

A MULLER TRABALLADORA DA MIÑA VIDA. 2025 (I)



No Día Internacional da Muller Traballadora o alumnado de 4º ESO A e B e 2º ESO A, B e D quixo homenaxear as “mulleres traballadoras das súas vidas”. Avoas, nais, amigas… , mulleres loitadoras que fixeron fronte a unha vida dura, que nos apoian e apoiaron sempre cun amor incondicional, mulleres que traballan na casa e fóra, mulleres que deixan unha pegada imborrable nas nosas vidas.
O noso recoñecemento ás “brillantes activistas da vida cotiá” porque dende sempre as mulleres foron, son e serán un piar fundamental da nosa sociedade.


COLLAZO COLLAZO. 2º ESO A
A MULLER TRABALLADORA DA MIÑA VIDA
As mulleres traballadoras da miña vida son dúas moi importantes para min, e esas son as miñas dúas avoas, Alicia e Claudina.
CLAUDINA
Claudina Pérez García é a miña avoa materna, ten 82 anos, naceu o día 11 de agosto do ano 1942.
A avoa Claudina é moi importante para min porque pasei gran parte da miña infancia con ela.

É esa persoa que sempre te apoia e axuda. Cando miña nai estaba enfadada comigo, falaba con ela e solucionábao todo. Sempre me levaba dar un paseo andando que se enchía de grandes historias.
Todo cambiou cando marchamos de Nogueira (o lugar onde ela vivía con meu avó) e fomos a Cances (onde vivo agora). Marchamos porque sería mellor para os estudos da miña irmá e para o traballo da miña nai. Agora estráñoa moito, xa que apenas a vexo; só cando vén ao salón de peiteado da miña nai ou cando fan algunha comida familiar na súa casa con todos os meus primos e tíos. A verdade é que daría moito por vela todos os días e volver a dar todas as
AINHOA
tardes ese paseo polo mesmo camiño de sempre e contar moitas historias novas.
ALICIA
Alicia Facal Cancela é a miña avoa paterna, ten 82 anos e naceu o día 10 de decembro do ano 1942.
A avoa Alicia é moi importante para min porque sempre o pasaba moi ben con ela, facíamos mil e unha cousas xuntas, viamonos todos os sábados dende que vin para Cances, comía na sua casa e pasaba aló a tarde. Esas tardes eran máxicas, xogabamos as cartas, facíamos receitas xuntas e puntuábanos o xurado (que era o meu avó), dabámoslle de comer ás galiñas ou xogabamos co seu gato.

Todo isto cambiou o día no que lle diagnosticaron alzheimer. Ao pouco tempo de que meu avó morrese o día 20 de xaneiro do 2024, tivemos que ingresar a miña avoa nunha residencia para maiores, xa que podería ser perigoso que estivese soa na casa. Dende que está aló síntome mellor porque sei que está ben coidada, pero á vez triste, porque sei que esas divertidas tardes que pasaban tán rápido non van volver.
A MULLER TRABALLADORA DA MIÑA VIDA
Nesta redacción quero falar da niña nai, xa que é moi importante para min.
A miña nai chámase Eva Irene Mariño Bastón, nacida o 10 de novembro de 1983, na Coruña. Naceu nunha familia moi numerosa xa que ela era a máis pequena de 5 irmáns.
Miña nai estudou EXB na escola de Razo. Despois foi traballar moi cedo, con só 14 anos de idade. Comezou a traballar nun taller de costura, aínda que o seu soño era ser perruqueira; pero a súa familia dicíalle que non era unha boa idea xa que non ía ter saída se non tiña o seu propio negocio. Ela traballaba para poder axudar nos gastos da casa e axudáballe a seus pais en todo o que podía.
No ano 2009 casou con meu pai e comezou unha nova vida xunto a el. Tres anos despois, no 2011, nacín eu e miña nai seguiu traballando como costureira, cuidando de min e mais ocupándose das tarefas do fogar.
No ano 2014 naceu a miña irmá pequena Paula e miña nai seguía traballando na costura para que non nos faltase de nada.
Ata que pechou o taller no que traballaba e fixo un curso de pescadería o que compaxinou co seu novo traballo como limpadora. Agora traballa nun centro de loxística e facendo horas como limpadora.
A razón pola que quero tanto a esta muller é porque foi a que me criou, a que me dá agarimos e a que traballa tanto por sacarme adiante.

