

A MULLER TRABALLADORA DA MIÑA VIDA. 2024.



No Día Internacional da Muller Traballadora o alumnado de 2º ESO quixo homenaxear as “mulleres traballadoras das súas vidas”. Avoas, nais, amigas … , mulleres loitadoras que fixeron fronte a unha vida dura, que nos apoian e apoiaron sempre cun amor incondicional, mulleres que traballan na casa e fóra, mulleres que deixan unha pegada imborrable nas nosas vidas.
O noso recoñecemento ás “brillantes activistas da vida cotiá” porque dende sempre as mulleres foron, son e serán un piar fundamental da nosa sociedade.


ANTÍA GARCÍA GARCÍA. 2º ESO A
A MULLER TRABALLADORA DA MIÑA VIDA
Generosa Andrade Fariña, a miña avoa, naceu un 17 de agosto do 1927 e ten actualmente 96 anos. Generosa naceu en Vivente (Carballo), sendo unha gandeira e agricultora, ademais de vendedora de hortalizas plantadas da súa man e ama de casa.
Tiña 16 irmáns cos que antes de traballar de gandeira, xa dende moi moza, traballaba de telleira e rozaban no toxo, aínda que facía mil cousas máis, coma cuidar á maioría dos seus irmáns (ao ser a quinta de todos eles) ou coma lavar a roupa no río.
Miña avoa nunca tivo unha vida fácil, xa que viviu a Guerra Civil, pola cal nunca saía da casa polo medo á garda civil, e só tiñan unha peza de boroa para toda a familia. Foron tempos moi duros, xa que nestas datas faleceulles unha irmá, aínda que a morriña non acababa alí, xa que moitos dos seus irmáns marcharon para as Américas, Alemaña e Suíza.
Aos 29 anos namorouse do meu avó, Pedro e no 1957, casaron.
Miña avoa atópase neste texto porque é ela quen me fai
sorrir cada día, quen me saca unhas risadas nos meus malos momentos e a que sempre me dá unha aperta e un bico cando fai falta, e, aínda que pareza mentira, a muller máis forte que apareceu na miña vida. Ela foi quen colaborou cos canteiros a facer a casa na que vivo agora, na que durmo e na que agora mesmo estou escribindo isto, foi a que criou a miña nai e a miña tía, a que, a pesar de todas as perdas que sufriu, seguiu cara adiante por todos nós, por iso lle debo tanto e, aínda que ás veces non o pareza, eu quéroa moito.

MARÍA PARDIÑAS BORRAZÁS. 2º ESO A
A MULLER TRABALLADORA DA MIÑA VIDA
Carmen Rodríguez Fernández, nacida en Coruña no 22 de xaneiro de 1941, é a muller traballadora da miña vida. Carmen é a miña avoa paterna e é unha das persoas máis importantes para min e un gran exemplo a seguir.
A miña avoa criouse nunha familia numerosa de 14 imáns, sendo ela das do medio, e en tempos de posguerra, polo tanto non puido recibir unha boa educación e tiña que pasar moito tempo coidando dos seus familiares, da casa, dos animais e da comida. Cando casou co meu avó tiña 24 anos e foron para Suíza ao pouco tempo. Dez anos despois, naceu o meu pai e viviron alí durante 7 anos, pero o meu avó quedou traballando en Suíza. A miña avoa tivo que estar moitos anos coidando do meu pai soa, mais sempre foi unha gran nai que se preocupaba moito por quen quere.
Carmen é moi faladora e risoña, chea de ledicia, gústalle moito cantar e bailar e cando era xove sempre o facía, cociña xenial e é a miña cociñeira favorita. Quéroa moitísimo e non sei que farei o día que mefalte.

SARA COTELO RODRÍGUEZ. 2º ESO A
A MULLER TRABALLADORA DA MIÑA VIDA
Esta redacción voulla adicar a miña nai, Sofía Rodríguez Ferreiro. A miña nai é a muller máis importante da miña vida, xa que, ela sempre está aí para apoiarme, axudarme en todo o que preciso, coidarme sempre, darme todo o que pode e moitas máis cousas.
Naceu o 30 de Novembro de 1975, estudou no colexio de Razo e, cando rematou oitavo foi acabar os seus estudos no IES Alfredo Brañas; despois foi á Universidade de Santiago de Compostela estudar a carreirade Economía.
Mentras estudaba, foi traballar de camareira a un bar de Verdillo, con 24 anos de idade. Cando rematou os estudos foi traballar en contabilidade nunha empresa privada, na que hoxe en día segue traballando con todo o seu esforzo para dárnolo todo a min e a miña irmá.
A miña nai sempre me dou a mellor educación e ensinoume o significado das palabras: esforzo, dedicación, respecto e amor. Ela e todas esas palabras xuntas. É unha persona incrible cun enorme corazón e cunha personalidade fantástica que case ninguén ten.
É unha muller moi guapa, alta, morena, cariñosa, moi lista e pase o que pase sempre está sorrindo para que nós sempre esteamos ben e sen preocupacións.
Un dos motivos polos que admiro tanto a miña nai é porque sempre ten moitas cousas que facer pero aínda así está para min e a miña irmá en todo o que necesitemos. Sempre ten algo para facer e nunca se queixa, a pesar de estar sempre moi cansa.
Sen ningunha dúbida daríao todo pola miña nai, xa que a quero como a ninguén.

NOELIA SOUTULLO PORTEIRO. 2º ESO A.
A MULLER TRABALLADORA DA MIÑA VIDA
María Porteiro Lorezno, miña nai, naceu en Ardaña no 1970. Viviu sempre alí ata os once anos, que foi para Erbecedo. Seus pais, ao igual que ela agora, son e foron agricultores os tres, posto que miña nai non ten irmáns.
Ela sempre foi moi boa estudante e sacaba moi boas notas, xa que lle gustaba estudar. De pequena sempre dicía que quería ser periodista e saír na televisión dando as noticias, pero por desgraza ese soño da infancia non se conseguiu cumprir.
Ela nunca foi desas rapazas que tiñan moitos mozos, senón que era unha das que crían no amor verdadeiro, e varios anos despois coñeceu a meu pai. El chámase José Manuel. Pouco a pouco fóronse coñecendo ata facerse mozos e acabar casando. Queríanse moito e era un matrimonio que funcionaba ben, así que anos despois decidiron terme a min, e aos dous anos seguintes naceu meu irmán David.
Miña nai sempre foi unha muller moi traballadora e soubo seguir a diante coa separación de seus pais e coidarnos a min e a meu irmán. Sempre se levantaba todos os días antes ca nós e nos quentaba a min e David
leite con torradas recen feitas. Moitas veces, estamos comendo e só queda un anaco, por exemplo, dun biscoito e ela sempre nolo dá a min e a meu irmán para que o comamos nós.
Un dos motivos polo que lle escribo esta redacción a miña nai é porque sempre está aí para axudarme e para aconsellarme aínda que non o necesite, para agarrarme cando me caio, para axudarme cando me fago dano e para facerme a vida moito mellor e moito máis fácil, entre outras moitas cousas, e aínda que todo o mundo diga que as demais nais son máis traballadoras ou mellores eu sempre vou saber que a miña supéraas a todas.

ALEJANDRA PONCE RODRÍGUEZ. 2º ESO A
A MULLER TRABALLADORA DA MIÑA VIDA
Isto dedícollo a miña nai, Ana Rodríguez, nacida no País Vasco (Durango) o 8 de marzo do 1986.
Para min é a mellor muller que pode existir. Ela é unha muller moi traballadora que lle dá igual o que teña que facer que sempre defende moi ben o seu traballo.
Estudou no CEIP Bergantiños e fixo a ESO e case todo o bacharelato no IES Isidro Parga Pondal.
Aos 18 anos empezou a traballar na hostalaría 4 anos, pero acabouno deixando porque os seus horarios non se adaptaban ben para poder ter tempo comigo. Entón empezou a traballar no sector téxtil durante 3 anos. Acabouno deixando xa que abriu un negocio co meu pai na hostalaría; iso axudou a que a miña irmá mais eu puideramos pasar máis tempo con eles; actualmente a miña nai leva traballando alí 9 anos.
Pero aparte de dar todo ao seu traballo tamén o dá todo por nós; sempre procura axudarnos: as miñas irmás, ao meu pai mais a min; sempre. Tamén quere e coida moito aos nosos animais pese ao cansada que estea.
Miña nai é unha gran persoa e unha gran traballadora por iso lle quería dedicar o día da muller traballadora xa que tamén naceu ese día.

SAMUEL MUÑIZ PAZOS. 2º ESO A
A MULLER TRABALLADORA DA MIÑA VIDA
Miña nai chámase Raquel e naceu o 7 de Xaneiro de 1980 en Berna, Suíza. Ela é un exemplo de muller traballadora. Dende que eu nacín, sempre desempeñou un labor imprescindible na miña vida, coidándome e á vez traballando moito, levantándose moi cedo e sempre apurarando para voltar a recollerme da escola, facéndome de comer, levándome a actividades, axudándome cos deberes e buscando sempre tempo para facerme feliz.
Co seu traballo toda a familia podemos desfrutar dunha boa vida, tendo un fogar, roupa, comida e moitas comodidades.
Miña nai non é so unha traballadora incansable, tamén é unha muller moi valente que superou moitos obstáculos na súa vida. Ela sempre me motiva cando estou triste e grazas a todo o que fai por min, nunca me rendo e sempre sigo adiante, como me ensinou dende pequeno.
Eu estou moi agradecido por todo o que fai por min e por meu irmán. Sempre seguirei todos os consellos que me dea, xa que son moi útiles para a vida.
Grazas a todo o que traballa podemos vivir moi comodamente e sen necesidades. Admíroa moito e penso que é un exemplo de muller e nai traballadora. Espero que miña nai siga tendo esa actitude tan positiva ante a vida, no traballo e coa súa familia, que nunca se rinda a pesar de todas as cousas malas que acontecen na vida ou obstáculos que nos poidamos atopar.

