
1 minute read
Conta de Pedro Tasende
EXPOSICIÓN COLECTIVA Pandemia. Novos retos. 07.10 / 07.11
Conta
Advertisement
Tinta china sobre papel, 70x50.
A obra, enmarcada nun marco antigo de Manolo Eirín, forma parte da serie “Presencias”, na que Pedro Tasende traballa desde 2019 e onde explora a través do debuxo en negativo. A obra configúrase grazas ás reservas de papel en branco dentro da masa de tinta negra. Ao autor gústalle facer a analoxía cos pulmóns onde a súa esencia son as cavidades do aire. O resultado é froito da improvisación absoluta, buscando a poética do xesto espontáneo. Neste caso, revelouse un xesto repetitivo e monótono, que nos convida a pensar nas interminables enumeracións de vítimas da pandemia. Ruda e rotunda, como todo o que estamos a vivir.
Sobre o autor
Pedro Tasende (Carballo, 1985) conta que de pequeno lle era difícil atopar o seu lugar entre tantas voces, rodeado de tres irmás maiores, polo que se refuxiou nunha burbulla de xoguetes de debuxo e construción, desenvolvendo así o talento creativo. Apaixonado pola construción, estuda enxeñaría en deseño de produto e logo arquitectura. O deseño e auto-construción de mobles, obras de arte e gráficos completan a súa experiencia universitaria. Tras o seu paso por estudios de arquitectura internacionais en España e Francia, agora faino coa súa propia marca T S N D estudio. Para el, o proceso creativo é unha especie de dixestión emocional, unha procura do esencial.