ADRIÁN LORENZO ESPASANDÍN. 2º ESO A
A MULLER TRABALLADORA DA MIÑA VIDA
A miña muller traballadora chámase Ana Espasandín Sanjurjo e naceu en Coristanco, A Coruña, o 6 de abril de 1974. É a pequena de tres irmáns e a única muller. Naceu nunha familia humilde onde había que traballar e axudarse entre todos na casa.
Estudou en Coristanco, Carballo, cando só había un instituto, e logo na Coruña.
Cando rematou os estudos casou; casou moi nova con tan só vinte anos e de seguido marchou para o estranxeiro co seu marido.
Alí viviron durante quince anos e aló naceu o seu primeiro fillo. Ela traballaba a tres quendas, incluído o da noite e logo atendía o neno e a casa. Así estivo moitos anos, ata que enfermou e tivo que parar de traballar unhatempada.
Despois dun tempo souberon que a súa enfermidade era dexenerativa, así que decidiron tornar a España.
Unha vez aquí, tivo outro fillo e probou a traballar outra vez pero estaba seguido mal, así que dende entón adícase a coidarnos a nós na casa. Agora tamen coida os avós.
Dende logo traballo non lle falta, pero ela está sempre dispoñíbel para todos.
Moitas veces pregúntome como fai para ter tanta paciencia e facer tantas cousas. É un exemplo de forza e de bo humor sempre; nunca se rende, por iso considéroa un exemplo de muller traballadora e loitadora. Grazas, mamá.

A MULLER TRABALLADORA DA MIÑA VIDA
A muller traballadora da miña vida é miña nai, porque ela sempre esta aí para min, para axudarme cos deberes, a estudar e escoitarme cando necesito falar con alguén.
Miña nai chámase María José Velo Lema e naceu o 22 de marzo de 1979; actualmente ten 45 anos a punto de cumprir os 46.
Naceu nunha aldea de Santa Comba pero actualmente vive nunha aldea chamada Cereixa que pertence ao concello de Coristanco.
Sempre lle gustou estudar, por iso ao terminar EXB, antiga primaria, cursou BUP e COU. Durante estes estudos decidiu que ía deixar a súa vocación de arquitectura e dedicarse á enfermería. Pero todo cambiou ao terminar COU. Como non tiña claro o que quería estudar, fixo durante 2 anos un FP de Deliñeación e Obras en Santiago de Compostela. Estando cursando estes estudos apareceu unha carreira nova en Ferrol, Enxeñería de Deseño Industrial, á cal sen pensalo foi de cabeza. Cursou esta carreira durante 5 anos, sendo a segunda promoción en saír da carreira.
Cando aínda non acabara os estudos, estaba co proxecto Fin de Carreira, xa empezou a traballar na empresa Cabinas Lagos, en Bergondo, onde leva dende abril do 2004; vai facer 21 anos.
No ano 2010 decidiu actualizar o seu currículum e fixo outra carreira, un grao relacionado co Deseño do produto na mesma universidade.
En 2010 casou con Alberto, meu pai, e tiveron 2 fillos:
Adrián e Marco os cales somos o piar da súa vida, xunto con meu pai e a súa familia.

Miña nai está para todos e por todos, fai mil cousas ao día, non para de traballar; pero aínda así ten tempo para nós, para cuidarnos e estar sempre aí.
Esta é a muller traballadora da miña vida, MIÑA NAI.
A MULLER TRABALLADORA DA MIÑA VIDA
Se me desen a escoller a persoa que máis admiro, escollería sen dubidar a miña nai. Por isto mesmo voulle adicar estas verbas cheas de sentimento á muller que me deu a vida, e tamén a máis importante para min.
Estrella Mar Señarís Castro, naceu no 19 de marzo de 1979, nunha cidade de Francia, Quimper, nunha familia de emigrantes galegos. Alí viviu a súa infancia pero de ben cativa e sen saber unha soa palabra en castelán ou en galego, mudouse aquí, a terra que a acompañadende ese 15 de marzo. Ao comezo vivía cos seus avós maternos, os meus bisavós, e despois de meu avó construír o edificio no que seguimos vivindo toda a familia, mudáronse a alí.
Malia que as súas primeiras pisadas aquí non foron sinxelas sempre foi unha estudante moi destacada. Por iso mesmo se titulou en Arquitectura Técnica, unha carreira na que, naquel momento predominaban os homes. Despois de adicarse á arquitectura durante anos decidiu ampliar a súa formación á vez que nos criaba ao meu irmán maior e a min, realizando o grao de Enxeñaría da edificación, o mestrado en Educación secundaria e o mestrado en Prevención de riscos laborais. Actualmente adícase á ensinanza secundaria en ámbitos artísticos; ela sempre di que a arte é vida.
Se algo define a miña nai é a súa inesgotable paixón polo coñecemento e a súa infinita entrega a quen ama. Cada paso que deu, cada sacrificio que fixo, fíxoo coa convicción de construír un mellor porvir para nós e de deixar unha mínima pegada no mundo a través do seu traballo e do seu exemplo. Dende moi nova demostrou que a perseverancia é a chave para alcanzar calquera propósito, superando obstáculos e enfrontando cadaretocon valentía.
Miña nai é a muller traballadora da miña vida porque nunca coñeceu o descanso cando se trata de coidar, ensinar e superarse. Non só soubo equilibrar o seu crecemento persoal e profesional, senón que é o piar fundamental na nosa familia, guiándonos co seu amor incondicional e a súa sabedoría.
A súa historia é un reflexo de esforzo, e determinación, unha proba de que con dedicación e paixón, todo é posible. A súa capacidade de reinventarse, de seguir formándose e de entregarse a súa vocación é unha inspiración para min.
Cada día, con cada acción, ensíname que o verdadeiro éxito non só se mide en títulos ou logros materiais, senón na capacidade de impactar na vida dos demais con xenerosidade e compromiso. O seu amor pola arte, pola ensinanza e pola súa familia convértena nun exemplo de fortaleza e entrega. Por todo isto e máis, ela será sempre o meu maior referente, a persoa que máis admiro e a muller que me amosa, coa súa propia vida, que non hai fronteiras para quen está disposto a loitar polos seus afáns.

A MULLER TRABALLADORA DA MIÑA VIDA
A muller traballadora da miña vida é a miña tía materna, María Lucila Fontenla Fontenla; eu chámolle Lila e para min sempre foi como miña avoa, a que sempre estivo e está aí cuidándome.
Naceu en Campolameiro (Pontevedra), o 14 de setembro de 1948, filla dun zapateiro e unha ama de casa. Tivo unha infancia moi feliz xunto cos seus irmáns maiores, que eran xemelgos e a súa irmá pequena. Xa de nena demostrou a gran muller que ía chegar a ser, pois aparte de ir á escola, onde era moi "listiña", axudaba á súa nai coas tarefas da casa e do campo e tamén aprendía a coser.
De moza, coma moita xente naquela época, tivo que emigrar a Suíza, onde coñeceu a meu tío Rafael, do que se namorou e co que casou. Foi así como veu vivir á provincia da Coruña, onde naceron as súas fillas, Mari, Ana Belén e Bárbara, ás que tiveron que deixar ó coidado da miña bisavoa Carmela, mentras eles estaban no extranxeiro. Ela traballaba como cociñeira nun casino, pero a maiores facía moitas horas limpando casas e gañar cartos extra para que ás súas nenas non lles faltase de nada. Pasaron máis de 20 anos cando pensaron que xa era momento de voltar á terriña. Así foi como acabaron traballando nun bar en Carballo durante 12 anos e pouco antes de xubilarse, compaxinaba as tapas e os viños cun emprego nunha empresa de limpeza. Era tan traballadora que se levantaba as 5 da mañá e non volvía á casa ata despois das once da noite. Eu nunca coñecín unha muller tan traballadora coma ela… ben, direi que miña prima Bárbara
se lle parece moito; non só no físico senón tamén en ser supertraballadora.
Aínda que sempre tivo moitos problemas de saúde, sempre soubo repoñerse e tirar para diante. Nunca lle falta un sorriso ou unha palabra de ánimo para todo o mundo. Ela é todo bondade e xenerosidade; dáche todo por nada.
Agora entenderedes porque é tan importante na miña vida, xa que ademais de cuidarme de pequeniño, é a persoa que, a pesar de ter case 76 anos, se levanta tódolos días ás 7 da mañá para vir á miña casa, aínda que chova ou trone, e prepararme un almorzo quentiño, e ata me acompaña á parada do bus para que non estea só esperando na escuridade. Dá igual o cansada que poida estar, que sempre está aí para min e facerme a vida moito máis sinxela. Para min ela é a mellor cociñeira do mundo, a que celebra todos os meus éxitos e me dá ánimos cando algo non me vai ben. Eu diría que é coma se fose unha nai, sobre todo dende que fai ano e medio morreu a miña.

Por todo isto eu quéroa moito, tanto coma ela a min. É unha das persoas máis importantes da miña vida.
NEREA COLLAZO MARTÍNEZ. 2º ESO
A MULLER TRABALLADORA DA MIÑA VIDA
Neste mundo onde o ritmo do día a día, parece non deterse hai unha muller namiña vida que destaca e brilla como ningunha.
É unha muller que admiro, un referente e un exemplo a seguir. Vexo como se levanta cada mañá, como traballa na casa e fóra dela, como nos cuida, como nos axuda en todo e como expresa sempre o seu amor e dedicación á familia.
Esa muller que adoro é miña nai. Unha persoa boa, empática, independente e moi responsable que vive a vida con dedicación, paixón e valentía.
Dende que rematou os seus estudos de Administración, sempre estivo traballando, independizouse moi nova, coñeceu a meu pai e con vinte e catro anos xa era mamá.O títulomais importante da súa vida.
O que realmente destaco dela, mais alá dos seus logros profesionais, é a súa capacidade para calmar e conectar coas persoas; sabe escoitar e é atenta e xenerosa.
A muller traballadora da miña vida, miña nai, é todo para min. É o meu lugar seguro e un faro de inspiración, que sempre quero ter ao meu carón.

A MULLER TRABALLADORA DA MIÑA VIDA
O nome da Muller traballadora miña vida é María Barreiro Barranca (é a miña avoa). Naceu en Frieiro, Castrís o 1 de novembro de 1951: actualmente en 2024 ten 73 anos de idade.
María ten cinco irmáns e unha media irmá por parte de pai. O irmán maior chámase Jesús (pero chámanlle Chucho), Antonio, Gerardo, Ramón, Carmen e a súa media irmá chámase Albina. Miña avoa de pequenacase non ía á escola porque tiñaque axudar na casa.
Miña avoa casou con Manuel Andrade Cancela (meu avó) con 24 anos. Meus avós tiveron catro fillos: José Manuel, María Cristina, Mónica e Miguel.
Miña avoa tivo que cuidar aos seus catro fillos, a maior parte do tempo soa porque meu avó morreu con 30 anos de idade dunha enfermidade (leucemia). Ademais miña avoa dedicouse á gandería e agricultura de autoconsumo.

Miña avoa é miña muller traballadora da miña vida porque a súa vida non foi fácil despois de quedar viúva con catro fillos e o pequeno (Miguel) facía pouco que nacera. Aínda así sacou as súas vidas adiante.
Agora que seus fillos casaron e tiveron fillos ten unha familia que a quere moito e ela quere a súa familia;agora coidamos nós dela.
A MULLER TRABALLADORA DA MIÑA VIDA
MARIA GONZÁLEZ DUBRA
Así se chama a miña avoa materna. Ela naceu o 10 de xuño de 1951 en Tordoia.
Sempre nos conta que tivo unha infancia moi feliz. Cando cumpriu a maioría de idade, casou co meu avó e emigraron a Suíza; viviron no país helvético durante corenta anos.
Os primeiros anos aló foron moi duros. No sabían falar o idioma e resultáballes difícil comunicarse coa xente. Aló traballou moito, pois eran catro na casa: ela, meu avó, meu tío e miña nai. Non tiñan ningunha axuda de familiares, polo que sempre ía correndo levar os fillos á gardería, traballar, recoller os fillos, facer a compra e mais a cea. Os sábados tocaba sempre limpar o piso e colaboraban os catro.
Dende que se xubilaron ela e meu avó viven en Carballo. Cando eramos pequenos, coidábanos sempre a meus irmáns e a min. Polas mañás levábanos ao
colexio, facíanos a comida ao mediodía e pola tarde levábanos ao parque.
Agora desfruta moito viaxando. Ela ten unha vitalidade impresionante e é moi bondadosa. Sempre nos agasalla con calquera cousa que sabe que nos gusta.
Miña avoa é a muller máis boa e humilde que coñezo.
Está sempre pendente de todos nós, dános sempre ánimos para todo e apóianos en todo. Quéroa moito! Espero poder gozar dela moitos anos.
Ela é a muller traballadora da miña vida.

A MULLER TRABALLADORA DA MIÑA VIDA
Ela é Mónica Silveira González, miña nai. Naceu en Basilea (Suíza) o 04 de agosto de 1975. Fixo todos os seus estudos aló en Suíza. Estudou o ciclo superior de administrativo nunha compañía aérea. Gustáballe moito o seu traballo, pero por motivos familiares, tivo que vir para Galicia con 22 anos. Agora leva máis de media vida vivindo en Carballo.
Cando nos eramos pequenos, miña nai traballaba na Coruña e meu pai botaba toda a semana traballando fóra de Galicia. De luns a venres como ela estaba soa para coidarnos, levarnos ao colexio e ás actividades, botábanlle unha man os meus avós. Finalmente decidiu cambiar de traballo, para poder conciliar mellor a vida laboral coa persoal. Dende entón teletraballa e ao mesmo tempo ocúpase da casa e de nós, todo a vez.
Eu admíroa porque ela pode con todo, sen queixarse moito. Ela preocúpase sempre de toda a familia,
axúdanos moito a min e a meus irmáns en todo e apóianos sempre no que nos faga falla.
O que máis lle gusta a ela é viaxar e estar coa familia.
Por todo iso, porque a quero moito, porque é a persoa máis importante da miña vida é a muller traballadora da miña vida.

A MULLER TRABALLADORA DA MIÑA VIDA
A muller máis importante da miña vida chámase Mayka Lema, non Mª do Carme, senón Mayka. Ela é a miña nai e o día que os meus avós decidiron bautizala cun nome tan pouco corrente foi un feito premeditorio dunha personalidade tan pouco habitual.
Naceu en agosto de 1981, nunha pequena aldea chamada Verdillo. É a segunda filla duns pais cuxa necesidade económica obrigounos a emigrar a EEUU para poder sacar adiante as súas dúas cativas. Este feito, fixo que Mayka tivese que ficar cos seus avós, dúas persoas moi maiores, con tres tíos varóns e a súa irmá, que só tiña dous anos máis ca ela. Pasaron anos ata que puido volver a reencontrarse cos seus proxenitores que durante todo ese tempo traballaron sen descanso en Nova York para xuntar tres pesos para darlles un futuro mellor ás súas nenas. Todas estas circunstancias marcaron o seu carácter.
Durante esa infancia, tan pouco corrente e tan diferente ás súas compañeiras de escola, ambas irmás alcanzaron unha complicidade e unión que aínda as acompaña hoxe.
Mayka non foi unha boa estudante, porén foi, é e será unha muller moi traballadora e emprendedora. Dende a xuventude, axudou aos seus pais no restaurante que rexentaban; de feito, aínda o segue a facer no día de hoxe a pesares de ser pluriempregada. Traballa duro nunha inmobiliaria e como asistente dunha avogada polas tardes.
Mais non é a súa indubidable valía no mundo laboral a maior das súas virtudes; se por algo destaca miña nai é pola súa personalidade. A pesar de que non foi doada a súa vida, sempre saca un sorriso para cada unha das persoas que a rodea, sempre ten un acougo para quen o precisa; ten unha capacidade innata para empatizar con todos os que están preto dela. Ademais, é valente, divertida, ocorrente, sociable… Cando vas con ela pola rúa, todo o mundo a saúda; moitos deles foron e son clientes do bar que co tempo se fixeron amigos. Se algo me gustaría herdar dela, sería a súa forma de ser.

A MULLER TRABALLADORA DA MIÑA VIDA
María del Pilar Esmorís García naceu o 31 de agosto do 1978. Esta muller é niña nai e para min é, foi e será a mellor muller do mundo porque é independente, traballadora, cariñosa e moitísimas cousas máis.
Naceu nunha aldea de Coristanco, era moi feliz e vivía con seus pais e súa irmá á que quería moito.
Tivo unha infancia moi bonita na que adoitaba ir coas vacas con sua irmá e pasábano moi ben, pero non todo era divertirse: tamén estudaba moito. No 2006 casou con meu pai con trinta anos. De alá a un ano naceu meu irmán e despois de catro, nacín eu.
Eu non me acordo moito dos recordos coa miña nai na infancia porque era moi pequeno pero dos poucos que me acordo son moi bonitos, como por exemplo, cando me levaba ao colexio e me despedía dela porque tiña que ir traballar e ata o día seguinte non a vía; entón abrazábame moito a ela; ou cando me levaba tomar algo a algún bar, eu sempre o pasaba moi ben. Non
son estes todos os recordos; sei moitísimos máis ca estes pero non me chegarían nin 500 páxinas.
E falando da actualidade, sigo igual con ela mantendo moi boa relación, aínda que ás veces nos pelexamos; pero eu quéroa con todo o meu corazón e daría a miña vida por ela.

A MULLER TRABALLADORA DA MIÑA VIDA
Ana Belén Rodríguez Becerra, naceu o 10 de abril de 1978 na Coruña; ten 46 anos. Vive en Carballo, máis concretamente nunha aldea chamada, Sísamo, coa súa familia.
Na súa adolescencia estivo vivindo en Suíza uns anos e alí fixo a ESO. Cando veu para aquí, estivo no instituto IES Alfredo Brañas e no IES Monte Neme, facendo unha FP.
A muller traballadora da miña vida é miña nai, xa non só polos traballos que fai ela a diario, cando vai traballar e todo; tamén os que fai por min, porque me axuda en todo mesmo cando non o necesito. Está sempre comigo ao meu lado en todo momento. Cando estou mal sempre a teño para dicirllo, porque sei que me vai dicir as cousas como son, e se o fixen eu mal dimo para non volvelo a facer.
Miña nai é a luz dos meus ollos, o meu corazón, esa estrela que sempre terá un espazo no meu corazón, porque é a muller que máis quero neste mundo e sen ela eu non sería ninguén.
Enfadámonos moito, iso é verdade, pero non importa cantas veces nos enfademos ou por que, xa que sempre a vou a querer igual. Ensinoume todo o que sei, faime o
xantar, prepárame a roupa e fai todo por min; e iso defínea como persoa, xa que se preocupa polos demais.
Sempre fai o que pode para axudar as persoas e estou segura de que é a muller traballadora de alguén máis.
Quérote, mamá.

A MULLER TRABALLADORA DA MIÑA VIDA
Quero agracer a miña nai todo o que fai por min.
Miña nai chámase Mónica Ennes Fraguela e naceu en Laxe, o 14 de abril de 1976.
O seu primeiro traballo foi como Técnico de Laboratorio no CHUS de Santiago de Compostela; actualmente traballa como Técnico en Animación Sociocultural nun centro de rehabilitación de persoas con enfermidade mental en Carballo e loita pola integración destas persoas na comunidade.
Miña nai sempre foi o meu maior apoio, dende os primeiros pasos, ensinándome a enfrontarme aos medos, que tantas veces fixeron que dubidara das miñas propias capacidades.
É a miña persoa de referencia; sempre está ao meu carón, sabe coidarme, escoitarme e dar os mellores consellos e abrazos cando os necesito. Ensinoume moitas cousas importantes, para poder ser cada ano un pouquiño máis autónomo; aínda que ás veces costa selo, sobre todo á hora de facer as tarefas do fogar e estudar.
Non son fácil de aguantar, pero sempre encontra a forma de axudarme e que dea o mellor de min. Grazas por soportar os meus caprichos, enfados e choros
cando non saía coa miña, e ti facíasme entender que non podía ser todo o que eu quería.
Síntome moi afortunado por poder desfrutar dos meus aniversarios rodeado de amigos, que ti organizabas xunto con papá, con todo o amor do mundo e todos os sacrificios que tiveches que facer para poder levarme ás actividades extraescolares, xa que como tiñas que traballar pola tarde, era complicado.
Ámote moito e sempre estarei agradecido por todo o que fas por min.
Prometo seguir esforzándome e que te sintas orgullosa de min.

Se penso na muller traballadora da miña vida, diría sen pensalo, a miña nai, pero tamén hai unha persoa que admiro moitísimo e á que desexo facerlle esta pequena homenaxe.
Ela é a miña avoa paterna, Josefa Rodríguez Lamas. Naceu o 6 de maio de 1956 en Carballo no seo dunha familia traballadora e a súa vida foi un reflexo de loita, esforzo e amor incondicional. Desde moza tivo que enfrontarse ás adversidades que se lle antepuxeron na súa vida e fíxoo cunha valentía admirable.
Tivo catro fillos e a súa parella abandonouna ao nacer o meu pai, cunha gran débeda derivada da construción, pero ela non se rendeu e con moito sacrificio sacou adiante ás miñas tías e ao meu pai co seu propio traballo e coa axuda que lle ofreceron os meus bisavós coidando dos seus cativos para que ela puidese gañar diñeiro.
Adicouse á costura e converteu o fío e a agulla nunha arte. A día de hoxe pódovos dicir que é a súa paixón. Co seu talento abriu un taller de costura en Betanzos e ensinou o seu oficio a moitas persoas. Traballou día e noite arreo coa única compañía dun gatiño chamado Xisco (nome que lle puxeron por un xogador de fútbol). Cando voltou para Carballo algunhas noites tamén a acompañaba a miña bisavoa Lola. Ela tamén sería un exemplo de muller traballadora, aínda que eu non a cheguei coñecer, perochámome así por ela.
Hoxe a pesar dos anos e de perder parte da visión por mor dunha enfermidade, as súas mans seguen sendo máxicas e en cada puntada
vai un anaquiño da súa alma. Todas as pezas que fai son perfectas e non só o pensoeu, senón tamén todas as clientas que confían nela.
Pero a miña avoa, non é só a mellor costureira do mundo, tamén é o piar fundamental da nosa familia. Sempre está aí para cociñar, coidar de nós, levarnos ás actividades cando os nosos pais non poden e consentinos un pouco. Creo que a min consénteme un pouco máis que aos meus curmáns ou iso din eles, que son a súa preferida.
Para min, a miña avoa é un gran exemplo de muller traballadora e non teño palabras suficientes para expresar o moito que a quero e o orgullosa que me sinto dela. Oxalá siga dando puntadas durante moitos anos máis ó meu carón.
Quérote, avoíña Josefa.


NEREA BRANDÓN LAGE. 2º ESO
A MULLER TRABALLADORA DA MIÑA VIDA
Miña nai sen dúbida ningunha é a muller traballadora da miña vida.
Miña nai, Patricia Lage Cancela, naceu en Xoane, un pequena aldea preto de Carballo, o día 28 de agosto de 1981. Miña nai vivía cos seus pais, cos seus avós e seus dous irmáns pequenos. Ela dende moi pequena ademais de botarlles unha man aos seus pais coas tarefas da casa e os animais que coidaban, aos seus 10 anos tivo que empezar a coidar de seus irmáns máis pequenos.
Máis tarde ela mentres estaba estudando Administración, traballaba nun supermercado para gañar cartos e axudarlles aos seus pais a pagar os seus estudos.
Aos seus 28 anos quedou embarazada de min e deixou o seu traballo para pasar máis tempo xunto a min. Logo duns 6 anos, despois de pedirlle tantas veces que quería unha irmá pequena, tivo a miña irmá Alba.
Ao deixar o seu traballo, encargábase de facer moitas das tarefas da casa, como facer a comida para min, meu pai e miña irmá ou levarnos a todas as cousas que nos gustasen.
Miña nai xunto a meu pai, sempre nos fixeron desfrutar de todas as viaxes posibles.
A miña nai encántalle aprender cousas novas, por iso, este ano decidiu estudar un curso de saúde pública, ademáis do que xa tiña ela.
O que máis admiro dela, é que sempre se esforza ao máximo para que as cousas dos demais e as que faga ela lle saian ben, e nunca deixa algo a medias, e iso é o que fai que eu de maior queira parecerme a ela.
