A Mariña Lucense ao descuberto

Page 24


AO DESCUBERTO

Publicada por Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense

Deseño

100X100 Comunicación y Creatividad

Cartografía

Samuel Nájera Bailón

Fotografía

Antonio Paz, Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense

Excepto:

lván Nespereira: páxinas 8 a; 21 a; 30 a; 35 d

Carlos Cornide: páxina 10 a

Eduardo De Martís: páxinas 30 b, c; 31 b, c

amarinalucense.gal

Con esta publicación turística queremosche presentar A Mariña Lucense e axudarche a descubrir as posibilidades que ofrece para gozar dunha estancia máis enriquecedora.

Somos un recuncho do mundo á beira do mar Cantábrico, no norte de Galicia. Un espazo auténtico e tranquilo, no que a montaña e o mar abrázanse conformando amplos vales fértiles que esconden verdadeiros tesouros naturais e artísticos. Unha terra que soubo respectar o legado do que o tempo deseñou e que garda, no seu patrimonio e na súa xente, a esencia de Galicia.

As ligazóns lévante a información máis detallada, dirixíndote a espazos web específicos.

A MARIÑA LUCENSE

A Mariña Lucense ocupa o norte da provincia de Lugo na costa cantábrica e a súa contorna, entre as rías de Ribadeo e O Vicedo-O Barqueiro.

Os seus límites están definidos ao leste polo río Eo e ao oeste polo río Sor; as serras do Xistral, O Pousadoiro e Lourenzá marcan o límite sur, no interior.

Está composta por dezaséis municipios que a dotan de atractivos moi diversos: Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, A Pontenova, Ribadeo, Riotorto, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove.

DESCARGA O MAPA

ESPAZOS CON ENCANTO NATURAL

Este territorio reúne atractivos de mundos moi diversos. A beleza das montañas, a paz dunha campía riscada por ducias de ríos e o horizonte infinto da costa cantábrica.

As serras litorais e prelitorais ofrecen puntos panorámicos inigualables e conteñen elementos naturais únicos en Galicia, como a extensa superficie de turbeiras da Serra do Xistral. Os ríos, que modelaron os produtivos vales da Mariña, amosan nas súas beiras redutos de bosque autóctono e nos seus esteiros obsérvase unha gran variedade de fauna e vexetación. Pola súa banda, a costa posúe unha enorme diversidade natural e os seus relevantes recursos xeomorfolóxicos achéganlle á paisaxe un engado singular e extraordinario.

Varias zonas protexidas dan proba do valor natural da zona, na que tamén existen extensas masas de cultivo forestal (principalmente eucalipto). Recoñecidas para a súa protección dentro da Rede Natura 2000, están as costas da Mariña Occidental e As Catedrais; as serras de Monte Maior e O Xistral; as rías de Ribadeo, Foz, Viveiro e O Vicedo-O Barqueiro; os ríos Eo, Masma, Ouro e Landro e a fraga de Carballido. Enclaves como o Souto da Retorta e a Praia das Catedrais son Monumentos Naturais.

Neste contexto tan diverso, atoparás un amplo abano de paisaxes e lugares con encanto nos que desconectar e respirar a vida.

SERRA DO XISTRAL

No interior da Mariña Lucense atópase A Serra do Xistral, un macizo montañoso de interposición entre o mar Cantábrico e a Terra Chá conformado por montañas alombadas que teñen como punto máis alto o pico do Cadramón (1.056 m). Unha paisaxe de carácter salvaxe, malia levar séculos habitada, que permite pasar en escasos quilómetros da campía máis feiticeira a panorámicas que lembran as Highlands escocesas.

Un espazo protexido (ZEC-Rede Natura 2000), abondoso en ventos e onde as brétemas e as precipitacións alimentan ríos que flúen cara a diferentes cuncas e turbeiras consideradas, xunto coas uceiras húmidas existentes, os maiores reservorios de carbono da Europa temperada.

Nas zonas altas, é habitual ver cabalos e vacas, que pacen ceibes ao pé de enormes muíños de vento. A maior parte da poboación habita os vales de menor altitude, dadas as condicións climáticas máis adversas da serra.

Para coñeceres a zona podes percorrer a LU-P-0101, que une O Valadouro con Abadín ou profundar en visitas con guías expertos.

COVA DO REI CINTOLO

A 15 minutos de Mondoñedo, preto da aldea de Supena e nunha contorna de evidente beleza, atópase esta cova. É a cavidade máis grande de Galicia, con 6,5 km de desenvolvemento. Un lugar de interese científico, xeolóxico e de referencia para a espeleoloxía en Galicia. A súa constitución, de pedra calcaria e lousa, deu lugar a unhas galerías características con estalactitas, estalagmitas, columnas, coadas e gourdams. Visitable só con reserva previa.

+INFO 982 507 177

De maneira regular, o Concello de Mondoñedo ofrece visitas guiadas de espeleoturismo.

SOUTO DA RETORTA

Coñecido tamén como o «eucaliptal de Chavín», este Monumento Natural situado en Viveiro garda, ademais de especies de bosque autóctono, enormes eucaliptos centenarios. Árbores plantadas a partir de 1880, que hoxe alcanzan dimensións colosais, tales coma «O Avó», de 126 anos, con 71,4 m de alto e un perímetro de 7,6 m. A súa función era drenar estas terras, próximas ao río Landro, e evitar os repetidos asolagamentos que afectaban á actividade industrial da zona, relacionada co innovador empresario José Barro.

A 7 km de Viveiro, accédese dende a LU-161 e conta con zona de estacionamento.

PRAIA DAS CATEDRAIS

Dentro dun espazo costeiro protexido (ZEC-Rede Natura 2000) de 297 hectáreas, sitúase o Monumento Natural Praia das Catedrais, famoso polos seus enormes arcos furados nun cantil de ata 30 metros de altura que se poden observar dende o areal no devalo da marea. O concello de Ribadeo e a Xunta de Galicia organizan visitas con expertos neste espazo natural.

O acceso é sinxelo, dende a A-8 e dende a N-634.

FUCIÑO DO PORCO

Despois de percorrer unha zigzagueante pasarela de madeira, este recanto bravío e espectacular situado no Vicedo, na entrada da ría de Viveiro, regálanos unhas fermosas panorámicas do Cantábrico.

O acceso está indicado dende a LU-862. Podes deixar o vehículo no aparcadoiro municipal sinalizado na contorna da praia da Abrela, que te conducirá ao miradoiro nuns 15 minutos de paseo.

RESERVA CATEDRAIS

RESERVA FUCIÑO DO PORCO

Nos últimos anos, estes dous lugares adquirion un claro protagonismo. En ambos os casos, en épocas de maior afluencia cómpre facer unha reserva previa á visita.

ARTE NA NATUREZA

ESPAZO CARITEL

A obra artística do destacado escultor Daniel Caxigueiro, xunto coa súa paixón pola natureza, deron como resultado este fermoso xardín botánico que te sorprenderá pola súa cantidade e variedade de plantas do mundo. Destacan as súas coleccións de camelias e hortensias.

Situado fronte á Basílica de San Martiño de Mondoñedo (Foz).

+ INFO 982 132 694

FINCA GALEA

Grazas a este especial recanto pódeste adentrar no mundo da auga dende unha perspectiva etnográfica e artística. Un lugar ideal para pasear á beira do río Ouro e descubrir os seus diversos atractivos, como o muíño e folón activos, o lago, pequenas canles ou as árbores fosilizadas.

Desvío indicado dende a LU-160, na Seara (Alfoz), a menos de 1 km. Próximo sitúase o Castelo de Castro de Ouro.

+ INFO 690 156 081

Galicia é o país dos mil ríos, dicía o escritor mindoniense Álvaro Cunqueiro. A Mariña Lucense, de certo, non é a excepción. As augas dos seus ríos, regueiros e regatos ofrecen, en combinación coa accidentada orografía do terreo, incontables motivos para a presenza de pozas, saltos e fervenzas de diverso tamaño repartidas por todo o territorio.

Na Mariña podes atopar máis de dez fervenzas e pozas espalladas pola paisaxe; algunhas agochadas, outras máis accesibles, algunhas con opción para o baño e, todas elas, con encanto de seu.

SALTOS E FERVENZAS

A Férrea A Pontenova
Escouridal
Alfoz-O Valadouro
Guilán Xove
A Fervenza Mondoñedo
Pozo da Onza O Valadouro
Xestosa Ourol
Salto do Coro Mondoñedo
Pozo da Ferida Xove-Viveiro
Santo Estevo do Ermo Barreiros

COSTAS E PRAIAS

Os máis de cen quilómetros desta costa verde están definidos polas súas pequenas rías -en comparanza coas do resto de Galicia- e a sucesión de areais e cantís. Unha costa de elevado valor paisaxístico e un espazo rico tamén en patrimonio cultural, cheo de posibilidades para a práctica deportiva, para a observación da natureza, para os que procuran baños e praias de gran calidade... así como para o deleite dos amantes de paseos infinitos polas sendas costeiras ou polos extensos areais.

Na franxa costeira aséntase a maior parte da poboación da Mariña Lucense, que anda polos 72.000 habitantes. É unha zona moi vencellada á pesca -con dous dos portos máis importantes do Cantábrico en Burela e en Viveiro (Celeiro)- e tamén á actividade agropecuaria e forestal. Aquí, o turismo tradicionalmente asociado ao sol e á praia está a dar lugar a experiencias máis integrais, máis demoradas e relaxantes, favorecidas polas variadas posibilidades do territorio.

