22 minute read

Festas e eventos

Next Article
Gastronomía

Gastronomía

A oferta cultural e lúdica da Mariña Lucense é moi intensa e variada. Ademais da programación regular de cada municipio e dos seus mercados e feiras semanais ou quincenais, hai citas festivas gravadas con lume no calendario mariñán.

Festas, feiras, eventos e festividades ao longo de todo o ano, destacando algunhas de tipo gastronómico, máis dunha ducia de festas que contan coa declaración de «Festa de Interese Turístico de Galicia», celebracións como a Semana Santa de Viveiro de «Interese Turístico Internacional» ou o Resurrection Fest.

Advertisement

Entre as Festas de Interese Turístico de Galicia no ámbito gastronómico teñen este recoñecemento a Feira do bonito de Burela e as Festas da Faba de Lourenzá; a da pescada do pincho de Celeiro; a da troita na Pontenova, e da o ourizo en Cervo. Vencelladas á tradición cabalar da zona, tamén contan con esta distinción a Rapa das Bestas de Candaoso en Viveiro ou as famosas feiras de San Lucas de Mondoñedo, con máis de 800 anos de historia. As festas patronais de todos os municipios adoitan ser multitudinarias e moi coloridas, e entre elas a de San Lourenzo en Foz está declarada como de interese turístico de Galicia. Romarías coma as de Santa Cruz en Ribadeo ou a do Naseiro en Viveiro, e festas coma a Maruxaina de San Cibrao; a Queimada popular de Cervo; a Festa internacional do emigrante de Barreiros; a festa Romaxe das Cruces de Ponte de Arante (Ribadeo), ou o Mercado Medieval de Mondoñedo completan este abano de propostas que contan con esta denominación honorífica entre a manchea de eventos existentes. Con carácter relixioso son relevantes a Semana Santa de Mondoñedo e a Semana Santa de Viveiro, esta última declarada de Interese Turístico Internacional.

Para coñeceres a axenda completa, podes consultar a web da Mariña Lucense Turismo e animarte a participar con nós nestes motivos para o encontro e a celebración da vida, porque ben axiña todos poderemos volver compartir e festexar.

AXENDA

A Mariña Lucense Turismo

A Mariña Lucense Turismo

ANEXOS

Espazos naturais

Neste territorio existen, dentro da área de protección REDE NATURA 2000, nove espazos clasificados como Zonas de Especial Conservación (ZEC), repartidos ao longo do territorio, e tres Zonas de Especial Protección para as Aves (ZEPA): Costa da Mariña Occidental, a Ría de Foz e a Ría de Ribadeo (Zona Húmida RAMSAR). Tamén protexidos, pero neste caso coa figura de Monumento Natural, están o Souto da Retorta en Viveiro e a Praia das Catedrais en Ribadeo.

As Reservas da Biosfera Terras do Miño e Río Eo, Oscos e Serra do Burón inclúen extensas zonas da Mariña.

ZONA DE ESPECIAL CONSERVACIÓN

As Zonas de Especial Conservación (ZEC) son áreas de interese medioambiental para a conservación da diversidade e designadas polos Estados membros da Unión Europea para formaren parte da Rede Natura 2000, a aposta máis importante en materia de conservación realizada pola Unión Europea.

ZEC-Rede natura 2000 AS CATEDRAIS ZEC-Rede natura 2000 CARBALLIDO ZEC-Rede natura 2000 MONTE MAIOR ZEC-Rede natura 2000 RÍO EO ZEC-Rede natura 2000 RÍO LANDRO ZEC-Rede natura 2000 RÍO OURO ZEC-Rede natura 2000 SERRA DO XISTRAL +info ZEC-Rede natura 2000 RÍA DE FOZ-MASMA ZEC-Rede natura 2000 COSTA DA MARIÑA OCCIDENTAL

ZONA DE ESPECIAL PROTECCIÓN PARA AS AVES

As Zonas de Especial Protección para as Aves (ZEPA) son áreas de interese medioambiental designadas para a conservación tanto das aves migratorias coma das sedentarias. Espazos catalogados polos Estados membros da Unión Europea para formaren parte da Rede Natura 2000.

Zona Especial Protección para as Aves (ZEPA)-Rede natura 2000 COSTA DA MARIÑA OCCIDENTAL Zona Especial Protección para as Aves (ZEPA)-Rede natura 2000 RÍA DE FOZ Zona Especial Protección para as Aves (ZEPA)-Rede natura 2000 RIBADEO Zona Húmida (RAMSAR) RÍA DO EO

MONUMENTO NATURAL

Son espazos protexidos pola normativa autonómica de conservación da natureza (Lei 9/2001, do 21 de agosto) que define esta figura como «espazos ou elementos da natureza constituídos basicamente por formacións de notoria singularidade, rareza ou beleza que merecen ser obxecto dunha protección especial».

Monumento natural SOUTO DA RETORTA +info Monumento natural AS CATEDRAIS +info

RESERVA DA BIOSFERA

Son ecosistemas terrestres ou costeiros/marítimos onde a conservación dos re cursos biolóxicos convive co desenvolvemento cultural, social e económico da poboación local e que están recoñecidos internacionalmente no marco do Programa sobre o Home e a Biosfera (MAB) da UNESCO.

Reserva da biosfera TERRAS DO MIÑO Reserva da biosfera RÍO EO, OSCOS E TERRAS DE BURÓN

+ info

Fervenzas da Mariña Lucense

A Férrea, A Pontenova

A visita á fervenza inclúese na Ruta da Férrea, que se pode realizar a pé dende A Pontenova ou en coche, a uns 3 km. Partindo dende A Pontenova, seguimos a N-640, dirección Ribadeo, ata a rotonda da saída do núcleo urbano. Alí dirixímonos ao polígono industrial percorrendo a rúa principal ata o final (nave industrial Recense). Viramos á esquerda, seguindo as indicacións da ruta, e nos seguintes cruzamentos sempre á dereita, ata chegar á estrada local, que nos leva ao principio da ruta, na curva de Torrentas. Preto encóntrase unha pequena zona de estacionamento situada a uns 300 m da parte baixa da freixa.

O regato de Parada descende con moita forza formando pequenos saltos de auga e deixando escuma e auga vaporizada ao seu paso. O máis importante é a Fervenza da Férrea, con dous saltos de 8 metros e cambios importantes segundo a estación do ano.

A Fervenza de Viloalle, Mondoñedo

Situada a uns 3 km de Mondoñedo, está sinalizada dende esta cidade, saíndo pola LU-160 en dirección Alfoz. Tras atravesar o Barrio de San Lázaro, se queremos chegar en coche, a uns 2 km debemos coller un desvío á esquerda. Atravesamos unha ponte e volvemos virar á esquerda por unha pista estreita que, tras ascender uns 300 m, chega a unha pequena zona de estacionamento. O acceso tamén se pode realizar a pé: dende a LU-160, onde se sitúa un panel informativo (fronte a unha fonte), sae un carreiro que nos permitirá chegar á Fervenza a través dunha bonita ponte peonil.

O río Tronceda, que nace na Serra do Xistral e é afluente do Masma, forma unha serie de pozas e saltos de auga bastante caudalosos. Nesta zona hai unha área recreativa formada por unha poza natural, arrodeada de grandes penedos e eucaliptos, e unha piscina fluvial. Tamén hai unha zona apropiada para merendas e unha ponte de madeira, a «Ponte dos Carabullos». Este lugar aparece incluído nunha ruta de homenaxe ao escritor Leiras Pulpeiro, e nos arredores está rehabilitándose unha antiga fábrica de luz.

Salto do Coro, Mondoñedo

Saíndo de Mondoñedo polo pintoresco Barrio dos Muíños, collemos a estrada DP-3102, dirección Cova do Rei Cintolo. A 2,4 km hai un desvío á man dereita que, logo dunha pista estreita de 1 km, chega ata o camiño de acceso ao salto. A partir deste punto hai que seguir a pé por unha pendente duns 600 m bastante pronunciada. Tras unha ponte e unhas escaleiras, chegamos ao salto. A zona de estacionamento é escasa e, daquela, en épocas de maior afluencia é recomendable acceder ao salto a pé a través da Ruta da Auga que parte da Fonte Vella, no centro da cidade. Ou facendo, con coidado, o camiño indicado para coche dende o Barrio dos Muíños (arredor de 50 minutos).

