1 minute read

PROXECTO

No verán do 2022 notificáronnos que o IES Xesús Taboada Chivite ía ser un dos 220 centros de Galicia elixidos para ter un “Polo Creativo”. Para isto previamente tivemos que presentar un proxecto e despois de pasar un proceso de selección déronnos a boa nova.

Non foi ata o mes de outubro cando recibimos todo o material adxudicado pola Consellería de Educación e, inda que xa tiñamos preparada unha aula para ser utilizada como Polo Creativo, tivemos que habilitar outra para poder dar cabida non só o material se non tamén ter o espazo necesario para a súa utilidade.

Advertisement

Foron intensos os traballos para catalogar, clasificar e recolocar o material recibido e, sen o apoio do equipo “INNOVA – POLOS CREATIVOS” formado por Ana Doval (Tecnoloxía), Miguel Fernández (Educación Física), Verónica García (Matemáticas), Rebeca González (Educación Plástica e Visual), Paula Páramo (Matemáticas) e Nuria Trigueros (Física e Química), como coordinadora, nada disto tería saído adiante. Ao longo do mes de xaneiro e febreiro o grupo de profesorado “INNOVA – METODOLOXÍAS ACTIVAS”, formado polos docentes citados anteriormente e mais Iria Alonso (Tecnoloxía), Elena Álvarez (Pedagoxía Terapéutica), Juan Manuel Cid (Matemáticas), Javier Díaz (Educación Plástica e Visual), Iria Piñeiro (Tecnoloxía), Jose Angel Rodríguez (Bioloxía e Xeoloxía), Marta Rodríguez (Audición e Lenguaxe) e César Sánchez (Tecnoloxía), recibiu formación sobre o uso do Chroma e xeración de audiovisuais e tamén sobre impresión 3D. No segundo e terceiro trimestre foron moitos os docentes que utilizaron as aulas de Polos Creativos co obxectivo de incorporar diferentes ferramentas e metodoloxías activas na práctica docente. Nesta liña graváronse podcast e vídeos para autoeditar, utilizáronse técnicas grupais, creáronse diferentes situacións de aprendizaxe,... todas elas en prol dunha aprendizaxe motivadora e innovadora. Os primeiros pasos xa están dados. Pero aínda queda un camiño por diante moi longo e espero que sexa produtivo en favor da comunidade educativa de Verín.