado, entre outras. No concello de Cervo sitúanse as Reais Fábricas de Sargadelos, conxunto histórico referente do turismo industrial en Galicia conformado polas antigas instalacións siderúrxicas; a Casa da Administración, hoxe Museo Histórico (+ info 982 107 654); a Antiga Fábrica de Louza; a Casa do Peso; a presa e o mais o canal —Paseo dos Namorados—; o Pazo de Ibáñez; o Camiño Real; a Igrexa de Santiago, e o cemiterio.



Esta iniciativa, dedicada inicialmente á fundición de ferro e logo á louza e vidro, foi obra do ilustrado Antonio Raimúndez Ibáñez (17091809). Tras cesar na súa actividade en 1875, rexorde a mediados do s. XX grazas a Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane cunha nova fábrica de cerámica que segue a ser hoxe unha icona da cultura galega, con pezas de identidade inconfundible.
No antigo edificio das cortes das bestas, sitúase o Centro de Emprendemento e Artesanía. A fábrica acolle o Museo Sargadelos, que ofrece visitas guiadas. + info: 982 557 841.