O rego de Escourido, ao pasar polos montes das Bouzas, salva un desnivel duns 10 m de altura cun salto de auga que forma unha pequena poza de augas cristalinas, o Salto do Coro. Un lugar máxico ao que se accede camiñando por un carreiro de terra, pedras e madeira, envolto na flora autóctona e típica dunha paisaxe fluvial: fentos, liques, carrizas, ameneiros, abeleiras, nogueiras...

Escouridal, O Valadouro-Alfoz

O acceso está sinalizado. Dende A Seara (capital de Alfoz), na estrada LU-160, collemos —no semáforo— a estrada LU-CP-0202, cara á Casa do Concello, e continuamos por ela uns 8 km, ata chegarmos ao cruzamento coa estrada LU-P-0204. Aquí, collemos á dereita e seguimos un 3,5 km ata outro cruzamento no que temos que virar á dereita pola DP6360, dirección Cadramón/Escouridal, e continuar 1,2 km ata un panel informativo. Uns metros máis adiante, á man esquerda, hai un vieiro que sinala o camiño que debemos seguir a pé. Onda empeza este camiño hai unha zona onde pode aparcar algún coche. O vieiro remata nuns chanzos de madeira que levan á parte baixa da fervenza, dende onde é posible vela perfectamente. Podémonos achegar aínda máis e observala en todo o seu esplendor colléndonos a unha corda colocada sobre unha rocha, sempre con precaución. Esta cascada está próxima a la ruta de la Pena Abaladoira.

A fervenza de Escouridal fórmase ao salvar o río Guilfonso (afluente do río Ouro) un afloramento de grandes rochas graníticas cun salto de 80 m de altura. A mellor época para contemplar este espectacular salto de auga é a primavera, cando o caudal do río recolle as augas das precipitacións acumuladas na Serra do Xistral.

Saíndo dende Ferreira de Valadouro, pola estrada LU-162 en dirección a Burela, a 1,4 km dende a rotonda, atopamos a estrada LUP-1502, que collemos á man esquerda, dirección Ferreira. Seguimos uns 200 m, ata un indicador que sinala o Pozo da Onza, á man dereita. Dende aí, continuamos 1,5 km (o camiño estréitase a partir de San Cristovo) ata chegar a un último cruzamento, onde collemos á esquerda e cara abaixo, uns 100 m. Neste punto non hai zona específica de aparcadoiro, mais hai posibilidade de arrimar algo o coche á beira da estrada. Seguimos a pé uns 200 m por unha senda sinalizada pola marxe esquerda do río.

O Pozo da Onza é unha sonora freixa do concello do Valadouro e o punto máis atractivo da Ruta dos Pozos. A fervenza fórmase no regato Val dos Infernos, afluente do río Ouro, e ten unha caída duns 15 m de altura, entre cuarcitas tapizadas pola carriza e os fentos. Na súa base forma un pozo de augas transparentes.

Pozo da Ferida, Xove-Viveiro

O acceso realízase dende a LU-P-2604 e está sinalizado dende Xove e dende Viveiro. De Xove dista uns 12 km pola LU-P-2604, e dende Viveiro uns 14 km, primeiro pola LU-540, dirección Ourol/Muras, ata coller o desvío pola LU-161 (Viveiro-Mondoñedo) e, posteriormente, o desvío que indica Valcarría/A Ferida pola LU-P-6607 / LU-P-2604.

Dende a LU-P-2604 veremos o desvío indicado e poderemos continuar por unha pista asfaltada ata un cruzamento, que nos indica a poza á dereita. Alí pódese aparcar para seguir a pé, conforme as indicacións. Dende aquí, a fervenza queda a 1,2 km (20´ de paseo), primeiro por un camiño asfaltado, que logo é de terra e que, tras uns 900 m (15´), conduce ao desvío que leva cara á dereita á senda que chega á zona da fervenza. Ao final desta, cara á dereita, pódese ver un muíño abandonado e unha fermosa poza que forma o río, e tirando á esquerda, por un camiño duns 300 m, chégase a este fermoso cadoiro vertical.