A MULLER TRABALLADORA DA MIÑA VIDA
A miña avoa, chamada Carmen Rodríguez Vilanova, é a nai da miña nai. Naceu no 24 de xaneiro do 1961 na parroquia de San Paio, en Coristanco, polo tanto ten 63 anos.
Na súa familia eran catro irmáns pero ela só coñeceu a unha, pois os dous maiores morreron antes dela nacer. Viviu a súa infancia xunto coa súa irmá pequena que se chamaba Hermencina e mais súa nai, as tres soas, xa que seu pai, estaba emigrado en Suíza, como moitos outros nesa época.
O meu bisavó podía vir a Galicia unha vez no ano, no Nadal, onde se acorda que os Reis Magos lle traían uns calcetíns.
Foi moi pouquiño tempo ao colexio e empezou a traballar moi nova. O seu primeiro traballo foi servindo na casa dos señores de Quiroga, na Coruña. Alí servía como se facía antigamente nas
casas dos señores ricos, quedaba a durmir e só
tiña unha tarde libre á semana. Pronto deixou este traballo porque non aguantaba estar lonxe da súa familia.
Máis tarde coñeceu ao meu avó nos Xardíns de Méndez Núñez da Coruña. Pouco tempo estiveron de mozos xa que se tiveron que casar porque ela quedou embarazada da miña nai, e naqueles tempos estaba mal visto non facelo. Despois do matrimonio aínda tiveronoutro neno, meu tío.
Meu avó, ao igual que o meu bisavó, emigrou a Suíza e miña avoa quedou soa con dous nenos; a historia repetíase, pero esta vez era ela a nai.
Ela traballou durante un tempo na fábrica de Calvo e tamén aprendeu a coser nunha academia de costura.
Así pasaron os anos; meu avó conseguiu voltar a España cun traballo de fontaneiro e as cousas comezaron a ir mellor.
Sempre foi unha persoa moi activa, ademais o pasado ano comezou a ir ao ximnasio e agora aínda
está máis chea de vitalidade. Ás sete da mañá vai ao ximnasio a facer exercicios de forza e pola tarde a camiñar varios quilómetros.
En definitiva, transmíteme un gran optimismo e admíroa pola súa simpatía e alegría.
Frase célebre da miña avoa: “O que fai unha muller, faino aoutra!”.



MARTINA PETRIZZO TAIBO. 2º ESO B
A MULLER TRABALLADORA DA MIÑA VIDA
Quero dedicarlle este día a miña nai Carmen. Mamá naceu un 6 de Decembro en Suíza, Zurich. Non era filla única, xa que tiña un irmán.
Ela era (e é) moi intelixente pero tristemente nunca puido ir á universidade, xa que aos 16 anos mudouse soa cunha tía a España. Aínda que nunca puido estudar o que quería, descubriu a súa mellor habilidade, a cociña. A miña nai é a mellor cociñeira de todas; as súas comidas saben a gloria e sabe cociñar de todo. Ninguén podería estar decepcionado con algunha das súas comidas porque están deliciosas e tamén síntome moi afortunada por poder probar os seus pratos, xa que non todos poden probalos. Grazas a isto estivo traballando como cociñeira moitos anos nun pazo do meu avó.
A miña nai é a mellor nai de todas; aínda que nos enfademos ás veces e non teñamos os mesmos pensamentos, quéroa demasiado.
Ela é graciosa, moi moi moi guapa, comprensiva, lista, amorosa, viste xenial (é unha muller moi elegante) e basicamente é todos os adxectivos sinónimos de boa persoa.
A miña nai tamén é moi forte, porque dá igual todo o malo que lle suceda. Sempre está de bo humor e nunca me levanta a voz, incluso cando me poño insoportable e tamén, a pesar da cantidade de traballo que ten, sempre ten tempo para min, para escoitarme, para ver a nosa serie xuntas, para ir de compras, etc. Amo compartir eses pequenos momentos coa miña nai porque por moi pequenos que sexan, fanme querela máis.
Valoro moito cada simple esforzo que fai por min, valoro o sorriso que ten todos os días no rostro que me indica que todo está ben aínda que non o estea, valoro cada pequeno detalle que me fai, valoro tamén cando me fai cumpridos porque sen dúbida sei que son os máis sinceros e simplemente valoro a súa presenza na miña vida. Mamá sempre estará no centro do meu corazón, e sempre será a muller da miña vida.

A MULLER TRABALLADORA DA MIÑA VIDA
A miña redacción quérolla dedicar a miña nai, que se chama Raquel Castro Ferreiro. Naceu na parroquia de Oza (Carballo) o 5 de agosto do 1979. Aos dezaoito anos comezou un Ciclo Superior de Administración e Finanzas e ao rematalo foi facer a Diplomatura de Ciencias
Empresariais na Coruña. Compaxinou sempre os estudos co traballo, acudía ás clases e ao mesmo tempo traballou en distintas profesións (operaria nun taller de costura, carteira en Correos e como administrativa nunha xestoría). Tamén axudaba aos meus avós coas tarefas da casa.
No ano 2008 comezaría a vivir en Carballo, xunto co meu pai José Ramón, e a traballar nun despacho de avogados no que segue a día de hoxe. No 2009 casou e un ano despois nacín eu.
Ademais de traballar fóra da casa, tamén se encarga xunto co meu pai das tarefas do fogar: ir á compra, facer de comer, levarme aos
adestramentos de fútbol, etc… Unha das súas afeccións é o baile, ó cal asiste todas as semanas. Escollín a miña nai como a muller traballadora da miña vida, porque ademais de ser moi traballadora, intenta sempre axudarnos a todos, cóidame moito e está pendente de min. Quéreme moito igual ca eu a ela.

