
4 minute read
7. A ALTERACIÓN, A SOBREEXPLOTACIÓN E A CONTAMINACIÓN DAS AUGAS
7.1 A alteración da morfoloxía
• As causas que alteran os leito fluviais e as cubetas que albergan lagos e zonas húmidas son: a eliminación da vexetación das ribeiras, que protexe da erosión e retén os sedimentos arrastrados pola chuvia; a acumulación de sedimentos, entullos e lixo; e a instalación de certos usos do solo no seu ámbito, como actividades agrarias, extracción de áridos ou urbanizacións e infraestruturas.
• Como consecuencia, os ríos aumentan a súa erosión e o risco de inundación; as zonas húmidas tenden a colmatarse, perdendo a súa capacidade de regular as enchentes, ao seren incapaces de aceptar un gran volume de auga, podendo inundar doadamente as zonas estremeiras.
• As solucións son: a recuperación da vexetación das ribeiras, a corrección dos leitos e as vertentes fluviais para paliar as inundacións e os aterramentos. A dragaxe ou afondamento de canles, lagos e brañas, as tarefas de limpeza, o control dos usos do solo prexudiciais e a vixilancia do dominio público con sancións para as infraccións.
7.2 A sobreexplotación das augas
• Está causada polo aumento do consumo agrario, urbano e industrial, que ocasiona extraccións ou regulacións significativas de auga mediante encoros e presas de derivación* en ríos, embalsamento de lagos e pozos en acuíferos.
• Como consecuencia, algúns ríos interrompen a súa continuidade ou non alcanzan ás veces o caudal ecolóxico*. Os lagos e zonas húmidas reducen a súa superficie, e certos acuíferos están en risco de desecamento (chaira manchega, Ojos del Guadiana, algúns de Baleares e Canarias), ou de salinización* por concentración de sales ou intrusión* mariña (costa mediterránea).
• Fronte a este problema, contrólanse as captacións de auga, foméntase o aforro mediante a redución do consumo en todos os sectores, a reparación de fugas e a reutilización da auga depurada.
Nos ríos fíxase un caudal ecolóxico e elimínanse as presas de derivación e os encoros obsoletos. Nas zonas húmidas procúrase compatibilizar a súa conservación co seu uso. E nos acuíferos coordínase a súa explotación coa dos recursos superficiais, recárganse artificialmente e contrólase o seu nivel mediante unha rede de piezómetros.
A extracción de áridos para a construción altera a morfoloxía das ribeiras fluviais e das zonas húmidas, aumentando o risco de erosión e de inundación.

Vocabulario
Presas de derivación: barreiras transversais a un río ou arroio para elevar o seu nivel e desviar parte do caudal ás canles para a rega.
Caudal ecolóxico: cantidade de auga mínima necesaria para asegurar os valores ecolóxicos dun río, xeralmente entre un 15 % e un 20 % do caudal medio do río.
Salinización: aumento da concentración de sales. Nos acuíferos prodúcese por unha excesiva extracción de auga ou por intrusión da auga do mar nos acuíferos litorais.
Intrusión: avance da auga do mar cara ao interior. No caso dos acuíferos, prodúcese cando a extracción de auga fai descender o seu nivel por debaixo do nivel do mar. Entón diminúe o fluxo de auga do acuífero cara ao mar e a auga do mar invade o continente, aumentando a salinidade da auga.
e %)
114 (9 %) 115 (8 %)
Fonte: Plan Estratéxico Español para a Conservación e o Uso Racional das Zonas Húmidas.
As zonas húmidas españolas reduciron a súa superficie case un 60 % e pouco máis da metade consérvanse sen alterar ou degradar.
7.3 A contaminación das augas
• Está causada por verteduras: agrarias (nitratos de fertilizantes e zurros gandeiros), industriais (térmicas, produtos tóxicos e metais pesados) e urbanas (augas residuais e lixiviados dos vertedoiros). A elas súmase o lavado de tanques de barcos en mar aberto e os accidentes dos petroleiros.
• As zonas máis afectadas son os tramos medios e baixos dos ríos onde se acumulan as verteduras, sobre todo no sur peninsular; os acuíferos contaminados por nitratos nas concas dos ríos Guadiana, Guadalquivir e Xúquer, e por intrusión mariña no litoral mediterráneo, que estenden a contaminación ás zonas húmidas conectadas con eles; e as costas situadas preto das principais cidades e complexos industriais, ou nas rutas dos grandes petroleiros, como o estreito de Xibraltar e Galicia.
• As consecuencias da contaminación son: danos aos ecosistemas acuáticos pola eutrofización* da auga; danos á saúde humana por problemas sanitarios ou pola inxestión de peixe con metais pesados no seu tecido graxo; prexuízos económicos, ao afectar ao turismo, ao valor residencial e á produción pesqueira; e perda de calidade da auga para beber e para o baño.
• As solucións para cumprir a Directiva Marco da Auga da UE sobre calidade e bo estado das masas de auga son:
– A prevención, mediante o control das verteduras, a revisión das autorización, e a universalización e a mellora da depuración, incorporando tratamentos terciarios que eliminan o fósforo e o nitróxeno.
– O control, mediante estacións de control de calidade da auga en ríos e acuíferos, a declaración de zonas vulnerables á contaminación por nitratos xunto a medidas para reducila e a inspección de buques.
– A conservación das augas non alteradas coa creación de reservas naturais fluviais, lacustres e subterráneas; o Convenio Ramsar para a conservación, uso racional e recuperación das zonas húmidas; e a creación de áreas mariñas protexidas.

– A recuperación das augas degradas, mediante programas como o de Voluntariado en Ríos ou a recuperación da baía de Portman.
Moi pouca (entre 100 e 85) Límite de conca
Vocabulario
Eutrofización: enriquecemento da auga en nutrientes por unha excesiva achega de nitratos. Estes provocan un excesivo crecemento de plantas e outros organismos que, ao morrer, podrecen, causando malos olores e consumindo gran cantidade do osíxeno disolto na auga. O resultado final é a destrución do ecosistema.
Autorización de verteduras 2020
Fonte: MITECO. En España está prohibido realizar verteduras ás augas, salvo que conten cunha autorización da Administración competente, co fin de garantir que cumpren cos requisitos ambientais adecuados.
Actividades
CPSAA, CL, STEM, CD, CE
14 Resume nun cadro as causas, consecuencias e solucións dos problemas que padecen os ríos, as zonas húmidas e as augas subterráneas de España.
15 Comenta a información proporcionada polas táboas e os mapas desta epígrafe.
16 Busca unha noticia ou un documento referido a cada tipo de problemas que sofren as augas en España. Indica onde se produce, cales son as súas causas, consecuencias e posibles solucións.
