Entrevista concellal de medioambiente Ordes

Page 1

Xesús Pedreira MirÁS

ConCelleiro de Medio AMbiente, Medio RuRal e Sanidade

- Concello de Ordes -

IES “Maruxa Mallo” - ORDES

Mª Isabel Mato Torres

Mª Cristina París Ferreiro


IES“Maruxa Mallo”

Mª Cristina París Ferreiro, profesora de Ciencias Naturais e Mª Isabel Mato Torres, profesora de Inglés, coordinadoras das versións galega e inglesa desta actividade queren dar as grazas a: 

Mª Carmen Fernández García e Mª Carmen García Romalde, membros do Departamento de Ciencias Naturais, pola súa colaboración revisando as cuestións da entrevista.



Xosé Manuel Fernández Castro, profesor de Galego, pola revisión ortográfica do galego.



Marisol Liste Noya, profesora de Inglés, e Stacy Weltzin, auxiliar de conversación en lingua inglesa, por revisar a versión final en inglés.



Raquel Rendo Martínez e Xosé Manuel Fernández Castro, pola súa colaboración técnica na gravación e edición en audio da entrevista.



Esteban Calviño Louzao, profesor de Bioloxía, e Jacqueline Tacón, técnica de medio ambiente do Concello de Ordes, pola súa colaboración fotográfica.


“O futuro saudable do medio ambiente pasa por traballar coa xente nova coma vós” Entrevista ao responsable de Medio Ambiente do Concello de Ordes, Jesús Pedreira. Por: Andrea Martínez de la Iglesia, Beatriz Naveira Souto, Óscar Núñez Martínez, Alejandro Sánchez Raña.

Estamos a participar nun programa que consiste en construír unha serie de pozos para que sexan utilizados polos gandeiros coas súas cisternas e non precisen do río para estas tarefas.

Este curso, dentro do programa europeo Comenius, tentaremos coñecer os problemas e as actuacións relacionadas co medio ambiente dos concellos onde se atopan os centros de ensino dos países participantes, Lituania, Polonia e España. Por tal motivo, pregámoslle ao Sr. Pedreira, responsable da Concellería de Medio Ambiente, Medio Rural e Sanidade de Ordes que nos responda as seguintes preguntas:

Cales son os problemas relacionados co medio ambiente que máis lle preocupan neste momento? Pois nestes momentos o que máis me preocupa é o tema dos vertedoiros incontrolados e o da calidade das augas. O dos vertedoiros incontrolados, en parte, xa se corrixiu. Das augas preocúpanos, sobre todo, o uso que se está facendo por parte dalgúns gandeiros de ir ao río coas cisternas dos tractores para lavalas. Isto altera o pH das mesmas provocando unha mortaldade de peixes, troitas que son as que aquí abundan. Ao tempo tamén danan a flora que está ao lado do río porque as augas contaminadas quéimana.

Programa a súa concellería algún plan de sensibilización de respecto e conservación do medio ambiente entre a poboación? Cando o noso grupo entrou no goberno tentamos fomentar desde os colexios a concienciación medioambiental. Tomamos o problema da reciclaxe como centro de interese e de alí xurdiu o programa Ordes recicla. Vendo que con Ordes recicla gran cantidade de escolares e de xente nova deron unha resposta moi positiva avanzamos un paso máis poñendo en marcha outro programa, Voluntariado verde, dirixido neste momento por unha persoa cunha bolsa concedida por Caixanova. Probablemente no próximo mes de decembro farase unha exposición e memoria das actividades realizadas. Delas cabe destacar: limpeza de ríos, estado da biomasa nos montes, sendeirismo marcando e coidando rutas coma a do río Mercurín e a de San Paio de Outeiro, vixilancia e prevención de lumes. Por certo, podemos dicir que Ordes é un dos concellos que menos incendios padeceu. Queimáronse dúas hectáreas este verán, unha insignificancia para a superficie de monte que posúe.

PÁXINA 3


Estamos tamén desenvolvendo un programa de saneamento ambiental. Temos en proxecto unha serie de aulas de natureza que teñen por obxectivo dar a coñecer e afondar no estudo da flora e da fauna da zona. A primeira está previsto instalala no muíño da área recreativa fluvial do río Mercurín centrada nun ecosistema máis “urbano”, se podemos chamalo así e outra na antiga estación de tren da Pontraga, por onde pasa o río Lengüelle, afluente do Tambre, centrada nun ecosistema máis “rural”.

Podería citarnos as tres actuacións máis importantes levadas a cabo desde o Concello para salvagardar a boa saúde do medio ambiente? A primeira actuación que levamos a cabo cando chegamos á concellaría foi eliminar 27 dos 50 vertedoiros incontrolados que localizamos no concello –o señor Pedreira amósanos material gráfico dos mesmos–. Deles retiramos zapatos impares, mobles, colchóns, máquinas de moedas, neveiras, plásticos agrícolas. No río da área recreativa fluvial, sen ir máis lonxe, retiraron un plástico agrícola de 5 m de longo do leito do río... Isto motivou a seguinte actuación que supuxo que Ordes fora pioneiro na recollida de plásticos agrícolas á porta das explotacións agrarias. Estamos satisfeitos do programa Ordes recicla, citado anteriormente, e de ter colaborado cos colexios na adquisición de contedores para a separación do lixo.

