
5 minute read
Como se distribúen nutrientes e osíxeno?
O aparato circulatorio é como unha gran fita transportadora propulsada polo corazón. Leva nutrientes e produtos de refugallo por todo o corpo.
O aparato circulatorio
O aparato circulatorio encárgase de distribuír os nutrientes absorbidos polo aparato dixestivo e polo osíxeno procedente do aparato respiratorio ata as células. Ademais, retira os produtos de refugallo procedentes das células para que sexan expulsados.
O aparato circulatorio é un circuíto formado polos vasos sanguíneos e polo corazón. Polo seu interior circula o sangue.
Os vasos sanguíneos
Os vasos sanguíneos son os condutos por onde circula o sangue. Son de tres tipos:
• As veas. Son vasos polos que circula o sangue desde os órganos ata o corazón.
• As arterias. Son vasos polos que circula o sangue desde o corazón ata os órganos.
• Os capilares. Son uns condutos finísimos que conectan as veas coas arterias e chegan a todas as células do corpo.
O corazón
O corazón é un órgano musculoso e oco, dividido en dúas partes incomunicadas, a dereita e a esquerda.
Á súa vez, cada parte divídese en dúas: a zona superior chámase aurícula e a inferior chámase ventrículo. Cada aurícula comunícase co ventrículo do seu lado mediante unha válvula.
O sangue
O sangue é o medio de transporte do organismo. Está composto por células e plasma sanguíneo. O plasma sanguíneo é unha mestura líquida de auga e sales minerais. Transporta os nutrientes e as substancias de refugallo. As células sanguíneas son os glóbulos vermellos, que lle dan cor ao sangue e transportan o osíxeno e o dióxido de carbono; os glóbulos brancos, que teñen funcións defensivas, e as plaquetas, que taponan as feridas para que non perdamos moito sangue.
dereita Aurícula esquerda
Ventrículo dereito Ventrículo esquerdo a) Levan o sangue desde o corazón aos órganos. b) Chegan a todas as partes do corpo. c) Levan o sangue desde os órganos ata o corazón.
1 A que tipo de vaso sanguíneo nos referimos?
2 Explica cal é a función do aparato circulatorio.
3 Que células do sangue transportan o osíxeno?
A circulación do sangue
A circulación sanguínea é o percorrido que realiza o sangue polo aparato circulatorio, impulsado polo corazón.
Como funciona o corazón
O corazón realiza un movemento continuo e rítmico de contracción e dilatación, chamado latexo cardíaco, mediante o cal impulsa o sangue.

• Cando o corazón se contrae, as cavidades comprímense e o sangue sae polas arterias cara aos órganos.
• Cando o corazón se dilata, as cavidades ensánchanse e o sangue entra ao corazón polas veas desde os órganos.
A viaxe mítica da brisa, de Corpus a Pululung
Un grupo de valentes enfróntase á aventura de levar brisa ata a cidade de Corpus para que as súas engrenaxes sigan funcionando. Guíaos no seu camiño, que terá lugar en dúas fases.
4 Busca información e explica que é o pulso.
Toma
Cres que un colgante podería facer que o sangue circule mellor dalgunha forma?
Primeira fase da viaxe:
• A busca da brisa empeza en Vehículo Dourado (VD) que os impulsará pola Avenida Perdurable.
• A Avenida Perdurable conduciranos ata Pululung, a Casa da Brisa, onde descansarán e se renovarán grazas á brisa que cargarán e protexerán nas súas mochilas.
Segunda fase da viaxe:
1 Le o texto e cumpre a túa propia misión: a) Debuxa o camiño que segue o grupo de valentes. b) Cambia os nomes dos lugares por partes do sistema circulatorio para que describa o percorrido que fai o sangue a través do corpo. c) Que cres que é a brisa? Explícao.
• A brisa debe ser transportada ata o Adro Inmaculado (AI) pola Vía Pantanosa e, se o grupo transporta a suficiente, poderán chegar ata o Vehículo Inmaculado (VI) que os impulsará polos camiños Áureos para distribuír a brisa por todos os cantos de Corpus.
• O uso da brisa en Corpus deixa residuos que os heroes e heroínas deberán transportar de volta ao Adro do Destino (AD) pola Vía Celeste, onde a súa viaxe volverá comezar nun ciclo sen fin.
Como expulsamos os refugallos?
O aparato excretor serve de depuradora para o noso sangue. Separa as substancias útiles das que non o son e expulsa estas últimas fóra do corpo.
A excreción
A excreción é a función que lle permite ao noso organismo eliminar os produtos de refugallo que xeran as células.
A función de excreción ten lugar no aparato dixestivo, no respiratorio, no excretor e nas glándulas sudoríparas.
O aparato dixestivo
O aparato dixestivo elimina os refugallos que se forman na dixestión.
O aparato respiratorio
O aparato respiratorio elimina o dióxido de carbono que se forma nas células a través do aire expirado.
O aparato excretor
O aparato excretor expulsa o resto dos refugallos. Está formado polos riles e polas vías urinarias.
• Os riles. Son dous órganos situados no abdome, á altura da zona lumbar. Están formados por miles de finísimos tubos envolvidos de capilares sanguíneos chamados nefronas. As nefronas reciben sangue desde todas as partes do corpo, fíltrano para limpalo e producen un líquido acuoso cargado de substancias de refugallo: a urina.


• As vías urinarias. Son os condutos que transportan a urina desde os riles ao exterior. Están formados por dous uréteres (un por cada ril), a vexiga urinaria e a uretra. As vías urinarias teñen paredes elásticas para permitir a circulación e o almacenamento de líquidos.
As glándulas sudoríparas
As glándulas sudoríparas están situadas na pel e segregan un líquido chamado suor cargado de sales e substancias de refugallo.
1 Se o corpo humano fose unha cidade, cal das seguintes instalacións funcionaría como o aparato excretor? O polideportivo municipal, o hospital, a estación depuradora de augas ou o concello. Razoa por que.
Toma nota!
Paréceche que un zume detox é capaz de facer o mesmo ca os teus riles?
Que é a función de relación?
A función de relación permítenos percibir o que sucede ao noso arredor e no interior do noso corpo, interpretar a información que percibimos e responder a ela.
Un estímulo é calquera información interna ou externa que é capaz de percibir o noso corpo. A resposta é a reacción que produce o noso corpo ao percibir o estímulo.


Fases da función de relación
A función de relación lévase a cabo en tres fases ou etapas:
• Fase 1. Captación dos estímulos. Os receptores situados nos órganos dos sentidos perciben os estímulos (luz, vibracións sonoras, substancias, temperatura...) e transfórmanos en sinais, denominados impulsos nerviosos.
• Fase 2. Interpretación da información. Os impulsos nerviosos chegan ao sistema nervioso, que os analiza e ordena a resposta adecuada.
• Fase 3. A execución da resposta. As ordes producidas polo sistema nervioso chegan aos órganos efectores.
Os órganos efectores poden ser músculos, que responden con movementos, ou glándulas, que responden producindo diferentes substancias como a saliva ou a suor.
Os detectores de fume do colexio acábanlle de enviar un sinal telefónico ao posto de mando da estación de bombeiros máis próxima. En poucos minutos, dous camións de bombeiros chegan ao colexio e apagan o lume.

1 Que é un estímulo?
2 Escribe dous exemplos de estímulos que poden percibir os nosos órganos receptores.
1 Poderías identificar na situación que se describe os elementos da función de relación?
2 Serías capaz de describir unha situación similar utilizando o teu propio corpo?