
3 minute read
RECORDOS DO CURSO
RECORDOS DO CURSO 2019/2020
Este curso non foi coma os demais. Será, seguramente, o máis raro que imos vivir; pero, a pesar deste accidentado terceiro trimestre, quedaron moi bos recordos de xornadas conmemorativas e festivas! Outras "lembranzas" non puideron ser: a visita a Romeor, a viaxe a Portugal etc. Seguro que o curso que vén haberá un cento de oportunidades para celebrar, recuperar ou substituír estas vivencias adiadas, que non perdidas.
Advertisement
“A noite entre libros” foi a miña actividade favorita. Certo é que cando souben desta idea pensei: “Durmir no cole cos estudantes?!? Mi madriña! Vaia loucura!”. E algo de loucura si que foi, pero das boas!! Os pequenos e as pequenas da primaria pasaron unha tarde moi entretida estreando todas as novidades da biblioteca. A secundaria converteu o cole nun estudio de Hollywood e, coa axuda do profesorado, rodou unha curtametraxe de medo…ou de risa? Aínda non o teño claro!

Ese filme será recoñecido en todos os foros cinematográficos mundiais nun futuro! Nun futuro non próximo, certamente, pero é que a vida dos xenios nunca foi fácil! Pola noite houbo quen durmiu, quen non parou de rir, quen roncou...e tivemos que insistir e insistir para que as luces deses vagalumes tecnolóxicos desaparecesen! E que saboroso almorzo para pechar a experiencia!! Fomos ben lambuzas e non deixamos moito sitio para as castañas e os chourizos do Magosto! Aínda tivemos gana de seguir festexando. Non todo vai ser estudar!


Brindos


Visita de Celia Díaz

O Entroido é unha das festas máis agardadas no calendario galego e no CPI Poeta Uxío Novoneyra, tamén. De feito, foi a miña actividade favorita. Por que? Porque a celebración comezou axiña! Durante toda a semana o colexio respirou un ambiente festivo xa os días previos, pois faciámoslle caso ao Meco e viñemos en bata, pixama, zapatillas, coa roupa do revés, con cousas na cabeza…O día grande foi o 21 de febreiro, cando todo o colexio apareceu disfrazado de castrexos e romanos, cuns traxes ben bonitos feitos entre todxs!









Tamén me gustou moito porque tivemos convidados todo o día! Pola mañá estivo a Asociación A Castronela de Friol. Déronnos explicacións históricas, fixeron un taller de coiro, regaláronnos colgantes, amosáronnos como se facía o queixo, fixemos tiro con arco… É dicir, unha morea de actividades en que mesturamos historia, cultura popular e diversión! Logo, fartámonos de comer un delicioso xantar de Entroido e fixemos a dixestión co humor de Celso! Que personaxe e que bo día!

