Entrevista concellal de medioambiente Ordes

Page 4

Estamos tamén desenvolvendo un programa de saneamento ambiental. Temos en proxecto unha serie de aulas de natureza que teñen por obxectivo dar a coñecer e afondar no estudo da flora e da fauna da zona. A primeira está previsto instalala no muíño da área recreativa fluvial do río Mercurín centrada nun ecosistema máis “urbano”, se podemos chamalo así e outra na antiga estación de tren da Pontraga, por onde pasa o río Lengüelle, afluente do Tambre, centrada nun ecosistema máis “rural”.

Podería citarnos as tres actuacións máis importantes levadas a cabo desde o Concello para salvagardar a boa saúde do medio ambiente? A primeira actuación que levamos a cabo cando chegamos á concellaría foi eliminar 27 dos 50 vertedoiros incontrolados que localizamos no concello –o señor Pedreira amósanos material gráfico dos mesmos–. Deles retiramos zapatos impares, mobles, colchóns, máquinas de moedas, neveiras, plásticos agrícolas. No río da área recreativa fluvial, sen ir máis lonxe, retiraron un plástico agrícola de 5 m de longo do leito do río... Isto motivou a seguinte actuación que supuxo que Ordes fora pioneiro na recollida de plásticos agrícolas á porta das explotacións agrarias. Estamos satisfeitos do programa Ordes recicla, citado anteriormente, e de ter colaborado cos colexios na adquisición de contedores para a separación do lixo.

PÁXINA 4

Puxemos o punto limpo ao día e estamos a elaborar unha guía para o seu correcto uso. Tamén instalamos oito contedores para recoller aceite doméstico usado, como sabedes un litro deste aceite contamina mil litros de auga, repartidos polo casco urbano, un en Santa Cruz e outro no Mesón do Vento. Recibimos a felicitación da FEGAM pola dotación de illas verdes ás parroquias, cada unha consta de contedor para vidro, para envases, para papel e materia orgánica. Temos tamén o recoñecemento de moita xente de paso da limpeza das nosas rúas, parques, paredes.... A isto contribúe o feito de que calquera persoa, asociación, partido político, etc. que queira anunciar algún acontecemento debe facelo en paneis móbiles e, pasado o prazo establecido, retiralos. E do que penso que debemos estar moi orgullosos, non só nós senón todo o pobo de Ordes é de gozar, por segundo ano consecutivo, da bandeira verde conseguida despois de superar unha auditoría medioambiental europea moi rigorosa. En Galicia só outros vinte concellos gozan deste privilexio.

Como definiría a calidade da auga dos nosos ríos? Segundo os resultados das analíticas que se practican periodicamente coa axuda do voluntariado verde en distintos puntos e das que levan a cabo na EDAR, invítovos a visitala, podemos afirmar que a calidade da auga é boa. Dito isto atopámonos con “accidentes” como que alguén bota lixivia no río para coller troitas e mata indiscriminadamente todo tipo de seres vivos, queixas de veciños por malos olores, mortaldade de troitas cerca da EDAR, cada comezo de temporada de piscina ao descuberto no campo da feira morrían algunhas troitas do río... A cada un destes problemas tentamos darlle a mellor solución posible, na EDAR avisouse á empresa que xestiona a auga, na piscina descuberta realizouse unha pequena obra ... Hai que estar encima, persistir para facer as cousas ben aínda que non se consiga ao 100%. Sempre haberá fallos, non somos infalibles.


Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.