CULTURA MARIÑEIRA

Para coñeceres mellor o mundo do mar, ademais de visitar os portos e vilas costeiras e de degustar a súa deliciosa gastronomía local, animámoste a visitar: os mercados e lonxas, coma as de Celeiro (Viveiro) e Burela, de moito rebumbio e colorido; os faros coma Illa Pancha (Ribadeo), Roncadoira (Xove), ou Punta da Atalaia (San Cibrao), e outros atractivos da nosa cultura mariñeira, que lle ofrecen interesantes propostas ao visitante. É o caso do Barco museo boniteiro “Reina del Carmen” e da nave das redeiras en Burela, ou do Museo Provincial do Mar e o Estaleiro artesanal de Francisco Fra, ambos os dous en San Cibrao (Cervo).

Na zona do porto da estival localidade de Foz, no tradicional porto de Rinlo (Ribadeo) ou no Portiño de Morás (Xove), encontrarás tamén pintorescos recunchos con sabor mariñeiro.

Entre as pegadas deixadas por unha economía ligada ao mar están as ruínas das fábricas de salga de San Cibrao e da Praia de Caolín (O Vicedo); as cetarias nos arredores de Rinlo (Ribadeo), e os cargadoiros da Ínsua (Viveiro) e Ribadeo; na súa veciñanza tamén atoparás o Forte de San Damián, construído no s. XVII, para a defensa da ría e da súa poboación.

CULTURA

MARIÑEIRA

PRAIAS

A variada oferta de praias de area branca e augas claras con que conta A Mariña Lucense fai imposible que non deas atopado aquí o teu recuncho favorito. Máis de sesenta alternativas entre as que encontrarás praias familiares con múltiples servizos, outras máis

illadas e íntimas, ou largos areais que o devalo da marea transforma en infinitos. 16 praias ostentan a distinción de Bandeira Azul que identifica aquelas praias recoñecidas polas súas condicións de seguridade e servizos, a calidade das súas augas e polas accións de información e xestión ambiental que levan a cabo.

Podes percorrer esta costa de varias formas: en coche, con zonas nas que podes conducir á beira do mar por estradas secundarias; en FEVE, un tren de vía estreita con vistas marabillosas e que nas súas liñas regulares ofrece servizos entre O Vicedo e Ribadeo; e outra opción, sen dúbida tentadora, é a que che ofrece o Camiño Natural da Ruta do Cantábrico: ires saboreando paseniño este litoral, andando ou en bicicleta.

PATRIMONIO CULTURAL

Sobre as pegadas do pasado

Falar de historia na Mariña Lucense é falar de Pedro Pardo de Cela (14251483), gran señor feudal destas terras que morreu axustizado na praza da Catedral de Mondoñedo porque se alzou en contra dos Reis Católicos.

Comendeiro do Bispado de Mondoñedo, alcalde de Viveiro, dono de xurisdicións, castelos, fortalezas e pazos, deixou un senlleiro legado cultural en forma de historias, lendas e monumentos. Lugares da zona relacionados coa súa vida inspiraron a Ruta Pardo de Cela, que inclúe os restos do Castelo da Frouseira (FozAlfoz), o Castelo de Castro de Ouro (Alfoz), o mosteiro de San Salvador en Lourenzá, a Basílica de San Martiño de Mondoñedo (Foz) e as cidades de Viveiro e Mondoñedo.

A Audioguía ficcionada de Alfoz proponche que te mergulles na vida e legado de Pardo de Cela da man dos seus protagonistas.

Os restos arqueolóxicos encontrados no territorio demostran a presenza de poboación dende o Paleolítico Inferior (achados de restos de útiles en Louselas-Ribadeo) e con continuidade confirmada dende hai uns 10.000 a 8.000 anos a. C. (finais do Paleolítico Superior ou Epipaleolítico). Co paso do tempo, estas poboacións deron lugar á configuración de numerosos poboados castrexos dispersos por todo o territorio. Algúns deles evidencian nas súas estruturas a influencia da súa romanización.

Testemuños deste pasado prehistórico son o Dolmen de Santo Tomé (O Valadouro) ou o Círculo lítico A Roda (Barreiros). Para afondar na cultura castrexa, podes visitar o xacemento de San Tirso de Portocelo (Xove), con visita organizada; o Castro costeiro de Fazouro (Foz), moi accesible, de fácil observación e pequenas dimensións, e o Castro de Zoñán (Mondoñedo), de gran tamaño, con orixe no Bronce final e con construcións á vista datadas entre os ss. I e V d. C. Tamén de doado acceso.

Na Idade Media (s. XII), Viveiro e Ribadeo vanse consolidando como vilas, e cando a sé episcopal se traslada a Vilamaior do Val de Brea este núcleo convértese na nova cidade de Mondoñedo. Ademais destas grandes poboacións, van xurdindo diversas vilas costeiras (San Cibrao, Burela e Foz), relacionadas coa industria baleeira, a exportación de madeira e peixe e a importación de viños.

