2 minute read

PARQUE NATURAL BAIXA LIMIA-SERRA DO XURÉS

PARQUE NATURAL BAIXA LIMIA-SERRA DO XURÉS

O Parque Natural Baixa Limia - Serra do Xurés foi declarado en 1992 mediante decreto da Xunta de Galicia que buscaba poñer en valor e protexer os seus singulares valores xeomorfolóxicos e paisaxísticos. Daquela comprendía territorio dos concellos de Entrimo, Lobios e Muíños, pero en 2009 foi ampliado para incluír zonas de Bande, Calvos de Randín e Lobeira.

Advertisement

É o parque con maior superficie de Galicia e, xunto co veciño Parque Nacional Peneda-Gerês, conforma desde 2009 a Reserva da Biosfera Transfronteiriza GerêsXurés. Son en total máis de 260.000 hectáreas de territorio protexido que comparten ecosistemas, paisaxes e elementos culturais.

No día de hoxe, o Xurés e o Gerês están no imaxinario colectivo de galegos e miñotos como espazos que son depositarios da memoria, natural e humana, doutro tempo e da esencia das nosas identidades.

O Xurés dispón de rutas e itinerarios interpretativos, pero tamén dunha rede de centros de interpretación que achegan ao público a súas especificidades; son as Portas que abren o parque á cidadanía e visitantes que buscan apreciar a súa singularidade, cada unha dedicada a un dos seus valores representativos.

A xeoloxía

Milenios de augas, ventos, microclimas e forzas erosivas xeraron unha paisaxe de fenómenos xeolóxicos de gran diversidade e riqueza pois poden distinguirse desde as pegadas de glaciarismo até o relevo en formación das ribeiras fluviais.

É un territorio quebrado, de montaña que combina co val, e de microclimas que dan lugar a ecosistemas de flora e fauna singular e a formas específicas de aproveitamento histórico do territorio.

O ecosistema

A xeografía diversa provoca unha gran diversidade de hábitats nos que conviven as actividades ancestrais das comunidades labregas con espazos naturais; así, hai tanto cerquiños, bidueiros ou sobreiras como montes nos que pastan castes autóctonas de gando vacún. Esta variedade ten como resultado unha contorna natural de especial riqueza e calidade, ao estar presentes nela multitude de especies endémicas.

En atención a esta circunstancia, o territorio do parque intégrase dentro do Lugar de Importancia Comunitaria Baixa Limia (ES1130001), está na lista de Lugares de Importancia Comunitaria da Rexión Bioxeográfica Atlántica e foi declarado Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA), coa denominación Baixa Limia - Serra do Xurés, incorporado á Rede Natura 2000.

Os fitos históricos

A Casa da Moura nas Maus de Salas, Aquis Querquernnis, Santa Comba de Bande, as pallozas das Cortes da Carballeira... todas as comunidades e poderes que ocuparon o territorio deixaron pegadas dunha monumentalidade innegable. Igualmente singular é a construción social e política que era o Couto Mixto, territorio que mantivo a súa independencia de España e Portugal durante séculos.

A etnografía

O patrimonio inmaterial presenta interesantes especificidades que fan da zona unha verdadeira reserva cultural, depositaria de costumes hoxe desaparecidos noutras zonas, que tamén ten unha plasmación visible na construción do territorio, nas arquitecturas para o seu aproveitamento, nas lendas ou mesmo nas romarías ou na toponimia.

This article is from: