
3 minute read
CONTOS ENCADEADOS
CONTOS ENCADEADOS
GATO E PEIXE
Advertisement
Había unha vez, alá por Froxán, un gato moi bonitiño ao que lle deu por facer amizade cun peixe moi peixe.
Pasaban o día xuntos coas súas cousas e as súas conversas, pero claro, todo o día dentro de casa.
Un bo día, Gato decidiu que xa estaba ben de non ver luz do sol, e decidiu sacar a Peixe a dar unha volta ata a horta, que era moi divertida e estaba a poñerse demasiado chea de ratos.
Para alá foron os dous, un a catro patas e o outro no seu lombo na peixeira. Amodiño, despaciño, sentidiño... Pataplás!!!! Ai, mi madriña, que Gato deu un traspés e Peixe acabou polo chan.
-Gato, axuda!!!
-Ai, meu deus!!! Que meu amigo caeu!
A sorte é que por alí ao lado pasaba un regato, e Peixe salto a salto, con algún empurrón de Gato, chegou a el de contado, viviño e colexando.
E toda esta desgracia, ao final rematou feliz. Peixe nunha pociña preto quedou a vivir. E Gato na auga, non paraba de con el rir.
UN OSO POLAR NO CAUREL
Seica había un oso polar que quería vivir no Caurel... Como precisaba neve subiu o Piapaxaro un día que nevou moito para recoller toda a neve que pudiera e levala a súa casa en Castro Portela, pero derretíaselle polo camiño e o Oso enfadábase moito... Entón foi ao bosque e atopou outro oso. E o outro oso díxolle: “Ti non tés que vir aquí, tés que ir ao Polo Norte...” Pero nese momento apareceu a Osa máis maior e sabia de toda a zona poñendo calma:
- Imos pensar como solucionar isto, non podemos enfadarnos.
Pensaron e pensaron ata que a Osa máis sabia se lle ocurríu a solución, raparlle o pelo ó oso polar que non aguantaba a calor!!!! Co pelo curto instalouse a vivir ao ladiño do río, que xa sabemos todos que a auga do Lor sempre vén fresquiña...
Un día de moita calor, tirouse para refrescarse, e atopou unha lontra. E fixeron boas migas e resultou ser unha lontra albanel. Xuntos construíron unha casiña ben fresca, refrixerada no punto xusto e, coma non, con placas solares para non contaminar.
Oso Polar quedou por alí para sempre, e tan lonxe chegou a fama do Caurel que mesmo din que co paso do tempo empezaron a chegar tamen osos pandas. Ao fin e ao cabo, non eran tan diferentes entre eles!
É UN PAXARO? É UN AVIÓN? NON, É...
Caeu do ceo no Caurel algo que non se sabe ben o que é...Que no Bosque se perdeu e un neno o atopou. Ensinoullo á súa nai e preguntoulle o que era... A súa nai dixolle que parecía o amuleto dunha meiga que vivirá no Val das Mouras, co que te podías convertir nun oso pardo....O neno pensou: “Sendo do Caurel podo ter moitos amigos pero tamén inimigos se mo poño, antes de poñermo teño que saber como e a vida dun oso, a ver se me compensa”. Investigou e descubríu que lle gustaban as mesmas cousas que aos osos, eles tamén querían durmir no inverno e, sobre todo, adoraban as larpeiradas e o mel, eran tan de dente doce coma el.
Total, que decidiu empregar ese amuleto máxico, e pasaba a pedazos sendo animal, a pedazos sendo humán. Pouco a pouco, de tanto paseo polo monte e polos bosques, foise facendo amigo dos outros habitantes non persoas. Tan, tan, tan amigo, que chegaron a facer todos xuntos festas polas montañas. Pero claro, como ao noso amigo de cando en vez lle tocaba levar a bebida e a comida, acabaron por collerlle o sabor ás patacas fritas, ao caldo de grelos, ás filloas…
E é por iso que aínda non hai moito saiu publicado un artigo no Xornal Animal da Provincia de Lugo, que fala de que os animais do Caurel son dos máis sibaritas e exquisitos do mundo. Eso si, para compensar o bo comer e o bo beber polo que teñen tanta afición, todo o que comen é VARIADO, NATURAL, E FAN DEPORTE A DIARIO.