BASÍLICA DE SAN MARTIÑO DE MONDOÑEDO Foz

A uns 5 km de Foz, sitúase este antigo monumento románico levantado no ano 1075 da man do bispo Gonzalo Froilaz. Sé episcopal dende o ano 864, aglutinou as dioceses dumiense e britoniense ata que no s. XII se decide o seu traslado a Vilamaior do Val de Brea, hoxe Mondoñedo. É Monumento Nacional e no seu interior esconde auténticas xoias patrimoniais; entre elas, os seus capiteis historiados, sartegos de antigos bispos e pinturas do s. XVI e do s. XII. Estas últimas son consideradas as máis antigas conservadas dentro do románico galego. Na que fora casa reitoral, atópase hoxe o Centro de Interpretación. Aberta á visita libre e con visita guiada.

+ INFO 982 132 607

MOSTERIO

DE SAN SALVADOR

Vilanova de Lourenzá

O antigo mosteiro dúplice, fundado polo conde Osorio Gutiérrez no ano 969, vivirá a partir do s. XVII o seu momento de maior esplendor. A actual Igrexa de Santa María (s. XVIII) é obra de Frei Juan de Samos, rematada por Fernando de Casas Nóvoa, autor da fachada, que se supón foi un ensaio previo á súa obra máis importante, a fachada do Obradoiro. Garda no seu interior: un retablo neoclásico de Ventura Rodríguez, con imaxes de Ferreiro; na sancristía, un impresionante relicario barroco, e na capela de Nosa Señora de Valdeflores, o famoso sarcófago do conde Osorio Gutiérrez («Conde Santo»), obra paleocristiá realizada na Aquitania Francesa no s. VII. O mosteiro acolle o Concello e o Centro de Interpretación da Faba. Aberto á visita libre e con visita guiada.

+ INFO 982 121 006

CASTELO DE CASTRO DE OURO

Alfoz

Como unha atalaia no val do río Ouro, érguese este monumento emblemático de Alfoz que fora ocupado por Pardo de Cela no s. XV. Situado sobre un antigo castro (s. I), consérvase a torre homenaxe da primitiva fortaleza, relacionada coa fundación dun mosteiro familiar no s. XI. No seu interior acolle un punto de información turística, sala de exposición e museo. Ao pé da torre, a Igrexa parroquial de San Salvador, antiga capela do Castelo. Nas proximidades (1,1 km) podes visitar a Finca Galea.

+ INFO 982 558 578

CONXUNTOS HISTÓRICOS DE VISITA IMPRESCINDIBLE +INFO

VIVEIRO

Cidade histórica, rodeada de fermosas paisaxes por mor da súa privilexiada posición no esteiro do río Landro, o seu desenvolvemento como porto comercial veuse favorecido por esta situación. Hoxe é un núcleo turístico de referencia que conserva, nas acolledoras prazas e estreitas rúas da cidade vella, monumentos de notable interese patrimonial, como a Igrexa conventual de San Francisco, de estilo oxival; a Igrexa románica de Santa María; o Convento das Concepcionistas ou a Casa dos Leóns.

Destacan tamén tres portas das seis que tivo a antiga muralla: a da Vila, a do Valado -xunto á cal se aprecia o lenzo de muralla mellor conservado-, e a plateresca de Carlos V (s. XVI), situada fronte á ponte da Misericordia.

Na praza do Concello réndeselle homenaxe, cunha estatua, ao destacado político e poeta romántico viveirense Nicomedes Pastor Díaz.

MONDOÑEDO

Sé episcopal dende o s. XII e capital das sete provincias do antigo Reino de Galicia, Mondoñedo atesoura na maraña das súas estreitas rúas de pedra edificios de importante valor histórico e artístico que teñen na Catedral Basílica da Asunción (s. XIII) a súa cima expresiva. Este monumento, que lle pon marco a unha fermosa praza, foi declarado Patrimonio Mundial pola UNESCO canda o Camiño de Santiago do Norte que atravesa a cidade.

Xunto aos seus moitos monumentos, Mondoñedo garda recunchos inesquecibles, coma o Barrio artesanal dos Muíños ou a Alameda dos Remedios. Para empaparte da súa atmosfera cultural, podes visitar a Catedral, o Museo Catedralicio e Diocesano, a Casa Museo de Álvaro Cunqueiro ou o Centro de Interpretación dos abastecementos de auga de Mondoñedo, situado no interior da Fonte Vella. Dende o 2018, Mondoñedo integra a rede de “Los Pueblos más bonitos de España”.

Podes coñecer estes catro Conxuntos Históricos deixándote acompañar polas Audioguías ficcionadas da Mariña Lucense.

