2 minute read

Pasado industrial

Os atractivos da Mariña Lucense son numerosos e variados. Alén do amplo patrimonio eclesiástico e civil existente, hai un patrimonio industrial moi salientable no cal, ademais de antigas cetarias, fábricas de salga, baleeiras, fábricas de tecido ou centrais eléctricas, destacan sen dúbida o conxunto de Sargadelos e os elementos relacionados coa extracción, transformación e transporte do ferro. A abundancia na zona deste mineral está na orixe das dúas minas de ferro máis grandes de Galicia.

Das minas da Silvarosa en Viveiro (1899-1969) consérvase, rehabilitado, o antigo cargadoiro da Ínsua, xunto aos restos das moegas e ao tranvía aéreo que conectaba coa mina a 5 km. Pola súa banda, na cunca do río Eo, a Sociedad Minera Villaodrid comeza en 1900 a explotación de ferro de dous grupos de minas: Vilaoudriz e Boulloso, cada un con cadansúa batería de fornos de calcinación. Tras o seu peche definitivo en 1966, hoxe podes ver rehabilitados un forno en Boulloso e os cinco de Vilaoudriz, no centro da Pontenova, que, cos depósitos do mineral ou as moegas de carga, evidencian o seu portentoso pasado mineiro. Diversas rutas permiten coñecer este patrimonio; entre elas, a Ruta do ferrocarril (Vía Verde), que percorre parte do trazado que unía Vilaoudriz con Ribadeo (O Cargadoiro) para a exportación do mineral. + info: 982 34 21 01

Advertisement

Á beira dos ríos Reigadas e Ferreiravella, proliferaron antigamente ferrerías, mazos e moas. A Ruta do Ferro propón un percorrido de 8 km que parte das Rodrigas, capital de Riotorto —e que podes principiar tamén no Mazo, acurtándoo—, para coñecer o patrimonio asociado á transformación do ferro, incluíndo o rehabilitado mazo da Fraga de Ferreiravella (visitas: 982 161 677). Tamén podes visitar ferrerías nos municipios de Riotorto e A Pontenova da man dos seus ferreiros, que, a golpe de martelo, fabrican fouciñas, coitelos e navallas, mantendo viva a antiga tradición local (consulta as Rutas de Artesanía).

Nas últimas décadas do s. XIX e principios do s. XX, merece destacarse o valioso legado que os indianos (emigrantes retornados tras «faceren as Américas») transmitiron ao territorio... dende as súas grandes e elegantes vivendas ata diversas iniciativas económicas e socioculturais. Nos municipios de Ribadeo, Barreiros, Viveiro e Ourol atoparás numerosas mostras deste patrimonio —disperso tamén por todo o destino—, reflexo da importante emigración que afectou á zona.

This article is from: