
1 minute read
A influencia da actividade humana no medio natural
5. A CONTAMINACIÓN ACÚSTICA
É a emisión de ruído de forma molesta para as persoas ou para o medio. As súas causas principais son o tráfico, certas actividades industriais, as obras e algúns establecementos urbanos: discotecas, bares e comercios. As súas consecuencias habituais son cefaleas, fatiga auditiva, xordeira, hipertensión, ansiedade, cansazo, agresividade e insomnio. En España, tres cuartas partes da poboación padece niveis de ruído superiores aos considerados tolerables (55 dB), sendo o primeiro país da UE e o segundo da OCDE, tras Xapón, con maior nivel de ruído.
Para solucionar este problema e cumprir a normativa da UE, elaborouse unha Lei do ruído (2003). Obriga as administracións competentes a confeccionar mapas estratéxicos de ruído das grandes infraestruturas viarias, ferroviarias e aeroportuarias e das aglomeracións urbanas de máis de 100 000 habitantes. Onde se superen os niveis sonoros fixados, elaboraranse plans de acción para reducilos. Inclúen regulación do tráfico; mitigación da transmisión —apantallamento e illamento—; clausura das instalacións causantes; e ordenación do territorio: o ruído incluirase na planificación urbanística e non se autorizará a instalación de actividades que superen o nivel sonoro máximo establecido para cada zona segundo o seu uso do solo predominante (residencial, industrial, etc.).
6. A CONTAMINACIÓN LUMÍNICA
É a emisión de luz artificial pola noite, con intensidade superior á necesaria. Débese á iluminación exterior con luminarias inadecuadas, que aumentan o brillo do ceo nocturno. Prexudica os ecosistemas nocturnos para realizar os seus ciclos vitais, provoca intrusión lumínica nas vivendas, ocasiona un gasto enerxético innecesario, dificulta o tráfico aéreo e a observación das estrelas e corpos celestes. Este problema afecta sobre todo ás cidades, áreas industriais e comerciais, ás estradas.
Entre as solucións encóntranse empregar luminarias con pantallas que dirixan a luz só cara abaixo, iluminar só as zonas necesarias e axustar o nivel da iluminación, reducíndoo nas horas nocturnas de menor actividade ou apagando selectivamente as luminarias.
Mapa de ruído
España é o segundo país máis ruidoso do mundo por detrás de Xapón. Este problema afecta en maior medida ás persoas residentes en aglomeracións urbanas e a súa fonte principal é a estrada.
Criterios para a elaboración dun mapa de ruído
Aglomeracións urbanas Máis de 100 000 hab. Grande eixe viario (estrada) Tráfico > 3 millóns de vehículos/ano Grande eixe ferroviario Tráfico > 30 000 trens/ano Grande aeroporto Tráfico aéreo > 50 000 operacións/ano

Alterados (número de sitios e %) 456 (36 %)
Degradados (número de sitios e %) 414 (9 %)
Actividades
STEM, CE, CCL, CCEC
12 Explica a utilidade dos mapas de ruído.
13 Le a Declaración de La Palma sobre a Defensa do Ceo Nocturno e o Dereito á luz das Estrelas. Resume as súas ideas e valora a importancia estética, cultural e científica do ceo nocturno.