
2 minute read
ESCRIBO fiando palabras
A coma (,)
Susana é lirio, azucena.
Tamara , palmeira , dátil. Hortensia traballa na horta Guiomar é ilustre no combate.
Áurea é resío de ouro.
Amara , moura no mar. Eloisa , a elixida das herbas de namorar.
Como se escribe?
Despois da coma, déixase un espazo en branco e logo escríbese a seguinte palabra. Se escribimos á man é sinxelo, pero non te esquezas do espazo cando escribes nun procesador de textos!
Empregamos a coma ( , ) cando queremos indicar unha pausa.
Uso da coma
Para separar as palabras dunha enumeración. As dúas últimas palabras adoitan unirse cun e
Xacias, trasnos, fadas e nubeiros son seres lendarios.
Se nunha oración omitimos o verbo, poñemos unha coma no seu lugar.
Elba é unha xacia e Paladís, un unicornio.
Para separar o nome de lugar e a data, nas cabeceiras das cartas, no pé dos formularios…
Couto da Cereixa, 20 de decembro de 1386.
Para escribir os números decimais.
25,3
Para facer unha aclaración no medio dunha oración. No Couto da Cereixa, provincia de Lugo, vivía María Castaña.
Para separar, nunha oración, o nome da persoa a quen nos diriximos. Fuches moi ousada, María.
Para marcar unha pausa antes dalgunhas conxuncións como: pero, mais, daquela, porque, aínda que...
Foi moi valente, mais recibiu un duro castigo.
O punto (.)

Conta a lenda que os trasnos son seres rebuldeiros que actúan polas noites no interior das casas.
Agochan e desordenan os obxectos, asustan o gando e fan ruídos no faiado. Polo día, desaparecen.
Chámaselles trasnos tamén ás nenas e nenos inquedos e revoltosos.
O punto ( . ) é un signo de puntuación que sinala a pausa que se produce ao final dun enunciado.
Tipos de punto
• O punto e seguido: serve para separar oracións dentro dun mesmo parágrafo. Varias oracións separadas con punto e seguido forman un parágrafo.
• O punto e á parte: úsase para separar parágrafos.
• O punto final: utilízase para rematar un escrito. Un parágrafo remata sempre cun punto e á parte ou cun punto final.
AGORA TI!
1. Pensa nun exemplo para cada uso da coma e expono.
2. Volve á lectura inicial e busca exemplos dos tipos de punto que se ven neste apartado.
3. Escribe no teu caderno un texto no que empregues a coma e un exemplo de cada uso do punto explicado nesta unidade.
4. Le con atención o texto do ditado:
Unha labrega no 1386, en Galiza, non tiña unha vida fácil. Os días pasaban cheos de esforzo ata que sentiu que alguén quería roubar esa suor, traballo e dedicación. Frei Pedro López de Aguiar topou cunha muller labrega que, con corazón de ferro, non dubidou en loitar e pórlle freo. Revoltas, loita e máis loita. Só unha muller única e forte lle faría fronte aos poderosos nun tempo no que poucos querían que a muller contase.