No congreso de Enciga (Ensinantes de ciencias de Galicia) o noso profesor Carlos Pérez Valcárcel con algúns dos seus alumnos de Bioloxía de 2º de bacharelato, presentou unha ponencia sobre a identificación de plantas dunares a través dos seus pelos. CON PELOS NON SE PRECISAN FLORES: UTILIZACIÓN DE TRICOMAS PARA A DETERMINACIÓN DE PLANTAS DUNARS No congreso ENCIGA presentamos os resultados de investigación da aula, que deu comezo en maio do curso 20112012. Buscamos determinar plantas coa única axuda dos seus tricomas e elaborar, se é posible, unha clave dixital que nos poida conducir á súa denominación específica. O primeiro que intentamos inculcar foi unha rutina de traballo no laboratorio, que se pode simplificar en: obtención de mostras, estudio en vivo, medida, montaxe e fotografía. A metodoloxía empregada foi a seguinte: os pelos ou tricomas extráense baixo unha lupa binocular, cunha coitela de afeitar e coa axuda dunha agulla enmangada, poñéndoos sobre un portaobxectos ao que previamente se lle engade unha gota de auga. Sepáranse do talo, follas e a veces do cáliz das flores. Trátase de saber se presentan unha soa estirpe morfolóxica ou varias, e no caso de ser únicos se teñen diferentes tamaños. O paso seguinte consistiu na observación do pelo en vivo, anotando e debuxando a súa morfoloxía e facendo un primeiro agrupamento intuitivo . Diferenciamos en principio entre pelos unicelulares, pluricelulares, estrelados, glandulares.... Procedemos a medir a continuación varios tricomas, para coñecer a súa lonxitude e a anchura media, así como o diámetro da súa base. Empregamos para iso oculares micrométricos. Despois dun longo proceso de traballo e observación do mesmo rematou coa confección dunha clave dixital. De todo este arduo traballo extraemos as seguintes conclusións: Con este traballo demostramos que a partir dun pelo de tricoma, podemos determinar unha planta. A ampliación de claves deste tipo poderían ter interese para autopsias, estudos criminolóxicos, estudos coprolóxicos.... A implicación do alumnado de bacharelato en estudos deste tipo son moi motivadores e desmonta a idea da ciencia para xenios. O traballo e a orde son as calidades máis importantes para un científico. O emprego de claves dixitais é un instrumento xeral de extraordinaria importancia, que supera en axilidade e intuición, ás clásicas claves dicotómicas de determinación.