
2 minute read
Leo un conto
Onde vives hai granxas vacúas? Que sabes do traballo nunha granxa?

Madonna
Teño quince anos, case dezaseis, e estudo cuarto da ESO. Vivo nunha aldea e os meus pais levan unha granxa de vacas. Case todo o mundo por aquí ten vacas. Mesmo nas estradas hai sinais de tráfico triangulares para avisar e ter conta das vacas. Os profesores veñen cada mañá da cidade, nos seus autos e, quizais con présa non reparaban nos sinais. Agora, de repente, todo o mundo ten en fite as vacas. Convertéronse en bichos raros. De medo. Na televisión saen arrodeadas de gardas, semellan delicuentes con rumiallo de droga, e as cámaras enfócanas moi de perto, deformando a súa cara, como quen desenmascara unha perigosa rede de psicópatas cuadrúpedes que se oculta nos escuros cortellos do Oeste.
Puxéronnos unha redacción sobre o mal das vacas tolas e sentinme fatal. Como outro bicho raro. Prefería un castigo ou un exercicio matemático con raíces cadradas. Non arrincaba a escribir. Oíno tanto estes días, tanto que un badalo de óso repica na campá da memoria: en-ce-fa-li-te es-pon-xi-for-me
Antes de ler a) En que anos afectou ás vacas galegas? b) Que danos provoca nos animais? c) Como se transmite aos humanos?
Le as primeiras liñas do texto. Quen narra esta historia? Que ten en común contigo?
(...) Os lugares e as aldeas dos arredores vanse poboando de seres con número negativo. Din que é así en toda Galicia. Quero os meus pais, pero ás veces, cando vou somnolenta no autobús escolar, soño que este non se detén, que medramos en idade polo camiño, deica levarnos a Suíza, Londres, Barcelona ou Canarias. Teño unha curmá en Barcelona que xa é perruqueira. Gustaríame ser coma ela. Eu, que son tímida, envexo a súa soltura. (...)
Foi ela a que bautizou como Madonna a vaca rubia. E quedoulle o nome. Aínda que leva un crotal na orella con matrícula EU-LU-2091. Aféalle a cara. O veterinario di que é como o noso documento nacional de identidade. Porén, nós non levamos o carné grampado na orella. O meu profesor preferido é o de debuxo. Un día falounos das cores frías e das cores cálidas. A cor máis cálida que coñezo é a da vaca Madonna. Escribo cara atrás e recordo o seu primeiro parto. Foi a Noiteboa do ano pasado. Estabamos moi nerviosos con aquela coincidencia. E ademais ía friaxe e o vento tocaba como un ouveo a harmónica desafinada do tellado. Mais o meu pai dixo, antes do parto, que ía ser un bo cuxo. Metera o brazo nos adentros da vaca e rozou os ollos da cría. Xa pestanexaban. Ese é bo sinal. Que o que vai nacer sexa quen de abrir os ollos na amante escuridade do ventre da nai. (....)
1 Quen narra o texto?
2 Cantos anos ten e que estuda?
3 A que se dedican os pais?
4 Que enfermidade padecen as vacas? Como se sente a nena protagonista respecto a isto?

5 Fai unha pequena busca en Internet sobre a «encefalite esponxiforme» ou «mal das vacas tolas» e responde as seguintes preguntas.



6 A vaca Madonna é unha vaca rubia galega. Ademais hai outras razas de vacas leiteiras. Vincula cada vaca coa súa raza:
Escoito unha conversa
1 Escoita a conversa e responde as preguntas.
a) Cantas persoas falan nesta conversa?
b) Onde están? Por que chega tarde un dos interlocutores?
c) Con que expresión saúda Rubén?
d) Con que palabras describe os protagonistas da película?
e) Que significa o verbo «espichar»? Por que outro verbo o podes substituír?
2 Volve escoitar a conversa e apunta as palabras coloquiais de cada intervención.
3 Por parellas, imaxinade que tedes que facer o resumo da película da actividade 1 para a clase e representalo. Podedes facer primeiro un borrador e logo ir substituíndo as expresións coloquiais por outras máis formais.
4 Por parellas, inventade unha conversa entre os terrícolas e os alieníxenas da película que narrou Rubén.
A linguaxe coloquial
Nas conversas en familia ou coas amizades empregamos unha linguaxe coloquial que, por veces, inclúe palabras incorrectas, abreviacións, repeticións, etc.
Estas expresións hanse de evitar en situacións máis formais: na clase, con persoas coas que non temos confianza, etc.