3 minute read

o Ed. Infantil. 4 anos

Entendemos asemblea por un corro, unha conversa, un momento de encontro ou reunión na aula arredor dun docente e cunha organización espazo-temporal claramente definida, para dialogar de diversos temas e resolver algún conflito.

Esta asemblea convértese nun dos momentos privilexiados de desenvolvemnto da autonomía do neno e da nena. O comezo do traxecto escolar, no primeiro curso de tres anos teñen adquiridas poucas capacidades básicas e hainos que estimular para que pouco a pouco desenrolen capacidades sociais, lingüísticas, espaciais, temporais, afectivas, cognitivas...

Advertisement

Nestas asembleas vanse traballar e van favorecer, o recoñecemento dos compañeiros e compañeiras, a pertenza a un grupo, a adquisición de hábitos e normas... e isto tan só no que se refire a socialización.

A nivel lingüístico van progresar na expresión, no seu vocabulario e no respecto ao turno de palabra.

Van desenvolver a súa atención, observación e subir a súa autoestima.

Agora vos conto un pouquiño como son esas asembleas na nosa clase de 4 anos.

A zona da asamblea sempre é iluminada e ampla xa que alí imos desenrolar actividades de grupo (bailar, saltar, estirar...) establecer unha serie de actividades que facemos a cotío para que poidan adquirir seguridade na aula e autonomía na realización de todas elas.

A Asemblea en Educación Infantil

SAÚDO: Dámonos os bos días e conversamos sobre como nos foi na fin de semana, no dia anterior, no almorzo...Cada neno e nena que queira falar debe ter o seu momento e o resto escoitar con respecto.

Seguidamente ELIXIMOS O ENCARGADO/A sobre unha lista cos seus nomes colocados por orde alfabética para favorecer o coñecemento das letras. Esta é a rutina máis importante na aula de educación infantil polo seu valor para favorecer a súa autoestima. Colle o seu nome do cartel do cole e colócao na estrela de encargado/a do panel e alí escríbeo e reflexiona sobre el ( letras que ten, se é longo ou curto, cantas sílabas ten...) cada rutina avanza nos distintos niveis da Ed. Infantil así en 5 anos xa escriben o apelido, por exemplo.

O encargado/a leva un distintivo, ben un cuño, unha chapa, un colar...que o distingue no día. Deseguido, tentando recoñecer os nomes dos seus compis PASA LISTA DE ASISTENCIA e coloca na casiña quen non veu ao cole ese día. Nesta rutina podemos traballar moitos conceptos; contar, identificar números e cantidades, identificar letras, recoñecer letras, descompoñer números...

MIRAMOS O TEMPO; pola ventá, observamos cal é o día que fai e colocamos o seu símbolo (sol, chuvia,nubes...) na representación da ventá que temos no panel onde recollemos toda esta información diaria. Pódense facer rexistros, cadros de información de doble entrada, reflexións sobre a estación do ano... Isto lévanos a MIRAR O CALENDARIO, asociar o día da semana que é luns porque vén á aula a mestra de inglés, a de sicomotricidade ... cantando cancións dos días da semana, lembrando tamén o noso conto da galiña feliz...

Falamos do mes no que estamos, témolo representado nun calendario lineal con pinzas, imos dándolle a volta á pinza e quitando días ata que remata o mes e ven, noutra cor, comezar outro mes. Neste calendario sinalamos días especiais: festa do Samaín, aniversario dun neno/a ...e imos vendo cantos días quedan. Reflexionamos sobre as estacións do ano que estamos con xogos de preguntas, rimas, adiviñas, cancións... FALAMOS DAS ACTIVIDADES DO DÍA NA AULA. Que imos facer, como vai ser? Lembramos normas e motivámonos para aprender, xogar e pasalo ben aprendendo.

Antes de rematar o encargado/a dirixe coa batuta unha ou varias cancións que elixe, todos cantamos e rimos. Tamén pode elixir un conto e así rematamos a asemblea co conto e a súa reflexión.

Os acontecementos ocasionais tamén teñen cabida na asemblea. Se algo esperta moito a súa atención, falámolo e mesmo usamos a pantalla para investigar ou comprender ese tema que lles preocupa, motiva ou chama a atención da actualidade.

Así é como, cada mañá, comezamos o cole, expresando emocións, sentimentos, aprendendo xogando, cantando, rindo e sempre respectando e escoitando aos compañeiros e compañeiras.

This article is from: