
3 minute read
Xela Arias
from BATEA 2021
by ceip.cedeira

Foi a primeira filla de Valentín e Amparo e puxéronlle o nome de María de los Ángeles. Xela Arias Castaño naceu nunha aldea do concello lugués de Sarria o 4 de marzo de 1962.
Advertisement


O seu nome estaba en castelán porque naquel tempo non estaban permitidos os nomes en galego, pero na casa todos a chamaban Xela ou Xeliña.
A seu pai, que era mestre, gustáballe moito escribir. Un dos seus textos dedicoullo á súa filla, chámase “Xeliña fala galego”.


Comezou os seus estudos no Colexio Fingoi, en Lugo. Un centro que se caracterizou polas innovacións pedagóxicas.
Pero, cando Xela tiña 7 anos, destinaron ao seu pai á escola de Sárdoma-Moledo na cidade de Vigo, e toda a familia trasladouse á nova cidade.
Alí continuou coa súa gran paixón, a escritura. Cando tiña once anos gañou o Concurso de Contos Infantís “O Facho” da Coruña, co relato: “A fraga dos paxaros faladores e a fraga leopardicia”.


Ao rematar a secundaria, decide non seguir estudando e entra a traballar en Edicións Xerais de Galicia.


Contratárona polos seus coñecementos do idioma galego. Traballou como tradutora, correctora de estilo e editora.
En maio de 1982, publicou o seu primeiro poema, “Vin...”. E no ano 1986, publicouse o seu primeiro libro “Denuncia do equilibrio” no que se recollen todos os poemas que Xela creou neste tempo. Como tradutora, pasou ao galego libros como: “Caballum” de Carlos Oroza, “O Gato Gaiado e a Andoriña Seña: Unha historia de Amor” de Jorge Amado, “Contos ó teléfono”, de Gianni Rodari ou “O enxeñoso fidalgo don Quixote da Mancha”, de Miguel de Cervantes.


Mentres traballaba, non deixou de crear os seus poemas. Durante este tempo participou en diferentes recitais e festivais poéticos e publicou os seus poemas en xornais e revistas.

Coa publicación do seu segundo libro “Tigres coma cabalos”, coñece ao fotógrafo Xulio Xil, que máis tarde se convertería no seu marido.

En 1991, con trinta anos, decide volver a estudar, e matricúlase na Facultade de Filoloxía Hispánica da Universidade de Vigo.

En outubro de 1994 nace o seu fillo Darío, ao que lle dedicou o seu terceiro libro de poemas “Darío a diario”.
O 20 de xaneiro de 1995 consegue, por decisión do xulgado de Sarria, o cambio do seu nome. Xa non se chamará María de los Ángeles, chamarase Xela, o nome polo que realmente era coñecida.

Ao rematar os seus estudos universitarios, comeza a dar clases de lingua e literatura castelá, en diferentes institutos de Galicia. Cambiou de traballo pero non de intereses, nunca abandonou o seu gusto pola escritura e seguiu escribindo.
A parte da súa defensa do galego, Xela foi moi activa na defensa das causas populares.
Participou en actos contra a entrada de España na OTAN, manifestouse contra a marea negra do Prestige, contra a guerra de Iraq, a favor da normalización do idioma galego e das causas feministas.
O seu último libro chámase “Intempériome” e foi publicado seis meses antes do seu falecemento, que aconteceu na cidade de Vigo o 1 de novembro de 2003.


Xela morreu aos 42 anos, deixándonos sen a súa poesía, que ela definía como:
“Que nunca, nunca xamais, me diga alguén que non entende de poesía. A poesía non se entende, síntese ou non se sinte, faise ou non se fai ” .
Biografía e debuxos feitos polos alumnos/as de 3º de primaria.