3 minute read

Costa e praias

Next Article
Aloxamento

Aloxamento

Espazos ideais para relaxarse e sentirse a gusto.

Os máis de cen quilómetros desta costa verde están definidos polas súas pequenas rías —en comparanza coas do resto de Galicia— e a sucesión de areais e cantís. Unha costa de elevado valor paisaxístico e un espazo rico tamén en patrimonio cultural, cheo de posibilidades para a práctica deportiva, para a observación da natureza, para os que procuran baños e praias de gran calidade... así como para o deleite dos amantes de paseos infinitos polas sendas costeiras ou polos extensos areais.

Advertisement

Na franxa costeira aséntase a maior parte da poboación da Mariña Lucense, que anda polos 72.000 habitantes. É unha zona moi vencellada á pesca —con dous dos portos máis importantes do Cantábrico en Burela e en Viveiro (Celeiro)— e tamén á actividade agropecuaria e forestal. Aquí, o turismo tradicionalmente asociado ao sol e á praia está a dar lugar a experiencias máis integrais, máis demoradas e relaxantes, favorecidas pola variadas posibilidades do territorio.

CULTURA MARIÑEIRA

Para coñeceres mellor o mundo do mar, ademais de visitar os portos e vilas costeiras e de degustar a súa deliciosa gastronomía local, animámoste a visitar: os mercados e lonxas, coma as de Celeiro (Viveiro) e Burela, de moito rebumbio e colorido; os faros —coma Illa Pancha (Ribadeo), Roncadoira (Xove), ou Punta da Atalaia (San Cibrao)—, e outros atractivos da nosa cultura mariñeira que lle ofrecen interesantes propostas ao visitante. É o caso do

Barco museo boniteiro «Reina del Car-

men» e da nave das redeiras en Burela, ou do Museo Provincial do Mar e o Estaleiro artesanal de Francisco Fra, ambos os dous en San Cibrao (Cervo).

Na zona do porto da estival localidade de Foz, no tradicional porto de Rinlo (Ribadeo) ou no Portiño de Morás (Xove), encontrarás tamén pintorescos recunchos con sabor mariñeiro.

Entre as pegadas deixadas por unha economía ligada ao mar están as ruínas das fábricas de salga de San Cibrao e da Praia de Caolín (O Vicedo); as cetarias nos arredores de Rinlo (Ribadeo), e os cargadoiros da Ínsua (Viveiro) e Ribadeo; na súa veciñanza tamén atoparás o Forte de San Damián, construído no s. XVII para a defensa da ría e da súa poboación.

A variada oferta de praias de area branca e augas claras con que conta A Mariña Lucense fai imposible que non deas atopado aquí o teu recuncho favorito. Máis de sesenta alternativas entre as que encontrarás praias familiares con múltiples servizos, outras máis illadas e íntimas, ou largos areais que o devalo da marea transforma en infinitos. Neste último ano, 18 praias ostentaron a distinción de BANDEIRA AZUL, que identifica aquelas praias recoñecidas polas súas condicións de seguridade e servizos, a calidade das súas augas e polas accións de información e xestión ambiental que levan a cabo.

Nesta costa vas atopar a temperatura da auga máis cálida de Galicia.

Podes percorrer esta costa de varias formas: en coche, con zonas nas que podes conducir á beira do mar por estradas secundarias; en FEVE, un tren de vía estreita con vistas marabillosas e que nas súas liñas regulares ofrece servizos entre O Vicedo e Ribadeo; e outra opción, sen dúbida tentadora, é a que che ofrece o Camiño Natural da Ruta do Cantábrico: ires saboreando paseniño este litoral, andando ou en bicicleta.

+INFO

This article is from: