
3 minute read
Actividades na natureza
A diversidade xeográfica deste destino ábreche as portas a gozar do medio natural con variadas propostas que van dende a súa observación e descuberta ata alternativas moi dinámicas para os máis destemidos. As rías forman abeiros naturais perfectos para a práctica de actividades náuticas todo o ano e a accesibilidade e orientación das súas numerosas praias fan delas un paraíso para o surf.
Instalacións náutico-deportivas, concellos, guías especializados e máis de vinte empresas de actividades deportivas e de aventura ofrecen interesantes opcións e facilitan a práctica destas actividades para debutantes e iniciados.
Advertisement


Surf, windsurf, kitesurf, paddle-surf, vela lixeira... Paseos e rutas marítimas guiadas. Alugueiro de embarcacións. Snorkel e Mergullo. Canoas e Kayak de travesía (rutas e excursións). Esquí náutico, wakeboard. Sendeirismo; Trail running; Rutas para BTT. Rutas a cabalo Espeleoturismo. Parapente. Barranquismo. Escalada; Rapel. Pesca marítima de recreo e pesca fluvial. Visitas guiadas por expertos en todo o territorio relacionadas co patrimonio cultural e natural da zona e rutas específicas micolóxicas, ornitolóxicas e xeolóxicas.
TURISMO ORNITOLÓXICO

Na Mariña Lucense existen interesantes zonas para a observación de aves. Dende os seus numerosos cabos pódese contemplar a migración anual de milleiros de aves mariñas, en especial en Cabo Burela. Doutra banda, os seus tres espazos declarados Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) son fundamentais para a conservación de varias especies, ben porque moitas aves acuáticas atopan neles abeiro nas súas viaxes migratorias, ben porque se reproducen alí.
A Costa da Mariña Occidental é refuxio de colonias de aves mariñas, cunha importante poboación de gabita euroasiática. A Ría de Foz acolle unha comunidade heteroxénea de aves acuáticas no inverno e no paso outonal: cullereiro, gaivotas, anátidos e limícolas. No esteiro concéntranse poboacións invernantes de mazarico real e mazarico rubio de importancia nacional. A Ría de Ribadeo é lugar de descanso para as aves acuáticas e destaca pola invernada do asubiador e do pato rabudo. No interior, na Serra do Xistral, crían especies de paxaros de montaña escasas a nivel galego, como o verderolo serrano, o úbalo e o bicotorto común.
XEOTURISMO
Este destino, de visita imprescindible do xeoturismo en España, posúe singulares formas na súa costa que evidencian a evolución do relevo por mor da interacción de diversos factores, como: o substrato rochoso, a forza das ondas, a influencia das mareas ou a acción do salitre sobre as rochas. Predominan cuarcitas, lousas, xistos, gneis e granitos que, ás veces, presentan grandes fallas e dobramentos, como poderás observar en Burela, que posúe o conxunto de dobramentos mellor conservado de Galicia. A erosión deses substratos e o transporte e depósito dos sedimentos crea covas marítimas ou furnas, bufadores («ollos»), illas, illotes e arcos característicos desta costa, que ten o seu máximo expoñente na Praia das Catedrais.

Diversos concellos, entre os que Burela e Ribadeo son pioneiros, promoven rutas xeolóxicas para comprender a orixe, formación e evolución desta terra.
SENDEIRISMO
Porque poñer as botas e lanzarse a andar resulta moi saudable, natural e agradecido para coñecer a contorna, animámoste a percorrer os nosos sendeiros, espallados por todo o territorio e con diversas propostas de duración, dificultade e paisaxe. Trabada, O Vicedo e A Pontenova contan con sendeiros homologados e en case todos os municipios terás alternativas para adentráreste nas nosas fragas autóctonas e de ribeira e en contornas de serra e de costa.
Hai na Mariña dous Camiños Naturais: o da Ruta do Cantábrico, que che propón percorrer en 131 km —7 etapas— toda a nosa costa, e o de San Rosendo, que conec ta Mondoñedo con Foz en 32 km pasando pola Basílica de San Martiño.
