5 minute read

9. A ARTIFICIALIZACIÓN, A CONTAMINACIÓN, A EROSIÓN E A DESERTIFICACIÓN DO SOLO

a) A «artificialización» do solo consiste na perda do seu estado natural. As causas principais son o crecemento urbano mediante periferias cada vez máis extensas e descontinuas, e a ocupación por equipamentos e infraestruturas. Este problema afecta sobre todo ás grandes cidades e ás rexións do litoral mediterráneo e ocasiona perda de solo natural e fragmentación de hábitats naturais. A solución require aplicar directrices de ordenación territorial baseadas no urbanismo sostible.

b) A contaminación do solo está causada pola extracción mineira; as verteduras industriais e urbanass e o abuso de substancias químicas na agricultura. Como consecuencia, o solo adquire toxicidade, danando os ecosistemas, a produción agraria e o valor económico do terreo. En España unhas 4 500 localizacións están potencialmente contaminadas, sobre todo en Cataluña, a Comunidade Valenciana, Andalucía e o País Vasco.

Fronte a este problema, a lei obriga as empresas que realizan actividades potencialmente contaminantes a remitirlle á súa comunidade autónoma informes diarios sobre a situación do solo. Con eles as comunidades fan un inventario de solos potencialmente contaminados e proceden a caracterizalos ou avalialos sobre o terreo, declarándoos contaminados cando comportan un risco inaceptable para a saúde humana ou o medio. A recuperación págana as empresas causantes da contaminación, que non poderán vender o solo nin cambialo de uso ata telo feito. En casos moi graves, a obriga de descontaminar é inmediata. Desde 2005 realizáronse tarefas de descontaminación en máis de 250 lugares.

c) A erosión e a desertificación son dous problemas relacionados.

• A erosión é o desgaste do solo. En España está motivada pola acción da auga e do vento, favorecida por causas naturais e humanas.

As causas naturais son as acusadas pendentes o carácter torrencial das precipitacións, a aridez e as secas periódicas que provocan unha escasa cuberta vexetal protectora e os trazos de moitos solos, delgados e pouco compactos.

As causas humanas que intensifican a erosió son a deforestación por cortas e incendios, que impide a suxeición do solo polas raíces e o desprotexe do impacto directo das precipitacións. E certas prácticas agrarias como o cultivo na dirección das pendentes, o insuficiente descanso do solo, o excesivo pastoreo e pisada do gando en pastos pobres, o abuso de substancias químicas, o uso de maquinaria pesada e o abandono dos coidados tradicionais da terra pola emigración rural.

Como consecuencia, a biodiversidade do solo diminúe. As augas énchense de terra, e entúrbanse con sedimentos, reducindo a dispoñibilidade hídrica e degradando os ecosistemas acuáticos. Decrece a fertilidade agraria por perda de nutrientes e aumenta o risco de inundacións e escorregamentos.

En España, case o 25 % do territorio sofre erosión alta ou media (perdas de solo superiores a 100/t/ha/ano). As áreas máis afectadas son a costa mediterránea, o val do Guadalquivir e as áreas montañosas con pendentes, ríos torrenciais e insuficiente protección vexetal.

Segundo os datos do programa europeo Corine Land Cover —CLC 2018—, as superficies artificiais (1 254 977 ha) representan en España o 2,5 % do territorio. A maioría corresponden ao tecido urbano.

Solos das minas de chumbo, cinc e prata abandonadas de Mazarrón (Murcia) onde se levarán a cabo operacións de descontaminación.

Illas Baleares

Medite r r á n e o

Mar

PERDAS DE SOLO (t/ha ano)

25 25 - 12 12 - 0

Láminas de auga Urbano Sen dato

Fonte: PAND

A auga erosiona polo golpe da precipitación sobre o solo, ao discorrer pola superficie en forma de láminas ou canalizada en regueiros, cárcavas e canles fluviais, ou de forma súbita mediante movementos en masa de terreos encharcados —escorregamentos e coadas de barro—. A erosión eólica é moito menor: levanta as partículas do solo e pode crear depresións de escasa profundidade. En 2019 a perda media por erosión situábase en 13,6 t/ha/ano.

• A desertificación é a degradación das terras das zonas áridas, semiáridas e subhúmidas secas ata adquirir trazos propios dos desertos por causas naturais e humanas. Entre elas, a erosión, a aridez, os incendios e a sobreexplotación dos recursos hídricos. As súas consecuencias son a aceleración da erosión, unha grave perda da biodiversidade e da fertilidade agrarias, a diminución de rendas e de empregos, o posible abandono do terreo e a emigración. En España, un 6 % do solo está desertificado e un 17,8 % áchase en risco moi alto ou alto. As áreas máis afectadas son o SE peninsular e Canarias.

As medidas tomadas fronte á erosión e á desertificación son a creación dunha Rede de Estacións de Seguimento da Erosión e a Desertificación —RESEL—. Plans fronte a secas e incendios. Restauración hidrolóxico-forestal. Prácticas agrarias sostibles (terrazas de cultivo nas pendentes, barbeito, ordenación do pastoreo, menos substancias químicas, cobertura vexetal previa ao abandono de terras). Explotación racional dos recursos hídricos. E rehabilitación das áreas onde se iniciou a desertificación. Estas medidas encádranse nos compromisos subscritos coas Nacións Unidas: Proxecto LUCDEME —Loita contra a Desertificación no Mediterráneo— e Plan de Acción Nacional contra a Desertización.

10. A PRODUCIÓN DE RESIDUOS

A xeración de residuos en España aumentou ao longo do s. xxi polo crecemento económico e do consumo, reducíndose nos períodos de crise, como a de 2008-2013 e a pandemia da COVID-19 en 2020. A eliminación dos residuos pode ocasionar problemas sanitarios, malos olores, alteración da paisaxe, gases de efecto invernadoiro, contaminación do solo e da auga e atracción de insectos, roedores e aves daniñas. As comunidades máis xeradoras son Andalucía, Cataluña e Madrid.

As solucións enmárcanse na política da UE encamiñada a conseguir unha economía circular que produza menos residuos e utilice a maioría dos xerados como recursos. Para iso, establécese unha xerarquía na xestión dos recursos: prevención, valorización e vertedura.

• A prevención implica reducir a cantidade de residuos. Así, promoveranse o ecodeseño, o mínimo envasado, a restrición dos plásticos dun só uso, a fin do desperdicio alimentario e o alongamento da vida útil dos produtos —prohibición da obsolescencia programada, reparación, mercado de segunda man—. Tamén se farán atractivas para o empresariado as actividades de reutilización e reciclaxe, e impulsaranse os mercados para estes produtos e a sensibilización social.

• A valorización inclúe a preparación para a reutilización e a reciclaxe; o uso dos biorresiduos para a produción de biogás ou de compost, usado como rexenerador do solo; e a incineración.

• A vertedura debe ser a última opción e realizarse en vertedoiros controlados con impermeabilización do solo, canalización de lixiviacións e canalizacións para recoller o biogás. Os vertedoiros incontrolados deben clausurarse.

En España, a Estratexia Española de Economía Circular 2030 marca os obxectivos sobre residuos e os cinco sectores prioritarios para fomentar a economía circular: construción, agroalimentario, pesqueiro e forestal, industrial, bens de consumo, turismo e téxtil e confección. Pola súa banda, cada tres anos os Plans de Acción de Economía Circular concretan as medidas a adoptar.

Residuos municipais 2019

Fonte: MITECO. Inclúen os residuos domésticos e similares: comercios, oficinas e institucións públicas.

Actividades

CCL, STEM, CE, CC, CPSAA

20 Explica a influencia das actividades humanas nos problemas do solo.

21 Observa o mapa, indica as zonas onde o risco de desertificación é moi alto ou alto e sinala os motivos.

22 Propón cinco medidas para previr a xeración de residuos no teu centro de estudos.

23 Valora as vantaxes ambientais, económicas e sociais dunha boa xestión dos residuos.

This article is from: