
3 minute read
DE VOLTA
Non sei que día é, nin sequera que hora é, pero parece cedo. Xa que o teléfono non para de soar, miro a ver que lle pasa e resulta que se trata do espertador. Xa hai que volver ao colexio unha vez máis! Levántome, cos ollos medio pechados, vístome, e vou ata a cociña e ala…xa está o zume enriba da mesa, sinal de que é certo: hai que ir ao colexio!
No autobús non nos podemos sentar xuntos: xa somos poucos e por encima crebados. Unha vez no colexio parecemos anoxados. Non nos podemos acercar os uns aos outros. As mesas están separadas. Din que uns dous metros uns dos outros. Tanto tempo sen ver os amigos e case non podemos compartir os momentos de toda esta tempada en clausura. O primeiro día pouca clase imos dar. Creo que máis ben imos falar unha e outra vez do acontecido e, sobre todo, do virus que anda por aí fóra.
Advertisement
De repente, soa a sirena. Agora si, como se de un golpe se tratase, o corazón empeza a latexar con forza. É hora de ir para casa. Menos mal, porque creo que o primeiro día vai ser duro. Chego a casa e, como se nunca me vise, Blas non me deixa de perseguir, marcando as súas pisadas alí por onde eu paso. Pobre, xa non se acordaba de que eu tiña que faltar tantas horas da casa. Parecía que non ía chegar pero chegou: a volta á realidade. PABLO, 1º da ESO
Sabía que o primeiro día de colexio despois da corentena ía custar pero, aínda así, os nenos tiñan un sorriso na cara. A verdade é que xa botaba de menos coller o lapis no colexio porque sempre traballabamos dende a casa, a través de clases online.
Agora todos van no seu coche, xa que teñen medo a coller o coronavirus se fosen en autobús. Din que non se respecta a distancia. O máis normal é que se respecte, pero eu non son a que o decide.
Tamén botaba de menos xogar ao balón cos meus amigos porque o pasaba moi ben. Agora non nos deixan porque non podemos estar todos xuntos: teñen medo de que alguén teña o coronavirus e que nos contaxie. En teoría, só poden estar dez persoas; se non, é máis probable contaxiar aos demais. Nós somos cerca de 30 e iso é o triplo de persoas!
Sei de moita xente que pensa que se mira as estrelas, vai ir todo moito mellor, que xa non vai volver o virus. Eu tamén o fago, porque se cadra é verdade... SABELA, 1º da ESO
Espertei en Quiroga ás 7:15h. Vestinme, collín a mochila e fun co meu pai para Folgoso. Cando cheguei, deixei a mochila nun recuncho e púxenme a almorzar café con leite. Cando acabei, baixou Lucia e estiven un momento con ela, xogando coa cadela. Logo, Lucía foi coller o transporte mentres eu quedaba coa miña avoa.
Cando chegou a hora, collín a mochila para ir esperar o autobús. De camiño, apareceu un gato e a cadela foi detrás del para ver se o collía. Estivemos esperando o transporte e, mentres tanto, miña avoa contou unha historia. Chegou o transporte e subín nel. Démonos os bos días e fomos falando para non nos aburrir, xa que son quince minutos. Chegamos ao colexio. Aínda quedaban cinco minutos, así que tivemos que esperar. Cando entramos no colexio, saudámonos todos e fomos ás clases. A segunda tiñamos educación física con Jacob.
De súpeto, vimos moito fume e, despois dun anaco, pasaron helicópteros para apagaren un incendio. Estaba ardendo unha casa. No segundo recreo, sen querer, déronlle un golpe a Erea na cabeza cun balón. Desmaiouse e cando espertou dixo que vira as estrelas. ZAIRA, 1º da ESO