Enquisa á miña avoa 4

Page 1

ENQUISA A UNHA MULLER GALEGA Por Rafael Otero Barros, 1º Bacharelato

1) A súa profesión Ela facía varios traballos, xa que era ama de casa, polo que coidaba dos fillos, facía a comida, lavaba, planchaba,... .Tamén era labrega, polo que coidaba dos animais, indo a buscar herba, dándolles de comer, muxindo as vacas...; e tamén coidaba as terras, plantando, sachando, arando as veigas, recollendo as colleitas, escorouchando o millo,... .Por último, tamén vendía produtos da casa como o millo, o trigo, o leite... 2) Que outras profesións femininas había? Costureira, taberneira, xornaleira, criada, mestra, muiñeira, lavandeira, cociñeira, gandeira, labrega, peixeira, mariscadora, redeira... 3) Cales eran as festas ás que ía? Que se comía, bebía, vestía e bailaba? Ían ao San Breixo, á romaría dos Milagres de Amil, ao San Cibrao, á Santa Xusta, ao San Pedro de Rebón. Bebía auga e, en ocasións especiais, un pouco viño. Vestía blusas e camisolas de liño e saias de cor negra. Bailaba muiñeiras e pandeiradas coas súas amigas. 4) Refráns, ditos e lendas que escoitou algunha vez. "Quen non foi a Lisboa non viu cousa boa." "Polo San Xoán a sardiña molla o pan." "Hai que gardar das risas para as choras." "Nunca choveu que non escampara." • LENDA SOBRE MEIGAS GALEGAS Conta a miña avoa que cando a súa nai era nena, sucedeu algo no pobo que resultou tan estraño e tenebroso, que quedou gravado para sempre na memoria dos veciños. No pobo vivían dúas vellas meigas ás que toda a veciñanza coñecía e respectaba debido aos seus “poderes" e coñecementos do sobrenatural. Vivían nunha casiña pequena e afastada do centro do pobo, na cal xa medraba o brión por riba de pedras centenarias, e en cuxa pequena horta medraban unha grande variedade de vexetais. Destas meigas, das que se dicía pola boca pequena que tamén facían grande variedade de ritos satánicos, era importante a sona que tiñan pola contorna de elaborar apócemas de amor. Un día, unha rapaza foi a ver ás dúas vellas meigas para pedirlles consello, xa que quería facer que un rapaz do que estaba namorada correspondese ese sentimento. As meigas dixéronlle que debía meterse espida no lavadoiro pola mañá cedo. Ela así o fixo, e cando pola mañá acudiron as mulleres a lavar a roupa e a atoparon alí, foron correndo a avisar a


súa nai, que lle rifou, doulle unha labazada e mandouna para a casa. Pero o máis curioso de todo isto foi que o mozo namorou e casou coa rapaza, segundo el dicía, por quedar fascinado polo seu corpo espido. Así que, ao final de todo, as meigas si que sabían de namorar. 5) Cal era a súa actividade cotiá? Facer a comida, darlles de comer aos animais, muxir as vacas, apañar a verdura, recoller os ovos, lavar no río, moer o gran... 6) Nome de obxectos e ideas en galego. Morriña: botar de menos algo, xeralmente a terra da que se provén. Meruxa: choiva suave e en pequenas gotas. Enxugo: ferramenta que servía para enganchar as vacas ó carro. Lagareta: ferramenta coa que se espremían as uvas para facer o viño. Artesa: especie de mesa cun gran caixón onde se gardaba o gran, xeralmente trigo ou centeo. Ledicia: sentimento de alegría, felicidade.


Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.