O Pozo da Ferida é unha fervenza situada entre os municipios de Xove e Viveiro. Neste punto, o río Loureiro, tributario do Landro, encáixase e forma este salto de máis de 30 m de altura. Na súa base orixinouse unha poza circular arrodeada de vexetación autóctona: bidueiros, ameneiros, salgueiros, carballos, algún teixo e acivro e fentos. Un fermoso lugar rodeado de lendas

O acceso efectúase pola LU-P-2604, que se pode coller nun cruzamento que está indicado na estrada LU-862, no centro de Xove. Pola LU-P-2604, e a uns 600 m, despois de pasar por baixo da vía de alta capacidade da Costa Norte CG.2.3., veremos sinalado o camiño á dereita. Podes deixar o vehículo nas proximidades. Dende aquí parte un camiño forestal entre plantacións de eucaliptos, paralelo á vía de alta capacidade e que ten indicados os desvíos cara á fervenza. Tras uns 2 km de paseo, está o desvío á esquerda, que indica o ascenso ao cadoiro por un camiño de pedras bastante pino. Tras uns 250 m de subida, está o último desvío (que actualmente [nov/2020] non está sinalado) ao pé dunha torre. Dende aquí, a uns 300 m, encóntrase esta fermosa fervenza.

O acceso pódese facer tamén por un camiño un chisco máis curto, que parte dos arredores do polígono industrial, pero que actualmente carece de sinalización. Neste caso, saímos dende Xove pola estrada LU-862, dirección Viveiro. Á altura do quilómetro 94, antes do Polígono Industrial de Camba, entramos polo primeiro desvío á man esquerda. Seguimos a senda de terra arredor de 1 quilómetro e, cando o camiño empeza a subir, tomamos o carreiro de pedras á man dereita. Tras un último desvío á dereita, xa estará próxima e á vista a ruxidoira.

As augas do regato de Guilán descenden paseniño dende o seu nacemento ata que topan na zona da Panda cun medio máis fragoso. Neste punto, as súas augas realizan un salto duns 70 m no que se abre unha bonita freixa, larga e escumante, sobre todo en inverno.

Fervenza da Xestosa, Ourol

Para chegar a esta fervenza, imos pola estrada de Ourol a Muras LU-540. A 6 km do centro de Ourol, collemos o desvío Chao da Roca/Xerdiz/Miñotos, continuando pola vella estrada. Antes de volvermos pasar por baixo dunha ponte da LU-540, á man esquerda, podemos deixar o coche nunha pequena área de descanso. Próxima, a menos de 500 m, na mesma estrada, está a sinalización que indica o acceso a pé á fervenza, a través dun carreiro que baixa entre un piñeiral e que leva ata a súa base.

A Fervenza da Xestosa recibe este nome do río Xestosa, coñecido tamén como Xanceda, e é tributario do Landro. Conta con distintos saltos que rematan nunha gran caída final de máis de 20 m de altura, precipitando as súas caudalosas augas con grande estrondo, especialmente en épocas de máis chuvias.

Dende Barreiros pódese facer unha ruta circular a pé duns 6,5 km partindo dende o Concello. Tamén nos podemos achegar en bicicleta ou coche, collendo un desvío dende a estrada nacional N-634 —situado a uns 100 m da Casa do Concello— que indica cara á Insua. Logo duns 800 m, chegamos ao cruzamento coa LP-1603, que collemos cara á dereita, dirección Trabada, durante 1,5 km aproximadamente, ata atopar un sinal á man dereita que nos conduce a un último tramo. Descendemos 1 km por un camiño de grixo e terra que en tempada de choivas é bastante irregular, con regos profundos provocados pola auga das precipitacións, ata unha zona onde hai sitio para deixar o coche, aínda que non sexa un aparcadoiro coma tal.

O regato de Santo Estevo precipítase en caída vertical uns 15 m nuns arredores de gran riqueza natural. Preto da fervenza, atópanse a Ermida de Santo Estevo do Ermo, dúas fontes milagreiras e unha área recreativa ben integrada no medio, conformando un espazo atractivo e de gran valor etnográfico.

Na Mariña Lucense existen outros saltos e cadoiros atractivos que completan esta serie de recunchos con encanto natural, pero visitalos pode resultar máis complexo por diversos factores, tales como o estacionamento, a sinalización e o estado xeral de carreiros e estradas que nos levan a eles.