PÁXINA 4

Puxemos o punto limpo ao día e estamos a elaborar unha guía para o seu correcto uso. Tamén instalamos oito contedores para recoller aceite doméstico usado, como sabedes un litro deste aceite contamina mil litros de auga, repartidos polo casco urbano, un en Santa Cruz e outro no Mesón do Vento. Recibimos a felicitación da FEGAM pola dotación de illas verdes ás parroquias, cada unha consta de contedor para vidro, para envases, para papel e materia orgánica. Temos tamén o recoñecemento de moita xente de paso da limpeza das nosas rúas, parques, paredes.... A isto contribúe o feito de que calquera persoa, asociación, partido político, etc. que queira anunciar algún acontecemento debe facelo en paneis móbiles e, pasado o prazo establecido, retiralos. E do que penso que debemos estar moi orgullosos, non só nós senón todo o pobo de Ordes é de gozar, por segundo ano consecutivo, da bandeira verde conseguida despois de superar unha auditoría medioambiental europea moi rigorosa. En Galicia só outros vinte concellos gozan deste privilexio.

Como definiría a calidade da auga dos nosos ríos? Segundo os resultados das analíticas que se practican periodicamente coa axuda do voluntariado verde en distintos puntos e das que levan a cabo na EDAR, invítovos a visitala, podemos afirmar que a calidade da auga é boa. Dito isto atopámonos con “accidentes” como que alguén bota lixivia no río para coller troitas e mata indiscriminadamente todo tipo de seres vivos, queixas de veciños por malos olores, mortaldade de troitas cerca da EDAR, cada comezo de temporada de piscina ao descuberto no campo da feira morrían algunhas troitas do río... A cada un destes problemas tentamos darlle a mellor solución posible, na EDAR avisouse á empresa que xestiona a auga, na piscina descuberta realizouse unha pequena obra ... Hai que estar encima, persistir para facer as cousas ben aínda que non se consiga ao 100%. Sempre haberá fallos, non somos infalibles.


De que maneira afecta a actividade da central térmica de Meirama e a da planta de Sogama, situadas no concello veciño de Cerceda, á calidade do medio natural de Ordes? Empezarei por dicir que a ninguén lle gustaría ter un Meirama ou un Sogama ao lado pero a sociedade na que vivimos demanda enerxía eléctrica e dalgún sitio ten que sair. Actualmente estase a facer un cambio de política enerxética apostando por instalar xeradores eólicos e placas solares para non depender tanto dos combustibles fósiles, carbón e petróleo. Con respecto a Meirama hai un antes e un despois. O antes é o período durante o que se queimou o lignito da mina de Cerceda que era un carbón de baixa calidade que ao arder desprendía moito xofre. Este xofre produce o que se chama a chuvia ácida, que repercutía negativamente en Ordes. Cando eu estaba na oposición co meu partido, o PSOE, denunciamos moitas veces este tema e loitamos para que na central térmica se empregaran filtros de mellor calidade. O despois empeza cando se deixa de queimar o lignito citado e na Central se emprega gas e hulla, que é un carbón de importación con menos concentración de xofre, como combustible. Este feito e a instalación de filtros moito máis selectivos reduciu a problemática referida á saúde da poboación de Ordes e de Galicia en xeral. Na central térmica das Pontes aconteceu un proceso similar e chegaron a recibirse denuncias dende o Reino Unido porque a contaminación chegaba ata alí. En Sogama quéimase o 40% do lixo que se recibe, o outro 60% entérrase. No proceso de queimado emítense dioxinas á atmosfera que pasan ás cadeas tróficas. Por iso é moi importante realizar unha recollida selectiva do lixo, xa que se evitaría queimar refugallos coma os plásticos que as producen. Co lixo que se enterra houbo moitos problemas que ocasionaron numerosas denuncias porque as lixiviacións que se producen chegaron ao río Lengüelle. Agora sabemos que ese problema está máis controlado e vixiado.

Dende o Concello esixímoslle a Meirama que nos pasara os datos das diversas estacións que teñen colocadas para control das emisións e témolos colgados na páxina de Medio Ambiente. Nesta mesma páxina publicamos tamén os datos obtidos das análises da auga. Creo que a transparencia é moi importante de cara ao cidadán. Cando os resultados son bos, felicitámonos todos e se son malos, temos que traballar para melloralos. Considero que tanto Meirama como Sogama contaminan pero teñen unha incidencia menor nos problemas de saúde da poboación que anos atrás. No vindeiro ano teremos eleccións e os representantes elixidos teñen a responsabilidade moral e ética de estar vixiantes día a día.

Podería especificar que axudas reciben doutros organismos oficiais para temas relacionados co medio ambiente? Nestes momentos a crise é total. No mandato de don José Álvarez asinouse un convenio con Sogama para actuacións a favor do medio natural. Estas actuacións permitiron arranxar fontes e lavadoiros antigos e facer unha pequena área recreativa ao arredor deles, Santa Cruz, A Costa, Cabeza de Lobo, San Pedro, Mesón do Vento, Parada… Tamén permitiu construír as illas verdes polas parroquias. Coa axuda de Sogama tamén levamos a cabo un programa piloto de compostaxe en Beán e Poulo que PÁXINA 5


resultou moi satisfactorio. Reducíronse os quilogramos de lixo que se mandan a queimar á planta de Sogama e non podemos esquecer que o prezo solidario por tonelada que se envía é de 52 euros. Os acordos con Sogama non son sempre comprendidos pola poboación, algúns interpretan que nos “compran” outros que é “un imposto revolucionario” pero non se trata nin dunha cousa nin da outra, simplemente pensamos que se ao Concello de Cerceda lle asigna unha cantidade anual fixa por estar alí instalada, os concellos limítrofes tamén debemos percibir algo que contribúa a mellorar o noso medio ambiente porque soportamos os seus efectos. Neste momento estamos pendentes de asinar outro convenio pero a crise estao retrasando. Recibimos moitas axudas da Consellería de Medio Ambiente e da Administración Central e os últimos programas que levamos a cabo, Ordes recicla e Voluntariado Verde, fixéronse grazas a subvencións recibidas. Tamén tiñamos en proxecto un programa co Ministerio de Medio Ambiente que non se puido levar a cabo, polo momento, debido aos recortes de presuposto. Consistía en instalar compostoiros en todas as parroquias coas correspondentes trituradoras para reducir o peso do lixo e o diñeiro aforrado en transporte investilo en actividades de coidado do medio natural.

Establece algunhas directrices a CE relacionadas con este tema que afecten á concellería da que forma parte? Pois si, hai unhas normativas europeas moi importantes. O tema do carbón mesmo, o de Meirama, existe unha directriz de que a partir de 2014 non se pode usar o carbón autóctono. Despois está o EMAS, Eco-Management and Audit Scheme, en galego Regulamento Comunitario de Ecoxestión e Ecoauditoría, que cada vez está implantándose máis porque non tardará o momento en que será requisito indispensable para obter subvencións.

PÁXINA 6

Estar dentro da CE obríganos a unha serie de actuacións que son beneficiosas para a calidade de vida da poboación e para o entorno. Podemos citar que os pozos negros están prohibidos e no ano 2015 todos os núcleos rurais de máis de 50 habitantes deberán dispoñer de abastecemento de auga potable e de redes de sumidoiro. Ser un estado membro da CE ten aspectos positivos e negativos pero eu creo que para España o balance é moi positivo.

Como xa nos dixo vostede, a bandeira verde e a placa que hai na Alameda están relacionadas con méritos na defensa do medio ambiente. Poderíanos especificar cales? Nun primeiro momento foi a limpeza diaria e a preocupación pola calidade da auga, este ano centrámonos na educación e concienciación medioambiental. Debo resaltar que Ordes, por primeira vez na súa historia, foi campus universitario precisamente para o estudo de temas medioambientais tanto o ano pasado coma este. Creo que isto supón un orgullo para os veciños do concello.


Moitas grazas Sr. Pedreira por dedicarnos a súa atención e o seu tempo tan amablemente.

Quixera comentar tamén, ao fío dunha pregunta anterior, que hai dous anos repartimos polos comercios sobre 3.000 bolsas de plástico biodegradables e, vendo a boa acollida que tiveron, os comerciantes xa as adquiren por propia iniciativa, quixemos dar un paso máis e este ano repartimos bolsas de liño reutilizables.

Nada, sempre aberto ao que queirades, é a miña obriga estar con vós e informar para que a poboación saiba o que facemos. Eu estou convencido de que o futuro saudable do medio ambiente pasa por traballar coa xente nova coma vós, os adultos temos uns hábitos erróneos adquiridos moi difíciles de cambiar, vós sodes os verdadeiros dinamizadores do cambio e os vosos fillos xa terán progresado moito nestes temas. De aí a nosa insistencia de recorrer aos centros de ensino porque é entre vós onde se produce o verdadeiro cambio e resulta moi gratificante investir tempo e esforzo neste sentido. Eu tamén vos agradezo a participación neste programa de intercambio europeo Comenius e anímovos a que sigades traballando nesta liña. Para as veciñas e veciños de Ordes é importante que nos abramos ao mundo e que o mundo nos coñeza a nós. Quen nos ía dicir hai vinte anos que cidadáns de Lituania e Polonia convivirían con nós e viceversa.Isto é unha pequena mostra de globalización da que nunca debe quedar excluído o Medio Ambiente. Non quero esquecerme dos vosos profesores, debedes sentirvos orgullosos deles. Teñen verdadeiro mérito por contribuír voluntariamente a actividades deste tipo.

PÁXINA 7


Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.