
5 minute read
A situación do medio ambiente en Galicia
1. OS PROBLEMAS AMBIENTAIS
O medio ambiente galego padece na actualidade certos problemas. Para solucionalos, lévase a cabo unha política ambiental, cuxo obxectivo principal é a sostibilidade, baseada no uso racional dos recursos e na loita contra a degradación ambiental.
1.1 A alteración do relevo e da paisaxe a) O relevo e a paisaxe dalgunhas zonas encóntranse alterados polas actividades de minas e canteiras e polas infraestruturas de transporte.
• Fronte aos problemas do relevo considérase a rehabilitación dos espazos degradados e a conservación e o uso sostible do rico patrimonio xeolóxico galego. Con este fin, declaráronse Sitios de Interese Xeolóxico e creouse o xeoparque das Montañas do Courel.
• Fronte á degradación da paisaxe, a Estratexia de Paisaxe de Galicia establece 12 grandes áreas paisaxísticas nas que se implantan pautas para protexela, mantela e restaurala.
1.2 A contaminación e o quecemento da atmosfera b) A contaminación atmosférica en Galicia tende a descender debido ás medidas de control adoptadas nas últimas décadas. Así, os gases causantes de chuvia ácida e eutrofización encóntranse por debaixo dos teitos de emisión establecidos. En cambio, a contaminación por partículas afecta en ocasións ás grandes cidades, como A Coruña e Vigo. c) As emisións de GEI, responsables do quecemento climático, débense sobre todo á produción enerxética, seguida da industria e da agricultura. En Galicia, desde 1972, cada década sobe a temperatura media 0,36 °C; a temperatura superficial da auga do mar 0,2 °C; e aumenta uns 2 cm o nivel do mar. d) A contaminación acústica débese principalmente ás infraestruturas de transporte e a certas industrias, comercios e locais de ocio. das Montañas do Courel. Reúne un rico e variado patrimonio xeolóxico, aproveitado desde a prehistoria polas aldeas da zona: materiais de construción e minerais industriais.
Fronte á contaminación, existe unha Rede de Vixilancia e Control de Calidade do Aire, e a obriga de implantar plans de acción para as zonas, que superan os valores de calidade establecidos.
Fronte ao cambio climático, a Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050 (2019) establece medidas de mitigación de emisións para alcanzar a neutralidade climática antes de 2050; medidas de adaptación en todos os sectores para incrementar a resiliencia fronte aos seus efectos; e medidas para fomentar a investigación e a concienciación cidadá en materia de cambio climático.
Fronte a este problema, Galicia aprobou un Decreto sobre contaminación acústica (2015), que establece as normas para previr, vixiar e reducir a contaminación acústica, e conta cunha Rede de Ruído para medir os niveis de contaminación acústica.
Ademais, elaborou mapas estratéxicos de ruído para as grandes aglomeracións —A Coruña e Vigo— e para algúns eixes viarios de estradas.