Son lugares feiticeiros, como, por exemplo, a Fervenza de Torez, situada no Valadouro —dende Ferreira do Valadouro, dirección ao Cadramón, e indicada con sinais de madeira—, e a Fervenza do río Lexoso, en Ribadeo, incluída no itinerario chamado «Ruta do Encanto», cun panel situado na LU-133, onde principia o sendeiro duns 200 m que chega ao río (non ten zona de estacionamento próxima). Tamén atractivo resulta o Pozo das Moscas (O Valadouro), incluído na Ruta dos Pozos. O seu acceso é doado dende os arredores de Penas de Alaxe por Camiño Portela A- Tras os Ríos ata unha área recreativa (400 m), dende onde arrinca o vieiro (200 m) que nos leva deica o pozo pola beira do río. Conta a lenda que en San Xoán as meigas xúntase arredor del para se repartir as moscas que despois lles levarán os veciños co fin de atormentalos.

Fervenza de Torez

Pozo das Moscas Fervenza do río Lexoso

Paseo dos Namorados

Non podemos obviar a pequena freixa do Paseo dos Namorados en Sargadelos (Cervo), conformada grazas á presa construída no s. XVIII que lle fornecía a auga ao complexo industrial. Está incluída na «Ruta do Río Xunco», que parte dende a Praza do Souto en Cervo.

A Mariña Lucense ocupa o norte da provincia de Lugo na costa cantábrica e a súa contorna, entre as rías de Ribadeo e O Vicedo-O Barqueiro. Os seus límites están definidos ao leste polo río Eo e ao oeste polo río Sor; as serras do Xistral, O Pousadoiro e Lourenzá marcan o límite sur interior.

Está composta por dezaseis municipios que a dotan de atractivos moi diversos: Alfoz,

Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, A Pontenova, Ribadeo, Riotor-

to, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove, conformando unha área de 1.462 km ² unida por lazos físicos, humanos e económicos, cunha intensa dualidade costa-interior. No territorio defínense tres comarcas: A Mariña Occidental, A Mariña Central e A Mariña Oriental.

CLIMA:

A influencia da costa incide en que o clima sexa suave, sen grandes oscilacións térmicas, o que fai posible viaxar en calquera época do ano. Pola súa banda, a auga do mar posúe as temperaturas máis cálidas de Galicia, con medias que andan polos 20 ºC no verán.

COMO CHEGAR:

Para chegar ao noso destino, os aeroportos máis próximos son os de Santiago-Rosalía de Castro, A Coruña e Asturias.

Por estrada, a autovía A-8 e, paralela, a estrada N-634, conectan A Mariña Central e Oriental directamente co resto da España Verde polo norte, e coa meseta e mais o eixo atlántico polo sur a través da A-6. O acceso á Mariña Occidental tamén é posible dende a LU-540, que se une coa A-8 a través da AG-64 (Vilalba-Ferrol).

Para moverte dentro do destino, a estrada N-634 ao leste e as N-642 e LU-862 cara ao oeste enlazan as cidades costeiras. Tamén podes optar pola pintoresca liña de ferrocarril de vía estreita FEVE Ferrol-Xixón. No interior, diversas estradas das redes primaria e secundaria conectan as vilas interiores entre si e coa costa, facilitando a visita a todos os recursos do destino.

INFORMACIÓN TURÍSTICA:

A Mariña Lucense conta cun espazo de Información turística virtual no edificio do CENIMA (Paseo da Ribeira, 1) e a xestión turística depende da Mancomunidade de Municipios da Mariña Lucense, propietaria da web amarinalucense.gal

Dende os municipios, presentámosche páxinas webs oficiais ou específicas de turismo, onde atoparás información turística de cada un deles.

Algúns concellos contan con Oficinas de Información Turística de apertura permanente (durante todo o ano); outros con oficinas de apertura temporal (normalmente, entre Semana Santa e ata finais do verán). No caso das oficinas de turismo temporal, cando estas pechan o servizo de información é asumido normalmente polo propio Concello nas súas dependencias, igual que acontece todo o ano en municipios sen oficina de turismo.

