1 minute read

CHIVIACTIVIDADES

Next Article
PROMOCIÓN 2023

PROMOCIÓN 2023

Ao longo dos últimos cursos foron diferentes as actividades propostas polo profesorado do IES Xesús Taboada Chivite no ámbito STEAM, acrónimo que provén das siglas en lingua inglesa de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería, Arte e Matemáticas. Combinando estas materias o alumnado adquire competencias para a resolución de problemas, fomenta a capacidade de análise, potencia o pensamento flexible e aumenta a creatividade, elementos fundamentais cando tratamos de innovar.

Con estas actividades tamén pretendemos fomentar as vocacións científicas e tecnolóxicas entre as rapazas e os rapaces, de xeito que teñan referentes que permitan ampliar a mirada á hora de escoller os seus estudos e a súa carreira profesional. Nos últimos cursos e grazas ao grupo de traballo “eXXperimenta en feminino” do Campus de Ourense, Universidade de Vigo, conseguimos traer diferentes exposicións itinerantes como “As mulleres que nos axudaron a chegar á Lúa” e “Mulleres na Ciencia”. Tamén facilitáronnos a posibilidade de participar no concurso anual “Día da Muller e a Nena na Ciencia”, no que obtivemos diferentes premios ao longo das sete convocatorias que xa teñen celebradas. Durante o curso 2020_2021 os profesores de matemáticas Juan Manuel Cid e Paula Páramo, coordinados pola profesora de Física e Química Nuria Trigueros, participaron no proxecto europeo Erasmus+ KA3 ATS STEM. Os tres profesores traballaron durante todo o ano nun proxecto de análise enerxético con alumnos de 3º ESO recoñecido positivamente pola Consellería de Educación.

Advertisement

Ás veces os inicios non son fáciles pero o bo traballo desenvolto en anos precedentes fixo que neste curso 22_23 o número de actividades STEAM de calidade levadas a cabo co noso alumnado fora altamente produtivo.

Algunhas das actividades mais destacadas foron: conferencias Igaciencia, visita ao Aula Newton para usar simuladores de vóo, exposición de intelixencia artificial “More than human” en A Coruña, conferencia e obradoiro de escaneo 3D, visita á central hidroeléctrica de Velle, visita ao Domus de A Coruña, concurso “Nena na ciencia”, decoración artística de Nadal, elaboración de traxes para o desfile de Entroido conmemorando o Ano Picassiano, visita a Galiciencia, participación no Canguro Matemático, actividades do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE).... Todas estas actividades foron organizadas por José Ángel Rodríguez e Iria Alonso de Bioloxía e Xeoloxía, Ana Doval e Iria Piñeiro de Tecnoloxía, Paula Páramo e Verónica García de Matemáticas, Nuria Trigueros de Física e Química, Rebeca González de Educación Plástica e Visual, todos eles pertencentes ao grupo CHIVI-INNOVA.

As actividades de divulgación científica e artística desenvoltas este ano servirán para que o noso alumnado afronte o seu futuro académico e profesional cunha perspectiva innovadora e esperamos que grazas a elas as vocacións STEAM medren na sociedade verinesa nos vindeiros anos.

This article is from: