Enquisa á miña avoa 8

Page 1

ENQUISA - Cal foi a súa profesión? A miña avoa Amelia exerceu varias profesións á parte das que ela levaba na súa casa, coas tarefas do fogar. Ela comezou traballando limpando os montes, logo emigrou a Suíza onde estivo traballando nun hotel, onde realizou diferentes tarefas; dende facer unha cama ata facer de pinche na cociña. Logo veu para España e ela máis o meu avó montaron unha taberna na aldea e na súa propia casa. Ademais de ser taberna, miña avoa tamén daba comidas, o que viña sendo coma un restaurante. Á vez que tiña a taberna, tamén lle axudaba ao meu avó co correo, sendo a encargada de levar as cartas cando el estaba enfermo ou tiña moito traballo. - Que outros traballos había? Miña avoa di que o traballo máis realizado entre as mulleres era o de ama de casa e o de traballar na labranza e todo o relacionado con ese ámbito. Había moitas mulleres que traballaban ao xornal, é dicir, que a cambio de diñeiro pois ían plantarlle unhas patacas ao veciño, sementar o millo, etc. Tamén di que recorda algunha que outra costureira e leiteira. - Cales eran as festas as que ían? Que se comía? Bailaba? Bebía? Vestía? A festa que lembra miña avoa con moito agarimo é a Romaría de Santa Xusta (Moraña), festa relixiosa celebrada neste municipio o 19 de xullo. Miña avoa di que á mañá ían á misa celebrada e lembra que tiñan sempre que beber a auga milagrosa da fonte desa igrexa como remedio para as dores do corpo e os males do espírito. Tras todo isto, chegaba o almorzo e dime que comían alí mais dependendo do ano algunhas veces comían no pulpeiro, se tiñan uns aforriños ou se non levaban na súa cesta de vimbios un bolo, tortilla de pan e latas de conserva, coma unhas sardiñas, sen faltar, iso si, o viño. Ademais contoume que na nosa aldea, Cequeril, na súa xuventude había un salón de bailes nunha das moitas tabernas existentes no pobo. Entón, ela lembra ir alí coas súas mellores galas, como ela di: “O vestido e zapatos que só tiña para os domingos e cousas importantes” e alí é onde empezaban a mocear, sacándoas os homes a bailar. - Refráns ou ditos. . Nin come nin deixa comer . Cando marzo maiea, maio marcea . Os que dormen no mesmo colchón vólvense da mesma condición . Cambiarás de muiñeiro pero de ladrón non . Xaneiro súbese so ao outeiro: se ves secar bótate a chorar, se ves reverdear bótate a cantar . O mozo inchar e o vello mirrar é señal de pouco durar . O can que máis ladra non é o que máis morde - Cal era a súa actividade cotiá? Ela conta que se levantaba cedo para ir muxir as vacas e ir botar a auga (isto era feito na aldea para que a auga fose para a súa finca e cada veciño tiña a súa hora), logo preparaba ás súas fillas para ir á escola e despois abría a súa taberna ocupándose ao mesmo tempo do xantar e de facer as camas. Logo ao mediodía atendía ás súas fillas e cerraba a taberna ata a tardiña.


Durante a tarde levaba ás súas fillas a clases particulares ou a onde precisasen ir. Tamén aproveitaba para realizar traballos na horta. Despois abría a taberna e ata a noite que non se deitaba. Era habitual que tamén lle axudase ao meu avó a repartir o correo, especialmente en días de choiva xa que ela conducía e meu avó só manexaba a moto, e así se ela o levaba pois non se mollaba. Mais ela di que a pesar de traballar moito, foi moi feliz e recoñece que tamén tiña os seus momentos de ocio e de descanso. O que máis lle gustaba facer no seu tempo libre era coser e ir dar unha volta aos mercados dos arredores. - Nomes de obxectos, ideas, etc. . Apeiros de labranza: legón, picaraña, aixada, peneira . Meteoroloxía: poallada, chuviscada, barrufeira, chaparrada, auganeve, sarabiada . Outros obxectos: palangana, carraca, funil . Apelativos: pailán, fachendoso, túzaro, trapalleiro


Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.