ALDARA CARRO VÁZQUEZ.2º ESO B
A MULLER TRABALLADORA DA MIÑA VIDA
A “muller traballadora da miña vida” chámase Mara Viaño Souto e naceu o 17 de abril do 2010 ás 05:00 da mañá. Ela, cando naceu tiña o pelo loiro e moi rizado.
Lévase moi ben cos seus avós paternos, contoume que foron como uns segundos pais para ela xa que eran os seus veciños e víaos máis a miúdo; en cambio cos avós maternos non se leva tan ben.
Tamén me contou que de pequena o seu xoguete favorito eran as “barbies”.
No colexio gustáballe moito o inglés e as matemáticas, pero este ano no instituto xa non tanto; en cambio non lle gusta nada a tecnoloxía.
Mara ten un irmán maior de 18 anos e este ano (2024), cumpre os 19. Seus pais son moi amables e divertidos. Súa nai chámase Sonia e é moi agradable e cariñosa; sempre me saca un sorriso. Seu pai chámase Diego e é adestrador de fútbol, pero non profesional.
A ela encántanlle os pandas; son o seu animal favorito, pero odia os insectos. A súa color favorita é a verde auga.
Díxome que unha das comidas que menos lle gusta é a tortilla; ofendinme un pouco xa que non entendo como a alguén non lle gusta a tortilla, pero para gustos colores.
Mara é unha moi boa amiga miña; para min a mellor que teño. Dende que chegou á miña vida mellorei moito como persoa, e todo grazas a ela. Axúdame sempre que o necesito e podo contar con ela para todo. Moitas veces é a miña psicóloga persoal e escoita todos os meus problemas sexan cales sexan.
Grazas Mara por deixarme ser parte da túa vida.

LUCÍA NOGUEIRA VELO. 2º ESO B
A MULLER TRABALLADORA DA MIÑA VIDA
A muller a que lle dedico esta redacción é a miña nai, xa que para min é a muller que máis quero neste mundo
A miña nai chámase Angélica Velo Pena e naceu o 17 de decembro do 1973 na Coruña, Galicia. Ten 3 irmás e 1 irmán. Cando era pequena vivía na Rabadeira, Seavia, Coristanco e estudou primaria na escola de Coristanco.
Despois fixo un curso de costura aos 14 anos e traballou en Carballo, na Coruña e Arteixo en talleres de costura. En 1990, cando tiña 18 anos, creou a súa propia tenda de costura na Coruña.
No 2002 casou co meu pai e decidiu deixar a costura para axudalo no seu negocio familiar. Mudaron a unha casa en Sísamo, unha aldea de Carballo e tiveron 2 fillos: no 2005 un fillo chamado Jorge ( o meu irmán) e no 2010 tiveron unha filla chamada Lucía (eu).
Actualmente a miña nai traballa de autónoma co meu pai nunha nave no polígono de Bértoa dedicada a
material industrial e agrícola e segue vivindo en Sísamo.
Admíroa tanto e para min é un exemplo a seguir xa que aínda que non lle gustase a costura traballou nela 14 anos e tivo a valentía despois de tantos anos de deixar ese traballo por outro completamentedistinto e novo para ela sen importar o que pasase.
Quéroa tanto porque eu sei que ela me quere, respéctame e apóiame nas miñas decisións e metas sen importar cales ou como de difíciles e complexas sexan de conseguir ou chegar a elas.

INÉS REMUIÑÁN RODRÍGUEZ. 2º ESO C
A MULLER TRABALLADORA DA MIÑA VIDA
Mari Carmen Rodríguez Bértoa é a miña nai. Ela naceu en Rus, Carballo, no ano1971.
A súa vida non foi sinxela; tocoulle vivir a emigración dos seus país: con dous meses quedou cos avós e eles marcharon para Suíza. Viñan a vela unha vez ó ano e cando voltaron a vivir xuntos, ela xa tiña 10 anos.
Dende nena axudaba na casa ós avós cos animais, e coidaba dun tío enfermo que vivía con eles.
Despois veu vivir a Carballo cos seus pais. Estudou unha carreira pero non atopou traballo do que fixo. Buscou otras cousas e traballou na hostelería, nun supermercado. Foi xefe de compras nunha empresa, ata que entrou a traballar no Sergas. Costoulle moito; preparou unha oposición ao tempo que traballaba e coidaba de min e da casa, pero conseguiuno.
Cando veu a pandemia foi duro, era moi difícil para ela ir a traballar cando ninguén saía á rúa sabendo o risco de contaxio que había, pero alí estaba ela, loitando.
Fai dous anos, cando xa todo empezaba a mellorar, a miña avoa sufriu un ictus e quedou moi mal. Foi un duro golpe para todos pero en especial para ela. Cando a avoa saíu do hospital veu vivir á nosa casa. Agora miña nai ten que coidala, ir traballar, atender a casa e a min. Sempre está aí para axudarme en todo e ocuparse de todo.
Ás veces enfádase porque está moi cansa. Eu enténdoa; pero ela segue traballando e tirando para diante. Por iso, ela é a muller traballadora da miña vida. Grazas mamá!

A MULLER TRABALLADORA DA MIÑA VIDA
A muller que vou elixir para está redacción é miña nai, a muller que máis quero no mundo. Miña nai chámase Sheila Lema Souto e naceu un mércores de choiva en Lucerna-Suíza o dezaseis de decembro de 1981. Pasou os seus cinco primeiros anos da súa vida alí cos seus tres irmáns e cos seus pais.
Cando veu a Galicia, comezou unha nova etapa da súa vida ao carón da súa avoa Hermosinda, a súa segunda nai dende entón.
Despois de sacar a primaria non quixo seguir estudando e púxose a aprender o oficio de costureira. Aos dezaseis anos comezou a traballar nun taller de costura. Seguiu nese traballo durante catro anos ata que meu pai e ela marcharon a Tenerife. Alí estivo un ano traballando nun supermercado e cando volveron volveu retomar o traballo de costureira. Tres anos antes de terme a min, cambiou de traballo para
JOELser repoñedora duns grandes almacéns. Estivo uns cantos anos sen traballar, pero sempre estudando e finalmente, agora, e despois de moito esforzo está traballando como celadora de hospital no Chuac.
Elixo a miña nai porque é unha muller marabillosa e xenial que se esforza por algo ata que o consegue. É un óso duro de roer.
Quérote moitísimo, ma!

DANIELA CAAMAÑO PUGA. 2º ESO C
A MULLER TRABALLADORA DA MIÑA VIDA
Esta e a biografía da muller máis importante da miña vida, miña nai.
O seu nome é Ana Puga Pose e naceu o 21 de agosto do 1982, é dicir, actualmente ten 41 anos.
Ela criouse toda a súa vida en Rus, unha pequena aldea, do concello de Carballo, con menos de 1.000 habitantes. A súa familia sempre foi de clase humilde xa que seu pai traballaba na construción e súa nai era e segue sendo (xa que aínda non se xubilou) agricultora e gandeira.
É a terceira de catro irmáns, chamados por orde de maior a menor: Carlos,Pilar,Ana (ela) e Sara.
A súa infancia foi bastante boa. Ao non haber os perigos de agora, ían e viñan cando querían para xogar cos seus amigos, para ir a comprar a merenda, explorar os lugares da aldea...
Aínda así ao ser tantos irmáns e seus pais traballar tanto, tíñanse que encargar de coidar ós outros irmáns e de facer as tarefas do fogar (cociñar, lavar a roupa a man, limpar... )
Miña nai sempre foi unha nena moi carismática, risoña, divertida, travesa e innovadora (como por exemplo, poñer a proba a gravidade tirando unha galiña cara ao chan dende
unha placa de colgar a roupa, especialmente alta, e que a pobre galiña non sobrevivise).
Agora que xa é maior e traballa como técnico superior para o diagnóstico radiolóxico, é dicir, facendo radiografías, TAC, resonancias ... no hospital de Santiago de Compostela.
É a muller traballadora da miña vida porque aínda que de pequena non tivo as oportunidades que merecía, conseguiu ser a muller que tanto desexaba de cativa cunha fortaleza e seguridade en si mesma dignas de admirar por calquera persoa.
Tamén fixo máis por min e pola nosa familia, máis que ningunha persoa neste mundo.
Para min miña nai significa a digna palabra de loitadora e perseguidora das causas xustas e só desexo ser coma ela de maior.

NURIA PENA TRIGO. 2º ESO C
A MULLER TRABALLADORA DA MIÑA VIDA
Vou falar da muller que me deu a vida, miña nai; nacida o 22 de xuño do 1982, chámase Noelia Trigo. Viviu toda a súa infancia nun pequeno pobo nas aforas de Carballo, chamado Goiáns, ata que coñeceu a meu pai e xuntos foron vivir á casa del; anos despois, tiveron a miña irmá e logo viñen eu.
Miña nai, foi a que me aguantou día tras día, sen queixa ningunha. Neste día, quérolle agradecer o seu esforzo e dedicación. Sei que non sempre llo puxen fácil. Sei que, por moitos atrancos que puxen no noso camiño, ela nunca soltou a miña man. Sempre camiñou ao meu carón, dándome todo o seu corazón. Con ela, aprendín que era o amor verdadeiro; albisquei o verdadeiro significadoda palabra incondicional. É unha persoa honesta e traballadora, disposta a facer o que sexa con tal de axudar aos demais.
Aínda que ás veces discutamos, sei que sempre vou ter un ombreiro no que derramar as miñas bágoas e desafogarme, e ese, vai ser o seu. A muller que

durante catorce anos soportou todas as miñas fedelladas, as miñas contestacións, as miñas inseguridades e os meus medos. Non só me axudou a min. Ela é o piar que sustenta o meu fogar, o bastón que axuda a miña avoa, a orella que escoita as miñas tías, a calma nas angustias do meu pai, a amiga que nunca te deixa soa; o consolo de todos nós. Ás veces parece que non hai calma, que é unha cicloxénese sen fin. Pero tras a tormenta sempre chega o raio de luz que ilumina o día, e nos dan máis ganas de vivir a vida como é.
Unha vez máis, grazas por absolutamente todo mamá. Quérote para sempre!
ARANCHA COTELO MUÍÑO. 2º ESO C
A MULLER TRABALLADORA DA MIÑA VIDA
Miña nai chámase Adriana Muìño Lema e naceu en Ardaña o 2 de decembro do 1975. Actualmente segue vivindo aquí (eu tamén) porque é unha persoa moi arraigada á súa terra, aínda que tivo a sorte de viaxar polo mundo e de vivir fóra da súa parroquia natal. Está casada co meu pai e tivo unha soa filla (eu).
Estudou E.X.B no colexio Canosa, Rus (igual ca min), B.U.P no instituto Alfredo Brañas, e, aínda que non tiña unha vocación clara, acabou estudando Ciencias
Económicas na Universidade da Coruña, cousa que lle debeu encantar porque ao rematar a carreira non deixou nunca de traballar do seu. Pasa a vida entre a oficina e a casa, entre facer impostos e lavar a roupa, entre constituír sociedades limitadas e facer a cea, entre asesorar aos empresarios e axudarme a min cos deberes porque a todo isto, non o dixen, miña nai é Asesora Fiscal. Eu non entendo nada do seu
traballo; só sei que le moito nuns libros gordísimos.
Que rariña é!.
A pesar de que lle gusta moito o seu traballo, ela sempre me di que dende o intre que me tivo nos seus brazos soubo que eu ía ser a responsabilidade máis grande da súa vida e ía pór todo o seu esforzo en facelo ben, en facelo fermoso. Sobre todo en facelo fermoso. E así o fai.

Por iso quero agradecerlle, neste día da muller traballadora, todo o que fai por min, do ben que me trata e sobre todo polo que sempre me di: “Loita polos teus dereitos como persoa, pero máis aínda polos teus dereitos como muller”.
HUGO ALMEIDA COUSILLAS. 2º ESO D
A MULLER TRABALLADORA DA MIÑA VIDA
A miña muller traballadora da miña vida é a miña nai porque é a persoa que máis me apoiou na miña vida e ademais é a que máis tempo leva no meu entorno.
A miña nai chámase Ana Celia Cousillas Calo; ten un nome moi fermoso e ademais é moi curto. Ten 46 anos e a súa data de nacemento é o 23/06/1977. Naceu en Corme porto; foi á escola pero foi a un internado de monxas e aos 18 anos marchou a Vigo a estudar puricultura. Para poder pagar os seus estudos traballaba de canguro as fins de semana e polo verán e os domingos ía de catequista.
Con 21 anos foi traballar interna nunha casa e alí coidaba unha persoa maior que a trataba moi ben. Conpaxinaba ese traballo cos estudos de cociña e logo sacou a ESO. Despois disto sempre estivo traballando de: camareira, cociñeira, dependenta e costureira facendo pantalóns para ZARA. Ao nacer nós, a miña nai parou de traballar fóra; coidábanos e traballaba na casa. A miña nai é a que se encarga de levar todo na casa e comparte as tarefas co meu pai.
A miña nai sempre nos conta que nós temos unha vida
fácil porque ela aínda sendo pequena sempre tivo que traballar como todas as mulleres da súa familia que se dedicaron sempre ao mar, a fanear e vender peixe na lonxa. Ela foi unha das primeiras da súa familia en sacar unha carreira. As miñas tías non tiveron tanta sorte e tiveron que traballar tan xoves para axudar a avoa na casa. Na familia da miña nai as mulleres son fortes, traballadoras e con moito carácter e nada que ver cos homes da familia.
Gustaríame ter a capacidade que ten a miña nai en organizar, traballar e coidarnos e aínda así ten tempo libre para a súa afección favorita que é o ganchillo.

Actualmente montou un negocio de celebrar aniversarios chamado "COLORES" situado en Carballo e encántalle o seu traballo.
HUGO BARDANCA VILLAVERDE. 2º ESO D
AS MULLERES TRABALLADORAS DA MIÑA VIDA
A miña nai SANDRA VILLAVERDE CASTIÑEIRA e a miña irmá LARA BARDANCA VILLAVERDE
A miña nai naceu no ano 1976 en Suíza, e xa dende pequena aprendeu a montar a cabalo e a atender os cabalos na granxa para que non lle faltase de nada. Meus avós din que falaba alemán como unha cotorra. Logo veu para España, e xa dende mociña, estudaba e traballaba todo o que podía para que os seus pais non lle pagasen nada. Moi loitadora dende pequena, agora ten un traballo pola mañá que lle pagan e un pola tarde gratuíto co que me ensina e me dá clases de mil amores. Sempre me compra a roupa que necesito, ponme o almorzo na mesa todas as mañás e non hai día que quede durmindo para espertarme e que eu chegue na hora ó instituto. Sempre me di que teño que ter unha actividade pola que mereza a pena a vida. Ela vai a un grupo de teatro en Baio onde se divirte os venres, e eu divírtome moito cando presentan unha obra. Ela di que ten unha familia alí, pero eu estou seguro que a min é a quen máis quere. Non podo estar máis orgulloso da nai
que teño. Ao mellor para o ano que vén xa podo dicir que miña nai ademais de traballadora, tamén é famosa e teño que ir con ela a recoller un trofeo a un festival super importante.
A segunda muller traballadora é a miña irmá pequena Lara que naceu na Coruña en xuño de 2014. Cando era pequeniña, era eu o encargado oficial do seu peite e da súa colonia. Segundo foron pasando os anos, fomos encariñándonos os dous, ten moi boa man para facer cousas bonitas, nada máis rápido que unha sardiña no río, fai que estea super orgulloso dela e por encima… cinto laranxa en karate!
Só dicirvos que a min que non me toque o xamón no sorteo, que xa me tocou o premio gordo. Só espero que algún día me poida parecer un pouquiño a elas, mulleres valentes coas que o mundo xira de día e tamén de noite sen que ninguén o vexa.

YOEL TORREIRA ABELENDA. 2º ESO D
A MULLER TRABALLADORA DA MIÑA VIDA
Esta redacción vai dedicada a miña avoa, Lisa Caamaño Pena.
A miña avoa naceu o 4 de marzo de 1948 en Artes. Criouse con 5 irmáns; ela foi a cuarta. Nesa época a maioría das familias campesiñas eran pobres como no caso da miña avoa. Dende que tiña 14 anos comezou a traballar en atúns Calvo, para axudar economicamente a súa familia; e así seguiu traballando ata os 27 anos cando coñeceu ao seu futuro marido Manolo Torreira, con quen tivo tres fillos: Javier, o maior de todos; David, o mediano ( meu pai) e Vanessa, a máis pequena .
No ano 1999 morre o seu marido no mar de Laxe, afogado xunto co seu irmán, debido a causas descoñecidas... Só se sabe que foron pescar. Únicamente apareceu o corpo do irmán, o de Manolo meu avó, nin rastro...
A pesar dese duro golpe da vida nunca deixou de traballar para sacar adiante os seus fillos.
Actualmente a punto de cumprir os 76 anos, segue traballando, aínda que de forma máis relaxada. Elixín a esta muller debido a súa fortaleza, por ser tan traballadora, por ese poder de superación e tamén pola forma que nos quere e nos coida a min e a toda a familia.

MARÍA LOBERA LISTA. 2º ESO D
A MULLER TRABALLADORA DA MIÑA VIDA
María Jesús Lista Freijeiro, coñecida como Chus naceu o 19 de abril de 1979 nunha aldea de Carballo, chamada Oza.
A pesar de ter unha infancia complicada, ela sempre foi unha nena excelente, educada e sobre todo traballadora. Ela sempre lle axudaba a seus pais (meus avós) nos labores da casa: muxía as vacas e íaas recoller ao campo, limpaba a casa e facía moitos labores máis. Malia todo iso, ela sacaba moi boas notas na ESO e no bacharelato. Ademais sacou a carreira de enfermaría e de humanidades, máster en xeriatría, experta en puericultura e enfermaría escolar. No 2019, sacou a praza de enfermaría no CHUAC, na planta de traumatoloxía, onde segue traballando e onde xa son unha familia.
A día de hoxe, despois de ser unha das mellores enfermeiras que coñezo, segue esforzándose para ser cada día un pouco mellor, porque ela sempre di que ten moita sorte de poder traballar no que a ela lle apaixona, a enfermaría, o que para ela non é un simple traballo, é un gran agasallo.
Nos seus momentos libres, a ela gustáballe moito facer surf. Empezou un verán coas súas amigas como unha simple
actividade de tempo libre, pero gustoulles tanto que ata fixeron unha academia, na que agora, xa ningunha surfea. Grazas a este pasatempo de miña nai, miña irmá e eu puidemos desfrutar uns veráns inesquecibles nos que estabamos as tres collendo ondas pequeniñas e perfectiñas.

Chus é a muller traballadora da miña vida debido a todo o que sempre loita e traballa para que todo e todos esteamos ben, porque ela é a causante de todos os meus logros e porque sempre está para facerme ver todo doutro xeito. Aínda que as cousas se poñan complicadas, ela sempre vai intentar e conseguir acabar ben con todo, porque ela e así, unha muller empática, agradable, loitadora e sobre todo traballadora.

Por todo isto e moito máis, mamá, ti es a muller traballadora da miña vida, o meu exemplo a seguir e a miña inspiración día a día.
CLARA PEREIRA OTERO. 2º ESO D
A MULLER TRABALLADORA DA MIÑA VIDA
Poden existir moitas mulleres no mundo, neste universo ou pode que noutros, todas coas súas calidades e valores pero de todas as que cheguei a coñecer ningunha chegou a tan fondo do meu corazón como miña nai. Esta incrible muller comezou a súa traxectoria na vida alá polo ano 1978, xusto o día 27 de xaneiro nunha pequena aldea de Mazaricos. Era unha rapaza traballadora e tan alegre como a día de hoxe; sempre tiña unha man para axudar en todo o que se podía. Tivo e ten unha moi boa relación con seus tres irmáns grazas ao seu carácter extravertido e festeiro. Continou o seu camiño indo a estudar a Lugo tras a dolorosa morte de seu pai, pero como sempre coa cabeza para diante sen temer a nada. Tempo despois de rematar os seus estudos coñeceu ao que agora chamo meu pai, e sen esperar a ninguén un ano despois de coñecerse casaron e pouco tempo despois cheguei eu á súa vida e pouco despois o meu irmán. Sen dúbida ningunha a esta muller gústalle facer as cousas á presa pero sempre dereitiñas como me di ela.
Considéroa a miña muller traballadora por gran variedade de cousas. Sen darme conta, ao final do día a
casa está sempre organizada e isto vese ben cando ela non está. Aínda que eu aprendín moito dela non chego ao seu nivel; ademais de que traballar nun hospital público como o fai ela é xa outro tema: aturar tanto pacientes como propios compañeiros é unha tarefa complexa; definitivamente eu aí non aguantaba dous días.
Eu aínda que sexa moi cariñosa e me apegue rápido a xente, a ninguén lle terei máis aprecio que a persoa que sempre está para min, a que atura as miñas penas e a que me escoita as queixas; e todo isto sen queixarse nin un pouco. Ao final do día, sempre me quedará ela, o amor que se ten a persoa que non só che brindou a vida, senón que tamén che ensinou a vivila e estar sempre xunto a ti nas boas e nas malas e incontable é todo ese cariño e amor que lle quero dedicar á que é hoxe e será sempre a miña muller traballadora.

IAGO REY FERNÁNDEZ. 2º ESO D
A MULLER TRABALLADORA DA MIÑA VIDA
Esta redación é sobre a miña amiga Sara, porque durante estes dous anos que a coñezo, foi moi importante para min, sobre todo, axudándome en moitas ocasións nas veces que eu o precisara.
Sara Cotelo Rodríguez é unha amiga, nacida o 5 de setembro de 2010. Naceu na provinvia da Coruña, na parroquia de Carballo, nun lugar denominado Razo. É unha nena criada na parroquia de Razo, cos seus estudos da primaria desenvoltos no colexio de Nétoma, situado na parroquia de Razo. Agora esta estudando secundaria, no IES Isidro Parga Pondal, na clase de 2°A, pasando os cursos con boas cualificacións e sendo moi boa alumna. Actualmente fai patinaxe, na Escola Lubiáns, adicándolle moitas horas ao día a este.
Ela é a miña muller traballadora, pola súa forma de ser, como actúa cando lle pasa algo a alguén, que é importante para ela, a forma de tratar a xente, sendo amable, simpática e moi boa persoa e amiga.
Sara é unha persoa que me axudou moito, no pouco
tempo que levo sendo o seu amigo, marcándome
moitos recordos bos, como por exemplo, moi bos días en primeiro da ESO, cando falabamos e nos riamos, dicindo tonterías entre nós. Tamén cando creamos un grupo catro amigos, co nome do disfraz que levaramos, Xabi mais eu, ou o día tan bo que pasamos coa nosa clase cando fomos á praia con algúns profesores do instituto, pasando un moi bo rato, facendo o parvo e tirándonos auga entre nós.
En fin, é a miña muller traballadora, porque a quero moito como amiga, polas cousas tan boas que pasei ao seu carón.

DARÍO TASENDE VÁZQUEZ. 2º ESO D
A MULLER TRABALLADORA DA MIÑA VIDA
Esta é María, a miña mellor amiga; lévao sendo desde ben pequenos. Levamos toda a vida xuntos, nunca me fallou e ensinoume moitas cousas.
María é unha rapaza súper traballadora que saca unhas notazas e sempre trae as tarefas feitas.
María práctica o deporte de patinaxe e esfórzase todos os días por mellorar e dá o máximo dela para compaxinalo cos estudos. María sempre axuda aos seus amigos e familiares. É unha persoa de dez e por iso a menciono nesta redacción. Sempre se preocupa polos demais e axuda a todos sempre que pode. Estou moi orgulloso de ti. María, quérote.

JORGE PENSADO BRANDÓN. 2º ESO D
A MULLER TRABALLADORA DA MIÑA VIDA
A muller traballadora da miña vida é miña nai, Vanesa Brandón Cambre. Ela naceu no día 29 de novembro do ano 1980. Hoxe ten 43 anos e naceu no hospital da Coruña. Desde moi pequena mudouse a Suíza xunto cos seus pais, os meus avós e estudou alí durante case 20 anos o mesmo tempo que traballou desde moi xove. Ten varios diplomas, porque sacou os oficios de perruqueira, cociñeira e administrativa. Aló en Suíza tiña as dúas linguas maternas que eran o francés e o castelán. Pero ademáis na escola aprendeu a lingua alemana e italiana. No ano 2004 foi cando regresou aquí á nosa Galicia onde reformou a casa, ela xunto coa axuda da familia. Esa casa que hoxe é a nosa vivenda familiar foi dos bisavós da miña nai.
Unha vez a casa reformada e antes de nacer eu e mais meu irmán, traballou de perruqueira e máis no Carrefour de vixiante. Ao nacer meu irmán que é maior ca min e mais eu, deixou de traballar para coidarnos. Cada día levábanos á escola, preparábanos a comida, axudábanos cos deberes e a estudar,
arranxaba a casa e mailo xardín. Sempre foi unha muller moi activa. Cando empezamos no colexio de Canosa – Rus, miña nai traballou durante 10 anos no comedor escolar onde ao mesmo tempo de traballar vixiábanos. Nesa época estivo támen nos consellos escolares e formou parte da directiva da asociación dos pais, porque miña nai sempre quixo estar presente nos nosos estudos e no noso benestar.

Desde que fomos maiores e pasamos aos estudos secundarios tocoulle coidar aos seus avós que viven con nós. Faría o que sexa polos seus seres queridos. Por todo iso admíroa e quéroa tanto, porque sempre estivo pendente de nós en todo momento.