RIBADEO SARGADELOS

As dinámicas e elegantes rúas deste centro histórico que domina a ría de Ribadeo amosan unha interesante combinación de estilos construtivos que nos falan do seu puxante pasado. Antigas casas de mariñeiros e artesáns conviven con edificios de grande avoengo, coma as vivendas de ricos fidalgos ou as numerosas casas indianas que lle outorgan o seu carácter definitivo. A praza do Campo ou de España é o centro neurálxico da cidade, e nela érguense a cosmopolita Torre dos Moreno, o Pazo neoclásico de Ibáñez, o Convento de Santa Clara e a Igrexa de Santa María do Campo.

A Aduana vella (s. XVIII), o Porto, o Castelo de San Damián (s. XVIII) ou o “Cargadoiro” completan o percorrido por esta cidade, que lle ofrece ao visitante diversas propostas de interese, como as súas rutas temáticas: Ribadeo Indiano, Ribadeo Ilustrado ou Ribadeo Antigo.

No concello de Cervo sitúanse as Reais Fábricas de Sargadelos, conxunto histórico referente do turismo industrial en Galicia conformado polas antigas instalacións siderúrxicas; a Casa da Administración, hoxe Museo Histórico (+ info 982 107 654); a Antiga Fábrica de Louza; a Casa do Peso; a presa e o mais o canal -Paseo dos Namorados-; o Pazo de Ibáñez; o Camiño Real; a Igrexa de Santiago, e o cemiterio.

Esta iniciativa, dedicada inicialmente á fundición de ferro e logo á louza e vidro, foi obra do ilustrado Antonio Raimúndez Ibáñez (1709-1809). Tras cesar na súa actividade en 1875, rexorde a mediados do s. XX grazas a Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane cunha nova fábrica de cerámica que segue a ser hoxe unha icona da cultura galega, con pezas de identidade inconfundible.

No antigo edificio das cortes das bestas, sitúase o Centro de Emprendemento e Artesanía. A fábrica acolle o Museo Sargadelos, que ofrece visitas guiadas.

+ INFO 982 557 841

OS ATRACTIVOS DUN PASADO INDUSTRIAL

Os atractivos da Mariña Lucense son numerosos e variados. Alén do amplo patrimonio eclesiástico e civil existente, hai un patrimonio industrial moi salientable no cal, ademais de antigas cetarias, fábricas de salga, baleeiras, fábricas de tecido ou centrais eléctricas, destacan sen dúbida o conxunto de Sargadelos e os elementos relacionados coa extracción, transformación e transporte do ferro. A abundancia na zona deste mineral está na orixe das dúas minas de ferro máis grandes de Galicia.

Das minas da Silvarosa en Viveiro (1899-1969) consérvase, rehabilitado, o antigo cargadoiro da Ínsua, xunto aos restos das moegas e ao tranvía aéreo que conectaba coa mina a 5 km.

Pola súa banda, na cunca do río Eo, a Sociedad Minera Villaodrid comeza en 1900 a explotación de ferro de dous grupos de minas: Vilaoudriz e Boulloso, cada un con cadansúa batería de fornos de calcinación. Tras o seu peche definitivo en 1966, hoxe podes ver rehabilitados un forno en Boulloso e os cinco de Vilaoudriz, no centro da Pontenova que xunto aos depósitos do mineral ou as moegas de carga, evidencian o portentoso pasado mineiro deste concello.

Diversas propostas permiten coñecer este patrimonio, entre elas, a Ruta das minas (5,6 km) ou a Ruta do Ferrocarril (Vía Verde) que percorre parte do trazado que unía Vilaoudriz con Ribadeo (O Cargadoiro) para a exportación do mineral. Co nome de “Tirolina das minas”, o Complexo histórico e recreativo das Minas Consuelo e Boulloso, ofrece visitas guiadas a Mina Consuelo e a adrelanina dun descenso en tirolesa de máis de 300 metros.

Á beira dos ríos Reigadas e Ferreiravella, proliferaron antigamente ferrerías, mazos e moas. A Ruta do Ferro propón un percorrido de 8 km que parte das Rodrigas, capital de Riotorto —e que podes principiar tamén no Mazo, acurtándoo—, para coñecer o patrimonio asociado á transformación do ferro, incluíndo o rehabilitado mazo de la Fraga de Ferreiravella.

+ INFO 982 346 222

Tamén podes visitar ferrerías nos municipios de Riotorto e A Pontenova da man dos seus ferreiros, que, a golpe de martelo, fabrican fouciñas, coitelos e navallas, mantendo viva a antiga tradición local. Consulta a sección A Mariña Artesá.

A MARIÑA INDIANA

Nas últimas décadas do s. XIX e principios do s. XX, merece destacarse o valioso legado que os indianos (emigrantes retornados tras «faceren as Américas») transmitiron ao territorio... dende as súas grandes e elegantes vivendas ata diversas iniciativas económicas e socioculturais.

Nos municipios de Ribadeo, Barreiros, Viveiro e Ourol atoparás numerosas mostras deste patrimonio -disperso tamén por todo o destino- reflexo da importante emigración que afectou á zona.

En Ourol, a Ruta Indiana aglutina variados recursos arquitectónicos para achegarse á impoñente pegada da inmigración na zona.

CAMIÑO DE SANTIAGO DO NORTE

Peregrinar a Santiago é para moitos unha experiencia única e transformadora, unha forma especial de encontro cos lugares polos que se transita e cun mesmo.

O Camiño de Santiago do Norte, que atravesa este destino, foi declarado no 2015 Patrimonio da Humanidade polo seu indubidable valor cultural. É unha vía tan antiga como o Camiño Francés, elixida polos reis europeos da Idade Media para visitar a tumba do Apóstolo.

Entra en Galicia por Ribadeo, cruzando a Ponte dos Santos e continuando a través de Barreiros. Ou, máis ao sur, por Trabada dende Santiago de Abres. Tras o seu paso por Lourenzá e Mondoñedo, o Camiño continúa cara a Abadín, xa na Terra Chá, tras salvar un importante desnivel. Existe unha alternativa -pendente de sinalización- que conecta esta vía, dende Ribadeo e pola costa, co Camiño de Santiago Inglés, trátase do Camiño do Mar.

Ademais da oferta de albergues públicos existentes en Ribadeo, Trabada, Vilanova de Lourenzá e Mondoñedo, nos últimos anos novas propostas arrequentaron e completaron a oferta de aloxamentos deste Camiño co que poderás coñecer o noso importante patrimonio eclesiástico e civil, as intimidades da nosa paisaxe -que se aprecian mellor cando viaxas a pé-, a nosa rica gastronomía e a fonda amabilidade do carácter mariñán. Bo Camiño!

+INFO

ACTIVIDADES NA NATUREZA

A diversidade xeográfica deste destino ábreche as portas a gozar do medio natural con variadas propostas que van dende a súa observación e descuberta ata alternativas moi dinámicas para os máis destemidos. As rías forman abeiros naturais perfectos para a práctica de actividades náuticas todo o ano e a accesibilidade e orientación das súas numerosas praias fan delas un paraíso para o surf.

Instalacións náutico-deportivas, concellos, guías especializados e máis de vinte empresas de actividades deportivas e de aventura ofrecen interesantes opcións e facilitan a práctica destas actividades para debutantes e iniciados.

· Surf, windsurf, kitesurf, paddle-surf, vela lixeira...

· Paseos e rutas marítimas guiadas

· Alugueiro de embarcacións

· Snorkel e Mergullo

· Canoas e Kayak de travesía (rutas e excursións)

· Esquí náutico, wakeboard

· Sendeirismo; Trail running; Rutas para BTT

· Rutas a cabalo

· Espeleoturismo

· Parapente

· Barranquismo

· Escalada; Rapel

· Pesca marítima de recreo e pesca fluvial

· Descenso en tirolesa

· Visitas guiadas por expertos en todo o territorio relacionadas co patrimonio cultural e natural da zona e rutas específicas micolóxicas, ornitolóxicas e xeolóxicas

TURISMO ORNITOLÓXICO

Na Mariña Lucense existen interesantes zonas para a observación de aves. Dende os seus numerosos cabos pódese contemplar a migración anual de milleiros de aves mariñas, en especial en Cabo Burela. Doutra banda, os seus catro espazos declarados Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) fundamentais para a conservación de varias especies, subliña a importancia desta comarca dentro da Rede Natura 2000, consolidándose como un enclave estratéxico para a observación de aves ao longo de todo o ano.

A Costa da Mariña Occidental é refuxio de colonias de aves mariñas, cunha importante poboación de gabita euroasiática. A Ría de Foz acolle unha comunidade heteroxénea de aves acuáticas no inverno e no paso outonal: cullereiro, gaivotas, anátidos e limícolas. No esteiro concéntranse poboacións invernantes de mazarico real e mazarico rubio de importancia nacional. A Ría de Ribadeo é lugar de descanso para as aves acuáticas e destaca pola invernada do asubiador e do pato rabudo. No interior, na Serra do Xistral, crían especies de paxaros de montaña escasas a nivel galego, como o verderolo serrano, o úbalo e o bicotorto común.

XEOTURISMO

Este destino, de visita imprescindible do xeoturismo en España, posúe singulares formas na súa costa que evidencian a evolución do relevo por mor da interacción de diversos factores, como: o substrato rochoso, a forza das ondas, a influencia das mareas ou a acción do salitre sobre as rochas. Predominan cuarcitas, lousas, xistos, gneis e granitos que, ás veces, presentan grandes fallas e dobramentos, como poderás observar en Burela, que posúe o conxunto de dobramentos mellor conservado de Galicia. A erosión deses substratos e o transporte e depósito dos sedimentos crea covas marítimas ou furnas, bufadores («ollos»), illas, illotes e arcos característicos desta costa, que ten o seu máximo expoñente na Praia das Catedrais.

Diversos concellos, entre os que Burela e Ribadeo son pioneiros, promoven rutas xeolóxicas para comprender a orixe, formación e evolución desta terra.

SENDEIRISMO

Porque poñer as botas e lanzarse a andar resulta moi saudable, natural e agradecido para coñecer a contorna, animámoste a percorrer os nosos sendeiros, espallados por todo o territorio e con diversas propostas de duración, dificultade e paisaxe. Trabada, O Vicedo e A Pontenova contan con sendeiros homologados e en case todos os municipios terás alternativas para adentráreste nas nosas fragas autóctonas e de ribeira e en contornas de serra e de costa.

Hai na Mariña dous Camiños Naturais: o da Ruta do Cantábrico, que che propón percorrer en 131 km -7 etapas- toda a nosa costa, e o de San Rosendo, que conecta Mondoñedo con Foz en 32 km pasando pola Basílica de San Martiño.

EXPERIENCIAS

TURISMO

SLOW NORTE

DE GALICIA AUDIOGUÍAS FICCIONADAS

Ser un destino pouco masificado e con gran personalidade é a razón de que A Mariña Lucense integre, xunto co xeodestino FerrolterraRías Altas, a rede de aloxamentos Turismo Slow Norte de Galicia, que aglutina persoas e empresas que apostan polo desenvolvemento dun turismo sostible e responsable socialmente; anfitrións que estarán encantados de recibirte e de facilitarche a estadía.

A través da súa páxina web, poderás coñecer este proxecto e as propostas que o integran para vivir a túa experiencia slow.

Unha proposta amena e singular para descubrir, ademais do patrimonio máis salientable, a esencia íntima dos lugares, a súa voz, as súas historias e lendas. Os concellos de Alfoz, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ribadeo, Viveiro e Xove, contan con este produto deseñado e elaborado con rigor e agarimo polo Grupo Chévere, unha das compañías de teatro máis relevantes de España. A través de voces narradoras, escenas dramatizadas, entervistas, música ou mapas sonoros, gozarás de suxerentes viaxes. Para escoitar as audioguías ficcionadas da Mariña só tes que descargalas de forma gratuíta e… divírtete con elas!

A MARIÑA ARTESÁ

A Mariña conta cun importante legado cultural relacionado coa artesanía con arredor de 40 artesáns traballando nas máis variadas disciplinas. Desde carpinteiría de ribeira en Cervo, pasando polas alfarerías de Mondoñedo, Trabada e Viveiro; a cantería, calceta e títeres de Mondoñedo; a marroquinería en Ribadeo e ata as ferrerías da Pontenova e Riotorto entre moitas outras alternativas. Se queres coñecer aos artesáns e artesás da Mariña ou organizar itinerarios que te levarán por suxerentes lugares, entra na ligazón

A MARIÑA ARTESÁ e descubre toda a riqueza e variedade do noso patrimono cultural.

A MARIÑA ARTESÁ PLANS CON CORAZÓN

PLANS CON CORAZÓN

Cada ano nos meses de outono, a Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense organiza visitas e roteiros guiados da man de guías profesionais e axentes locais, para descubrir os valores naturais e culturais dos 16 concellos que integran o destino, abrindo pequenas xanelas con vistas aos lugares máis fermosos e singulares da Mariña. Se queres coñecer o proxecto e inspirarte para futuras visitas, accede á ligazón.

GASTRONOMÍA

A calidade das nosas materias primas, xunto coa tradición e a habelencia dos nosos cociñeiros son, de seguro, un reclamo excelente para que goces da nosa gastronomía. Pratos creados pola cultura, a historia e a economía da zona que representan unha oportunidade inigualable para conectar co territorio.

As zonas costeiras proporcionan produtos como a pescada do pincho de Celeiro -con selo de calidade-; o bonito do norte de Burela -capturado de forma tradicional-; os percebes de Rinlo; as cadeluchas e ourizos de mar; lagosta; santiaguiños; cáncaros; boi de mar e polbo, entre outras moitas lambiscadas mariñas procedentes da pesca diaria no Cantábrico, que asegura a súa frescura e calidade.

Da gandaría do territorio, podes degustar excelentes carnes de Tenreira Galega ou cachena e de porco celta.

As condicións climáticas e organolépticas dos vales permiten a plantación de produtos de recoñecida calidade, como a famosa Faba de Lourenzá, con Indicación Xeográfica Protexida (I. X. P.), e outros destacados produtos da horta, como a faba verdina, os grelos suaves, tomates, allos porros, espinacas ou leitugas, que deron orixe a marcas identitarias como Horta de Mondoñedo ou Verdina de Galicia.

Castañas, cogomelos e meles multiflorais son outros excelentes produtos locais que forman parte activa da nosa cociña, igual que a fariña, coa que se fan pan e empanadas artesanais moi recoñecidos, ou pratos tan de noso como a enfariñada de Trabada, que na Pontenova recibe o nome de faragullos.

