Mapoula 2009-10

Page 21

Actividades do centro

O 3 de decembro do 2009 Xosé Abad, fotógrafo e director, apresentou no teatro Jofre de Ferrol un documental que narra de xeito testimonial un de tantos dramas ocorridos a raíz de conflitos políticos e ideolóxicos no contexto histórico dos comezos da ditadura fascista española (1936-1975). O Segredo da Frouxeira, é o nome desta magnífica produción que no IES Adormideras tivemos, apenas 3 meses despois da súa apresentación en Ferrol, o privilexio de ver, vindo acompañada dos principais responsábeis desta produción tendo, xa que logo, unha moi útil introdución na que estes nos falaron de temas directamente relacionados co documental como as consecuencias do franquismo, a súa repercusión, o xiro histórico que supuxo (ilustrando isto co fracaso do golpe de estado encabezado por Antonio Tejero no 1981) e a polémica existente arredor da Lei da Memoria Histórica. Estes comentarios a modo introdutorio serviron, ademais de para orientarnos adecuadamente na temática e cronoloxía do documental, para comezar a reflexión que supón profundiar na narración de feitos destas características. O Segredo da Frouxeira cóntanos a historia do último alcalde republicano do concello de Serantes (hoxe integrado no concello de Ferrol), Alejandro Porto Leis, asasinado polas forzas falanxistas ás que o seu propio irmán, Eliseo, pertencía e co cal se vía enfrentado; e tamén dos tres amigos que o protexeron desde que foi perseguido, “paseados” con el en febreiro do 1938 na praia da Frouxeira (Valdoviño, Ferrolterra): Modesto del Río, Xesús Miño e mais Avelino Landeira. Todo isto descubrímolo no documental por medio da testemuña que van aportando distintas persoas; desde o descubridor da historia, Paulino Gasalla, marido dunha sobriña-neta de Alejandro Porto Leis, ata persoas que viviron o refuxio e persecución de Alejandro Porto Leis en primeira persoa. Sexa cecais por este tipo de narración que nos vemos ben mergullados nos feitos, a súa comprensión é inmediata e a emoción, mesmo desde a distancia cronolóxica, está presente. Actualmente os corpos destas catro vítimas dos chamados “paseos” falanxistas non foron ainda atopados. A temática social e histórica está tratada desde un respecto total e predomina unha obxectividade que fala por si soa a través da boca das testemuñas; todo o referente ao ámbito familiar e sociopolítico no documental está tratado con profesionalidade e rigor. Foi para os alumnos do IES Adormideras, xa que logo, unha oportunidade de inmersión nunha historia que de feito está moi recente, tal e como nos indicaba Xosé Abad, quen adicou máis de ano e medio en pescudar e realizar este documento de valor histórico excepcional. Só nos queda felicitar o traballo aos realizadores e agradecerlles enormemente a Xosé Abad e os seus acompañantes a súa visita ao centro e a súa aportación a todos nós.

Manuel Ramiro López Carro 2º C Bach

21


Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.