1 minute read

A pantasma colorida, un traballo de clase convertido en libro

REDACCIÓN / Betanzos

Advertisement

A pantasma colorida (Hércules) é o feliz resultado dun cúmulo de circunstancias que levaron ás irmás Gema e Rocío García Pedreira a materializar as súas aficións por contar historias e por debuxar nun libro para público infantil que acaba de ver a luz e que xa chegou a centos de fogares.

Todo comezou cando o fillo de Gema, Oliver, estudaba infantil e a mestra pediulles ás familias facer unhas actividades con motivo do Samaín: "A mín sempre me gustou contar historias, xa dende pequena, escribía contos en follas do calendario que lle contaba a meu avó, na casa de Cesuras", explica. Entón decidiu escribir un pequeno conto para a clase do seu fillo que gustou moito. Tempo despois, pensou na posibilidade de facer un libro e para ilustralo quen mellor que súa irmá Rocío, a quen sempre lle gustou o mundo da arte e da ilustración: "Naquel momento estaba rematando o máster e preparando oposicións e non podía facerme cargo de ilustrar o conto", comentou Rocío. Pero o confinamento da pandemia converteuse en aliado neste caso e con máis tempo libre e o master presentado, púxose mans á obra e completou as ilustracións. Tras valorar diferentes opcións para publicalo, contactaron con Laura Rodríguez, de Hércules, que colabora co seu grupo de investigación na universidade. O orixinal gustoulle e finalmente, oito anos despois, aquel traballo de clase foi publicado en galego e en castelán e presentado xa en diferentes foros: na Sala Azul do Liceo, no Vales Villamarín -onde a mestra sorprendeu co boceto orixinal do traballoe nos colexios da contorna, en Biblos, na Biblioteca da Coruña e levarano tamén á Feira do Libro.

Ambas as dúas recoñecen que, aínda que teñen moitas ideas de novas historias, tómano como unha afición e non aspiran a adicarse á literatura infantil: "Para nós é unha satisfacción persoal, un conto feito con moito cariño e sobre todo con moito respeto para os escritores e ilustradores", comentaron.