9 minute read

Alumni USC - MEMORIA 2021

ACTIVIDADES ORGANIZADAS POR ALUMNI USC

Cursos online Formalumni

Advertisement

Este ano a Federación Alumni España puxo a disposición a todo os socios e socias pertencentes as asociacións federadas (incluíndo AlumniUSC) a plataforma de cursos online FormaAlumni. Estes cursos estiveron dispoñibles dende o 29 de xaneiro ata o 28 de febreiro.

Esta iniciativa foi unha colaboración co socio tecnolóxico da Federación, a consultora TDconsulting, que desenvolveu unha plataforma cun amplo catálogo de cursos seleccionados de acordo coas demandas e tendencias actuais, certificados por CertiUni (https://www.fundacioncertiuni.com).

Charlas e conferencias

Charla do Dr. Jorge Mira: “Cambio estacional de hora e fuso horario de España”

O 25 de marzo de 2021,o noso socio Jorge Mira, catedrático e comunicador da USC, falou do cambio estacional da hora e do fuso horario de Galicia e España.

Sempre didáctico e cercano, o profesor Mira reiterou o seu apoio ao cambio de hora primaveral (+1) e outonal (-1)

Charla do Dr. Juan Gestal: “A pandemia da COVID-19: Encarando a recta final”

O xoves 15 de abril de 2021, tivemos o pracer de asistir a unha charla do Dr. Juan Gestal. Socio de Alumni USC. Profesor emérito da USC. Experto e comunicador desta peste do século XXI.

Na súa disertación explica que a pandemia da COVID-19 está encarando a recta final. E apóiase nas diapositivas e diagramas da presentación de powerpoint, facilitando datos e estatísticas.

Conferencia do Dr. Carlos Pajares: “Hans Küng: O Cristianismo na cultura actual”

O xoves 3 de xuño de 2021, tivemos o pracer de asistir, vía Teams, á conferencia de don Carlos Pajares Vales, catedrático de Física Teórica, profesor emérito da USC, sobre O cristianismo hoxe...

Outro tesouro de Alumni USC!Reiteramos o noso convite para visitar a nosa páxina web, onde están todas as charlas online

Reunión de traballo sobre o Portal de emprego de Alumni USC coa Asociación Área Empresarial do Tambre I

O día 4 de maio Alumni USC, representada pola directiva Loreto Fernández, mantivo unha reunión coa Asociación Área Empresarial do Tambre na súa sede social para ver de acadar opinións e achegar suxestións cara ao remate da creación do portal de emprego na nosa Asociación.

Xornada Gastronómica no Centro Superior de Hostalería de Galicia I

O xoves 18 de novembro fixemos unha actividade moi interesante: Unha xornada gastronómica no Centro Superior de Hostalería de Galicia.

Cumprimos o aforo, cos 20 participantes esixidos. Logo dunha breve recepción, agasalláronnos cunha cata de chocolate; elaboramos un menú; e traballamos sobre coctelaría, micoloxía, maridaxe...

Agradecemos, de corazón, á atención de Marta Fernández Vázquez, directora do CSHG.

Visita ao Arquivo Histórico da USC

Un grupo de socias e socios visitaron o Arquivo Histórico da USC o xoves 21 de outubro acompañados polo subdirector, Jaime Fariña.

Comezaron a visita cunha presentación e explicación sobre a orixe, evolución e funcións do arquivo universitario e os fondos documentais que acolle na sala de conferencias do centro. Logo fixeron un percorrido polas instalacións, visitando o depósito onde se conserva a documentación histórica da nosa Universidade.

Para rematar, o grupo visitou o taller de restauración da man da súa restauradora, Cristina Doral, quen lles amosou os distintos traballos que alí se desenvolven, orientados á recuperación da materialidade e funcionalidade daqueles documentos deteriorados por razóns intrínsecas ou extrínsecas.

Os voluntarios e as voluntarias de Alumni USC da Exposición “A Minerva Compostelá e as súas Glorias” reúnense para desexarvos Bo Nadal I

O día 20 de decembro, o grupo de voluntarios e voluntarias de Alumni USC que participaron na convocatoria do Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC para ser guías da Exposición sita en Fonseca: Mª Esther Marcos, Elisa Pérez, Ángel Segovia, Luis Sobrado e Inés Toca, acompañados de Rosa Maxi, guía da USC, xuntáronse para desexarvos un Feliz Nadal e un venturoso 2022 cheo de saúde.

Tamén forman parte do grupo Josefa Ramallal e Perfecto Yebra, pero non puideron acudir á cita do día 20.

Club de sendeirismo

Camiño de Inverno

Este ano 2021, o club de sendeirismo rematou o Camiño de Inverno!

9ª etapa do Camiño de Inverno: 19.06.21

Penasillás - Rodeiro

Na Taberna do Peto selamos e agasallamos cun exemplar da Exposición Camiño de Inverno a dona Elvira Varela e a súa nora Liliana...heroínas e anfitrionas do Camiño de Inverno.