1.3 A contaminación da auga
A presenza de contaminantes na auga débese ás verteduras agrarias, urbanas, industriais, de canteiras e de minas. Afecta a algunhas rías (MurosNoia e Ferrol) e certos tramos fluviais (ríos Lañas, Brandelo, Sar, Eume). En cambio, ningunha masa de auga subterránea se encontra en mal estado.
Fronte a este problema, Galicia conta con Estacións para o Control da Calidade das Augas superficiais e subterráneas. Ademais, implantou un Plan de Control de Verteduras para vixialas, xestionar as alertas e recuperar as zonas danadas. Leva a cabo actuacións de limpeza de canles e prevé a construción ou a mellora de depuradoras.
1.4 A degradación forestal
En Galicia, a deforestación débese ás enfermidades forestais, e sobre todo, aos incendios, que na súa maioría son provocados por neglixencias, para eliminar matogueira ou xerar pastos, ou por vinganzas.
Fronte a estes problemas, Galicia conta con Planes de Sanidade Vexetal que levan a cabo tratamentos preventivos e de loita contra as pragas —como a avespa do castiñeiro— cun Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais, PLADIGA. Inclúe medidas preventivas (regulación do uso do lume, educación ambiental, mellora das infraestruturas de defensa) medidas disuasorias (vixilancia continuada); e plans de extinción para unha rápida intervención. Tamén se impulsa a recuperación do bosque mediante repoboacións.
1.5 A alteración do solo
e) A erosión do solo galego débese en parte ás características do medio físico, con abundantes zonas en pendente, elevadas precipitacións e forte vento, pero vese agravada por actuacións humanas, como a deforestación motivada polas prácticas agrarias inadecuadas e os incendios forestais; e as plantacións de eucalipto e piñeiro, que xeran pouco solo. Así, as perdas por erosión media e alta cifrábanse en 31,8 t/ha en 2020.
Fronte a este problema, promóvense medidas estabilizadoras de abas e de restauración hidrolóxico-forestal, o uso dos residuos agrogandeiros como compostaxe, a loita contra os incendios e a potenciación das especies autóctonas de bosque.
f) A contaminación do solo galego procede de metais pesados, hidrocarburos, praguicidas e residuos. Fronte a este problema, a Lei de Residuos e Chans Contaminados (2021) establece os procedementos para a súa identificación, declaración e recuperación.
1.6 A produción de residuos
A xeración de residuos en Galicia é elevada: 415,6 kg/hab/ano en 2020, aínda que inferior á media española. Na súa xestión continúa tendo un elevado peso a recollida mesturada e a vertedura.
Por iso, e para cumprir os obxectivos sobre residuos marcados pola UE co fin de conseguir un modelo de economía circular, a Lei de residuos e solos contaminados proponse a redución progresiva do seu peso; o aumento de recuperación e da reciclaxe, de xeito que en 2035 só poidan eliminarse en vertedoiro o 10 % dos residuos domésticos; e medidas para restrinxir os plásticos dun só uso e o desperdicio alimentario.
ESTADO DAS VERTEDURAS EN GALICIA EN 2021
Total de puntos de vertedura ao dominio público: 10 082
Verteduras contaminantes
Verteduras en investigación
Verteduras non contaminantes ou cumpren límites
Verteduras corrixidas por actuacións administrativas Fonte: Augas de Galicia.
1.7 As ameazas á biodiversidade
A biodiversidade vexetal e animal de Galicia vese favorecida pola diversidade do seu medio natural. Non obstante, algunhas especies encóntranse ameazadas pola alteración ou a fragmentación do seu hábitat; e pola introdución de especies exóticas invasoras (mimosa, visón americano, sapoconcho americano).
Fronte a este problema, en Galicia creáronse un Catálogo de Especies Ameazadas; plans de recuperación para as especies en perigo de extinción (aguia real, cangrexo de río); plans de conservación para as especies vulnerables; Centros de Recuperación da Fauna en cada provincia; e programas de control de especies exóticas invasoras.
2. OS ESPAZOS NATURAIS PROTEXIDOS EN GALICIA
Ademais das actuacións concretas fronte aos problemas ambientais, Galicia intensificou a conservación da natureza creando unha Rede Galega de Espazos Protexidos. Inclúe parques —nacionais e naturais—, monumentos naturais, zonas húmidas protexidas, paisaxes protexidas, reservas naturais, e espazos protexidos na Rede Natura 2000.

Outros espazos protexidos fóra da Rede Galega son os Espazos Naturais de Interese Local (CENIL), integrados nun termo municipal, que polas súas singularidades sexan merecedores de protección; e os Espazos Privados de Interese Natural (CEPIN), pertencentes a particulares, onde existan formacións naturais ou especies silvestres que interese protexer.
Actividades
STEM, CCL
1 Elabora un cadro sintético cos problemas ambientais de Galicia, indicando as súas causas e as súas posibles solucións.
2 Utilizando o mapa, menciona un exemplo de cada tipo de espazo protexido en Galicia.
3 Busca en Internet información sobre algún espazo protexido da túa provincia e redacta un breve informe sobre os valores naturais que o singularizan.
1. Parque natural das Dunas de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán, A Coruña.
2. Reserva da biosfera dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá, Lugo.


3. Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés, Ourense.
4. Parque Natural Monte Aloia, Pontevedra.
4 A situación do medio ambiente en Galicia

REDE GALEGA DE ESPAZOS PROTEXIDOS
Parque nacional Parque natural Zona húmida protexida Monumento natural Paisaxe protexida
1 A Marronda
2 A Ramallosa
3 As Catedrais
4 Baixa Limia
Miño
REDE NATURA 2000 RESERVA DA BIOSFERA
ZEPA (zona de especial protección para as aves)
LIC (lugares de importancia comunitaria)