
1 minute read
Mutación da nosa esencia de Santi Picos
EXPOSICIÓN COLECTIVA Pandemia. Novos retos. 07.10 / 07.11
Mutación da nosa esencia
Advertisement
Técnica mixta, 73’5x53’5.
Empregando ceras, carbón, estilógrafo, rotulador, lapis de cores e acrílico, a obra destaca no uso das cores: estridentes, con partes en branco e negro, transmitindo unha gran dose de pesimismo. O autor quere reflectir a vida dunha persoa calquera nun lugar calquera, vivindo o malestar dunha pandemia mundial sen máis compañía cás catro paredes da súa casa. A persoa pendura dun cable dun televisor vello, simbolizando a dependencia e confusión xerada polos medios de comunicación.
O teito e o chan son taboleiros de xadrez, onde a man dun ente descoñecido coloca a primeira peza para iniciar a partida. Na parte superior, un papel rachado, contén a frase: “O aillamento é unha espiral de pensamentos negativos”. O autor quere dicirnos que unha sociedade illada acaba por ter carencias ou síntomas de enfermidade. É esa enfermidade o que reflicte o cadro.
Sobre o autor
Santi Picos (Carballo, 1985), estudou ilustración na EASD Pablo Picasso da Coruña. Ademais, completa a súa formación artística con diferentes obradoiros de deseño gráfico, gravado, modelado en barro, caricatura e acuarela. Ten participado en numerosas exposicións individuais e colectivas tanto en Carballo como na Costa da Morte. Tamén participou en proxectos de arte urbana como “Derrubando muros con pintura” en Carballo, “Mulleres pioneiras”, “Arte na rúa” e “Ruar e rir”.