Na repostería, a améndoa é un ingrediente estrela das exquisitas Tarta de Mondoñedo, Colineta de Viveiro ou Tarta de Riotorto. O chocolate artesán e doces típicos segundo a época do ano, coma na Semana Santa ou no Entroido, completan a deliciosa oferta habitual das nosas panadarías e pastelerías.

A gastronomía da Mariña forma parte innegable da súa identidade cultural. Para preservar e promover os seus valores, no ano 2024 creouse o Colectivo de Gastronomía da Mariña con representantes de toda a cadea de valor, desde produtores vinculados ao mar e á terra, ata cociñeiros, transformadores, comercializadores e hostaleiros do territorio que traballan baixo uns principios de sostibilidade e calidade e cunha visión comprometida na defensa dos valores da gastronomía local.

RUTA DA FABA

Esta ruta proponche vivir unha experiencia única de arte, natureza e gastronomía no corazón do fértil val de Lourenzá, territorio de condicións idóneas para o crecemento desta raíña dos legumes galegos que se estende por toda A Mariña Lucense.

A ruta ofrece coñecer de primeira man o artesanal proceso de produción da faba visitando os agricultores nas súas plantacións, así como a Cooperativa Terras da Mariña e o Centro de Interpretación da Faba. Tamén inclúe recursos moi destacados como o Mosteiro de San Salvador, a área do Muíño do Pereiro, o Miradoiro da Valiña e o Pazo Fortaleza de Tovar, mansión señorial fortificada de estilo gótico isabelino que Antonio de Tovar construíu sobre a torre de Canedo no s. XV e que hoxe acolle o Museo do Liño, o Rincón do Xoguete Tradicional e un restaurante.

+ INFO 982 121 006

ALOXAMENTO

A Mariña Lucense dispón dunha gran variedade de alternativas entre as que poderás atopar a túa opción de descanso ideal para planificar a túa estadía. Establecementos cunha excelente relación calidade-prezo e de diversa tipoloxía, como hoteis, pensións, casas de turismo rural, albergues públicos e privados, apartementos turísticos, acampamentos...

Nas zonas costeiras a oferta é moi ampla e diversa e nas zonas de interior tamén encontrarás interesantes opcións con establecementos de turismo rural distribuídos por todo o territorio e outros tipos de aloxamento máis concentrados nas capitais de municipio. Ao longo do Camiño Norte podes atopar, á parte de albergues públicos de peregrinos, albergues privados e outra variada oferta aloxativa.

Ademais da Rede de Aloxamentos Turismo Slow Norte de Galicia, o destino puxo en marcha nos últimos anos o Sistema Integral de Calidade Turística na Mariña (SICTED) que recoñece ás empresas e servizos que traballan pola mellora continua da calidade no destino e entre os que existen máis de vinte aloxamentos distinguidos, ademais de empresas que ostentan a Q de Calidade e a S de Sostiblidade.

FESTAS E EVENTOS

A oferta cultural e lúdica da Mariña Lucense é moi intensa e variada. Ademais da programación regular de cada municipio e dos seus mercados e feiras semanais ou quincenais, hai citas festivas gravadas con lume no calendario mariñán.

Festas, feiras, eventos e festividades ao longo de todo o ano, destacando algunhas de tipo gastronómico, máis dunha ducia de festas que contan coa declaración de «Festa de Interese Turístico de Galicia», celebracións como a Semana Santa de Viveiro de «Interese Turístico Internacional» ou o Resurrection Fest.

Entre as Festas de Interese Turístico de Galicia no ámbito gastronómico teñen este recoñecemento a Feira do bonito de Burela e as Festas da Faba de Lourenzá; a da pescada do pincho de Celeiro; a da troita na Pontenova, e da o ourizo en Cervo. Vencelladas á tradición cabalar da zona, tamén contan con esta distinción a Rapa das Bestas de Candaoso en Viveiro ou as

famosas feiras de San Lucas de Mondoñedo, con máis de 800 anos de historia.

As festas patronais de todos os municipios adoitan ser multitudinarias e moi coloridas, e entre elas a de San Lourenzo en Foz está declarada como de interese turístico de Galicia. Romarías coma as de Santa Cruz en Ribadeo ou a do Naseiro en Viveiro, e festas coma a Maruxaina de San Cibrao; a Queimada popular de Cervo; o entroido de Foz, a Festa internacional do emigrante de Barreiros; a festa Romaxe das Cruces de Ponte de Arante (Ribadeo), ou o Mercado Medieval de Mondoñedo completan este abano de propostas que contan con esta denominación honorífica entre a manchea de eventos existentes.

Con carácter relixioso as máis destacadas son a Semana Santa de Mondoñedo e a Semana Santa de Viveiro, esta última declarada de Interese Turístico Internacional.

AXENDA

amarinalucense.gal

Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.