10ª Etapa do Camiño de Inverno: 10.07.21

Rodeiro - Lalín

O 10 de xullo o club de sendeirismo continuou co seu Camiño de Inverno, facendo o percorrido de Rodeiro a Lalín.

Despois de vinteún quilómetros levadeiros, o grupo chegou a Lalín (de Arriba) onde o camiño conflúe co Sanabrés, que ven da Vía da Prata, para chegar a Compostela.

A etapa está presidida polo río Arnego, un clásico descoñecido, que nace na serra do Faro e desemboca no Ulla. Os camiñantes puideron ver á ponte medieval de Pedroso do século XII.

11ª Etapa do Camiño de Inverno: 02.10.21

Lalín - Silleda

O Club de sendeirismo retomou o roteiro do Camiño de inverno o día 2 de outubro, facendo así a etapa de Lalín a Silleda (duns 16 km).

Saíron da capital do Cocido -e terra natal do aviador Joaquín Loriga e do astrónomo Ramón María Aller- polo paseo do río Pontiñas. Mesturando asfalto e terra, pasaron a mítica Ponte Taboada sobre o Deza.

E despois, antes de chegar a Silleda, tentaron selar na Igrexa de Taboada, chea de referencias ao Camiño.... sen resultado!

12ª Etapa do Camiño de Inverno: 16.10.21

Silleda - Ponte Ulla

O Club de sendeirismo continuou co Camiño de inverno o día 16 de outubro, sábado, estando a piques de concluír o Camiño de Inverno. No camiño foron dende Silleda ata Ponte Ulla, logo de andar por Bandeira, Vilariño, Dornelas....

En San Miguel do Castro atoparon ao vello pai Ulla e case camiñaron ao seu carón, ata chegar e parar en San Xoán da Cova -onde está a ermida da nosa Señora de Gundián.

Desfrutaron dun Miradoiro excepcional... pura beleza! E remataron, logo de cruzar a mítica Ponte -a última reforma foi no século XVIII- selando nunha das poucas igrexas dedicadas, na Gallaecia, á enigmática María Madalena.

Fin do Camiño de Inverno: 06.11.21

Vedra - Santiago de Compostela

O 6 de novembro o Club de sendeirismo rematou a última etapa do Camiño de Inverno; de Vedra a Santiago de Compostela.

Comezaron o seu recorrido en Outeiro (Vedra). Dende aquí chegaron ao primeiro tesouro no Pico Sacro, a Fonte do Santiaguiño (1670).

Logo pasaron por una serie de diferentes territorios, Rubial, Deseiro, Marrozos, Piñeiro… dende aquí baixaron polo Camiño Real de Angrois (que está na Calzada de Sar), subiron por Castrón Douro e finalmente pasaron pola Porta de Mazarelos.

Ofrenda ao Apóstolo I

12.12.21: A mítica combinación binaria

O domingo 12 de decembro decenas de socios, familiares e amigos de Alumni USC, asistiron na Catedral de Santiago á misa das 12.

Foi unha xornada excepcional e histórica, na que o ex-reitor Juan Viaño, devoto camiñante, fixo unha Ofrenda ao Apóstolo (pódese consultar o texto na web de Alumni USC).

A Escolanía da Catedral deleitounos co seu bo facer, emocionante. E houbo Botafumeiro!A presidenta, Benita Silva, estivo e desfrutou deste evento único.

Inauguración da exposición do Camiño de Inverno: de Ponferrada a Compostela en Lugo

O día 1 de setembro, na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos en Lugo, tivo lugar a inauguración da mostra Camiño de Inverno. De Ponferrada a Compostela, co lema de “lugares únicos, heroínas e anfitrións”.

Trátase dunha mostra fotográfica, integrada por medio cento de imaxes da ruta xacobea que descorre pola Ribeira Sacra lucense, ademais de paisaxes e monumentos, que a Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da Universidade de Santiago (Alumni USC) presenta na cidade das murallas coa colaboración da Área de Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da súa Rede Museística, durante o mes de setembro no Pazo Provincial.

Alumni USC asumiu o reto de plasmar nunha exposición a “realidade viva” do Camiño de Inverno, destacando o traballo das persoas que contribúen ao seu desenvolvemento, con especial atención á economía rural e social, tal como explica José Manuel Ortigueira, comisario da exposición. “Este traballo de investigación supuxo retratar a cada persoa na súa ocupación ou coa que ten un vínculo especial. Todas e cada unha amosáronse receptivas a esta iniciativa, sendo conscientes de que cómpre unha maior colaboración e coordinación entre as Administracións Públicas e as asociacións sociais e culturais, para engrandecer e proxectar o Camiño de Inverno. Entre outros, aparecen os retratos de amigos do Camiño, pousadeiras e guías, empresarios e traballadores, un párroco e un sancristán”, segundo engade o comisario.

As imaxes represéntanse en formatos aproximados de 70 x 100 cm, inclúe catro grandes paneis explicativos da ruta e recursos diversos, así como un mural con fotos feitas polos camiñantes da propia entidade universitaria.

This article is from: