1 minute read

A Reserva de Biosfera supera a última auditoría para converterse en Destino Turístico Starlight

Á espera da certificación oficial, este recoñecemento servirá para potenciar os 17 municipios integrados na Reserva como destino ecoturístico

REDACCIÓN / Comarca

Advertisement

A Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo está a piques de converterse en Destino Turístico Starlight (DTS) tras superar a última auditoría que constata como óptima a calidade do ceo para a contemplación e, ao estaren protexidos de contaminación lumínica, son especialmente aptos para o desenvolvemento de actividades turísticas relacionadas.

A certificación, outorgada pola Fundación Starlight, un organismo dependente do Instituto Astrofísico de Canarias, permitirá fortalecer o territorio dos 17 municipios integrados na Reserva e que conforman o primeiro Destino de Ecoturismo certificado de Galicia.

O presidente da Reserva, José Antonio Santiso, subliñou que suporá un beneficio para as empresas coa Marca de Calidade e permitirá poñer en marcha accións para reducir a contaminación lumínica e "favorecer que a poboación local e os turistas poidan observar o ceo en boas condicións", dixo, ao tempo que será "un impulso importante para o desenvolvemento económico e social do territorio".

As medidas previstas buscarán instalar sistemas de iluminación máis eficientes baseados nas novas tecnoloxías.

Liñas de traballo

Unha vez que a certificación sexa oficial, a Reserva traballará a redución da contaminación lumínica a través do programa "Educando na Biosfera", que ofertará ás empresas locais formación como "monitores Starlight". Tamén está previsto adecuar espazos agora infrautilizados para dotalos de infraestrutura astroturística e crearanse experiencias nocturnas de divulgación que servirán para fortalecer a oferta dos aloxamentos da Biosfera.

Por outro lado, baixo o Plan de Sostenibilidade Turística da Reserva, estudaranse modelos de ordenanzas municipais e instruccións que sirvan como modelo para desenvolver plans contra a contaminación lumínica e para fomentar a transición ecolóxica.

Todos os municipios da Reser- va están incluidos nos límites establecidos para ser considerados Destino Turístico Starlight, se ben, o territorio estará dividido en tres zonas. Por un lado a Zona Núcleo, a máis escura e con mellores valores para a observación que ocupa o 30% do territorio ubicados na zona este. Trátase dos concellos de Sobrado, Aranga, Curtis e OzaCesuras, que contan cos valores máis óptimos no que respecta á calidade do ceo nocturno.

As zonas externas conforman o 50% do territorio e están asociadas a zonas urbanas ou áreas industriais dos municipios. O restante 20% corresponde ás denominadas zonas de amortiguamento.

A Reserva de Biosfera leva varios meses traballando para poder obter a certificación que outorga a Fundación, entidadeque conta co respaldo da certificación da Organización Mundial do Turismo e da Unesco.

Os principais obxectivos da fundación son a protección do ceo nocturno, a difusión cultural da astronomía e o desenvolvemento económico sostible local a través do astroturismo.