Alfoz

Capital: A Seara – Poboación: 1.659 habitantes Oficina de Turismo permanente. Castelo de Castro de Ouro s/n. 27776. Alfoz 982 558 581 - turismo@concellodealfoz.com

Barreiros

Capital: San Cosme de Barreiros – Poboación: 2.925 habitantes Oficina de turismo (temporal). Atención actual en Rúa Veiga. s/n. 27790. San Cosme. 982 124 002 – turismo@concellodebarreiros.gal

Burela

Capital: Burela – Poboación: 9.498 habitantes Oficina de turismo (temporal). Rúa do Porto s/n. Burela. 27880 982 l888 506 / 982 58 60 00 – oficinadeturismo@burela.org

Cervo

Capital: Cervo – Poboación: 4.218 habitantes Oficina de turismo (temporal). Avenida da Mariña, 60. 27890. San Cibrao. 982 595 157 – turismo@concellodecervo.com

Foz

Capital: Foz – Poboación: 10.016 habitantes Oficina de turismo permanente. Av. da Ribeira s/n. 27780. Foz. 982 132 426 - turismo@concellodefoz.es

Lourenzá

Capital: Vilanova de Lourenzá – Poboación: 2.139 habitantes Oficina de turismo temporal. Centro de Interpretación da Faba. 27760. Vilanova de Lourenzá 982 121 006 – lourenzaturismo@outlook.es

Mondoñedo

Capital: Mondoñedo – Poboación: 3.539 habitantes Oficina de turismo permanente. Praza da Catedral S/N. 27740. Mondoñedo 982 507 177 - turismo@concellomondonedo.es

Ourol

Capital: Ourol - Poboación: 995 habitantes 982 559 109

A Pontenova

Capital: A Pontenova - Poboación: 2.201 habitantes Oficina de turismo permanente. Estrada a Taramundi, 2. 27720. A Pontenova 982 342 101 – turismo@concellodapontenova.org

Ribadeo

Capital: Ribadeo. Poboación: 9.860 habitantes Oficina de turismo permanente. R/ Dionisio Gamallo Fierros, 7. 27700. Ribadeo 982 128 689 - turismo@ribadeo.org

Riotorto

Capital: As Rodrigas – Poboación: 1.235 habitantes Teléfono de información: 982 346 222 (Concello de Riotorto)

Trabada

Capital: Trabada – Poboación: 1.127 habitantes Teléfono de información: 982 135 011 (Concello de Trabada)

O Valadouro

Capital: Ferreira do Valadouro – Poboación: 1.978 habitantes Teléfono de información: 982 574 000 (Concello do Valadouro)

O Vicedo

Capital: O Vicedo – Poboación: 1.656 habitantes Oficina de turismo: temporal. Travesía da Mariña, 57. 27860. O Vicedo Teléfono de información: 982 590 195 / 982 590 029 – turismovicedo@gmail.com

Viveiro

Capital: Viveiro – Poboación: 15.391 habitantes Oficina de turismo permanente. Av. Ramón Canosa 3. 27869. Viveiro. 982 560 879 – oficinaturismo@viveiro.es

Xove

Capital: Xove – Poboación: 3.277 habitantes Oficina de turismo temporal. Av. Deputación s/n. 27870. Xove. 982 592 632 - 982 592 001 – oficinaturismoxove@gmail.com

Os datos de Poboación corresponden ás cifras oficiais de poboación, resultantes da revisión do Padrón municipal a 1 de xaneiro de 2021, ofrecidas polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

Camiño de Santiago do Norte

O Camiño de Santiago do Norte, declarado Patrimonio da Humanidade no 2015, en tra en Galicia por dous lugares: Ribadeo, procedente de La Caridad (Asturias), e o municipio de Trabada, máis ao sur, dende Santiago de Abres, tamén procedente de La Caridad por Vegadeo. En ambos os casos, converxen en Mondoñedo para continuar a Abadín.

Segundo a distancia que se queira e poida percorrer e a dispoñibilidade de aloxamentos, na Mariña Lucense realízanse normalmente dúas ou tres etapas, se se peregrina a pé..

O itinerario está sinalizado cunha placa de cerámica cunha vieira que completa a indicación da frecha marela, e nas vilas históricas de Galicia encontrarás tamén cunchas de bronce colocadas directamente no chan.

