3 minute read

DAS AGOSTIÑAS RECOLETAS

Este fermoso conxunto arquitectónico é un dos maiores descoñecidos de Betanzos. O feito de que sexa un convento de clausura ten moito que ver, pero, por sorte, hai varias datas nas que se abre a igrexa e podemos visitala. O vindeiro 22 de maio, día de Santa Rita, é unha desas datas onde a igrexa é aberta ao público e, aparte de celebrar coa comunidade a súa patroa, pódese ver o templo. O Convento de Agostiñas ocupa o lugar onde se situaba dende o século XIV o Hospital da Anunciata, destinado á acollida e curación de enfermos, pobres e peregrinos que seguían o Camiño Inglés. Deste edificio consérvase o claustro columnado no que aparece tallada unha Anunciación, un tema, como é sabido, relacionado coa familia Andrade; e os escudos que adornan a fachada: o de Betanzos e o de Carlos I que podemos datar aproximadamente en 1550.

Coa fundación en 1674 do Hospital de Santo Antonio e unido ao mal estado do Hospital da Anunciata decídese cambiar o uso a convento relixioso feminino. Ao pouco de chegar, as agostiñas van modificar a construción para ampliar a capacidade do mesmo, cambiar a igrexa e as celas. Contan coa axuda económica de diversos veciños, aos que lles mercan terreos, por exemplo. A igrexa inaugurouse no ano 1745.

Advertisement

No interior da igrexa destaca o retablo do altar maior, de estilo barroco, realizado no segundo terzo do século XVIII. Destaca a exuberancia ornamental do conxunto, por exemplo as columnas salomónicas con decoración vexetal. Relaciónase estilisticamente co retablo da Capela da Orde Terceira no Convento de San Pedro de Alcántara en Mondoñedo, xa que o mecenas de ambas as dúas obras é o mesmo, don Ciprián Antonio Gutiérrez, veciño de Mondoñedo pero residente en Betanzos. Forman o conxunto sete tallas e dous relevos. As tallas representan a San Cipriano e San Agostiño, Santa Mónica, San Xoán Evanxelista e a Virxe do Carme. Logo, a comezos do século XX únense as tallas do Sagrado Corazón de Xesús e o Sagrado Corazón de María. Os relevos representan a Anunciación e a Deus Pai.

Destacar tamén os retablos laterais da igrexa, con dúas magníficas pezas de imaxinería barroca compostelá: a Dolorosa e San Xosé.

Por último, non esquecer a imaxe de Santa Rita, patroa da comunidade e tamén do persoal

Microhistorias da @BAMbetanzos

O Convento De San Domingos

Ata o momento tiñamos falado do que conservabamos no interior do edificio do BAM (Biblioteca, Arquivo, Museo) pero aínda non falaramos do noso recinto exterior, da nosa casa, que supón tamén unha importante testemuña da historia da nosa cidade.

O recén renomeado Centro Cultural Vicente de la Fuente, ocupa o espazo do antigo convento de San Domingo, de feito todo aquel que tivera a sorte de entrar no noso patio interior, podería apreciar a esencia dese antigo cenobio. Xunto á CEMIT o, cine Alfonsetti e a OMIX, compartimos instalacións nun edificio que se constrúe no século XVI deixando unha historia peculiar na súa orixe.

O seu protagonista é un presbítero, don Antonio González de Sosa, que falece en xaneiro de 1558 na nosa cidade, deixando no seu testamento unha importante cantidade de bens vinculares á primeira das dúas ordes relixiosas que se establecesen na cidade: ou a de Santo Domingo ou a de San Agustín. Tiñan que chegar á vila do Mandeo con, polo menos, catro confesores e un bo predicador.

Os primeiros en chegar foron os dominicos, que se estableceron de forma provisional na chamada “casa do Hórreo” ata que comezaron as obras sobre unha vella capela que existiría no “campo da feira de sanrroque” como denominaba á zona o mapa que coñecemos para o ano 1616. A torre barroca que potencia a beleza do conxunto é do século XVIII e está custeada polo arcebispo de Santiago, Fr. Antonio de Monroy.

No Arquivo de Betanzos aínda consta documentación tanto da obra, que se extende por varias décadas, como dos avatares do edificio, sobre todo cando intenta ser derruido en 1843, tras a desamortización, pero non se executa por falta de cartos. Durante todo este tempo, as paredes deste antigo templo acolleron diferentes colectivos como as cátedras de Artes e Moral ou de Teoloxía Dogmática, agocharon a comunidades relixiosas francesas que escapaban da revolución no seu país e o exército napoleónico reconvertiuno en cuartel durante a chamada Guerra da Independencia.

En tempos máis recentes, seguro que moitos de vós recordaredes o edificio reconvertido en centro de ensinanza, en cuartel da Garda Civil e, dende febreiro de 1983 en Museo das Mariñas.

Sobre a memoria deste edificio, e doutras tres institucións que neste 2023 están de aniversario na nosa cidade, falaremos durante o mes de maio nas Conferencias do Anuario Brigantino, onde repasaremos tamén a historia da Casa Núñez e a Fundación CIEC, do Refuxio dos García Naveira e do colexio público polo que moitos