Para aloxarse en calquera albergue da Rede Pública de Albergues do Camiño de Santiago en Galicia, xestionados pola S. A. de Xestión do Plan Xacobeo, cómpre formalizar unha reserva previa en: https://alberguesxacobeo.gal.

Na actualidade (xaneiro do 2021), e a raíz da crise sanitaria vinculada ao COVID-19, algúns municipios do Camiño poden ver afectada a súa oferta de hostalería por restricións temporais e algúns albergues públicos están pechados. Xa que logo, recomendámosche que te in-

formes da situación actualizada ao organizares a túa peregrinación.

Máis información do Camiño.

POR RIBADEO:

RIBADEO: é unha bonita cidade histórica, comercial e de servizos que conta cunha ampla oferta de aloxamentos, ademais de albergue público municipal. Dende aquí hai, seguindo o Camiño, 190,7 km ata Santiago.

Sae de Ribadeo en dirección Ove/ Vilela e, tras deixar atrás a parroquia de San Pedro de Arante, onde se sitúa o Santuario de Nosa Señora das Virtudes, con fermosos frescos tardo-medievais, entra no municipio de Barreiros pasando por Vilamartín Pequeno, Vilamartín Grande, Gondán (refuxio municipal) e San Xusto (albergue público municipal). Algúns peregrinos a pé optan por parar nalgún destes pequenos núcleos con oferta de aloxamento; outros continúan ata VILANOVA DE LOURENZÁ, co seu gran Mosteiro de San Salvador e a fermosa Igrexa de Santa María. Ten albergues, público e privado, e outra variada oferta de servizos.

O Camiño continúa por MONDOÑEDO, pequena cidade histórica e monumental cunha fermosa Catedral e unha ampla oferta de servizos. A vía de peregrinación prosegue dende esta vila a Abadín, xa na Terra Chá, como se indica abaixo.

Ribadeo - Vilanova de Lourenzá: 28 km Vilanova de Lourenzá - Abadín: 21,8 km Ribadeo - Gondán: 20,9 km Gondán - Mondoñedo: 15,6 km

Os peregrinos que antigamente querían evitar cruzar a ría en balsa optaban por acceder a Galicia bordeando a ría de Ribadeo, transitando polo que hoxe se coñece como o Camiño Histórico. Dende Vegadeo, e tras cruzar a ponte por Santiago de Abres (Asturias), continúase cara a TRABADA, a 19 km. Nos arredores do Camiño hai algunha oferta de servizo.

Dende Trabada, saíndo por Trapa, chégase a Santo Tomé de Lourenzá (oferta de servizos, e dende alí o camiño continúa a Mondoñedo superando dous altos. Nesta última cidade entra a través da histórica Ponte do Pasatempo, polo Barrio dos Muíños, ata a praza da Catedral.

O Camiño continúa por MONDOÑEDO, pequena cidade histórica e monumental cunha fermosa Catedral e unha ampla oferta de servizos. A vía de peregrinación prosegue dende esta vila a Abadín, xa na Terra Chá, como se indica abaixo.

Vegadeo - Trabada: 19 km Trabada - Mondoñedo: 19,2 km

DENDE MONDOÑEDO:

Dende Mondoñedo o Camiño vai cara a ABADÍN (Terra Chá) a través de dúas opcións: o Camiño Oficial pola Infesta ou o Camiño oficial complementario por Maariz/Lousada. Ambas están sinalizadas, presentan unha paisaxe atractiva e entrañan certa dificultade, xa que cómpre salvar un desnivel considerable entre Mondoñedo e Abadín (de 140 m a 560 m de altura).

O Camiño que pasa pola Infesta sae xunto ao barroco Santuario dos Remedios. É un camiño máis curto, pero bastante dificultoso e desprovisto de servizos.

O Camiño complementario, que sae dende a praza da Catedral pola Fonte Vella, é máis longo, pero tamén máis doado, xa que salva de forma progresiva o desnivel existente nesta etapa e ofrece, ademais, algún servizo. Este camiño transita gran parte por asfalto.

Para bicicleta, dende Mondoñedo recoméndase percorrer o Camiño complementario (estrada a Maariz) ata a súa saída á N-634.

Mondoñedo Abadín por Lousada (Camino Complementario): 16,6 km Mondoñedo - Abadín por la Infesta: 12,2 km

This article is from: