
4 minute read
Os ríos e a vexetación de Galicia
A compartimentación do relevo xunto cunha elevada pluviometría e un substrato litolóxico moi impermeable propicia unha rede fluvial moi densa.
1. A DISIMETRÍA DAS VERTENTES
A rede hidrográfica galega presenta diferenzas entre as vertentes cantábrica e atlántica, debido á proximidade ao mar das serras setentrionais.
Oc Ano Atl Ntico
2. A DISIMETRÍA DAS VERTENTES
A rede hidrográfica galega presenta diferenzas entre as vertentes cantábrica e atlántica, debido á proximidade ao mar das serras setentrionais.
2.1 A vertente cantábrica
A vertente cantábrica esténdese desde a desembocadura do río Eo ata o cabo Ortegal e ten unha extensión duns 2 500 km2, o que supón o 8,5 % da superficie de Galicia.


O ríos da vertente cantábrica son curtos, con percorridos inferiores aos 50 km, a excepción do Navia (80 km) ou do Eo (79 km), que teñen as súas fontes nas serras orientais galegas, que están máis afastadas do mar.
2.1 A vertente atlántica
A vertente atlántica vai dende o Cabo Ortegal ata a desembocadura do río Miño, cunha extensión duns 27 000 km2, ou sexa, o 91,5 % do territorio galego. Dentro da vertente atlántica, a aliñación formada polas serras centro-occidentais actúa como unha grande espiña dorsal e divide Galicia en dúas subvertentes: a da Galicia litoral e a da Galicia interior.
Na primeira subvertente a maior parte dos ríos teñen as súas cabeceiras na propia dorsal, a excepción dos do sector noroccidental (Mendo, Mero, Anllóns, Grande ou Xallas), que as teñen nas chairas da Galicia prelitoral.
Ao longo da costa atlántica son numerosos os regatos e pequenos ríos que comezan a fluír nas serras litorais da Capelada, do Barbanza, dos montes de Castrove, de Domaio ou da Groba. Polo xeral, todos os ríos presentan unha lonxitude modesta e artellan concas de tamaño igualmente pequeno. Tan só o Ulla e o Tambre superan os 100 km de cauce, dado que teñen as suas cabeceiras nas serras centrais. Séguelle en lonxitude o Eume (77 km), e entre os demais ríos desta subvertente atlántica, tan só o Umia, o Xallas, o Lérez, o Mandeo e o Anllóns rebasan os 50 km.
Na segunda subvertente atlántica, que engloba a Galicia interior, existe unha grande arteria fluvial, formada polos ríos Miño-Sil, que artella unha área moi superior á de calquera outro río galego. Os seus afluentes, incluso, teñen unha lonxitude e contan con redes de afluentes de entidade comparable ás dos ríos que verten directamente no Atlántico, como o Bibei, o Arnoia, o Neira, o Cabe, o Lor, o Ladra, o Tea, o Ferreira e o Avia. As altas terras do sueste ourensán marcan a divisoria entre a cunca do Miño e as dos ríos que verten as súas augas máis ao sur. É o caso do Limia, que se dirixe directamente ao Atlántico, xa en Portugal, ou o Támega, que forma parte da cunca do Duero.
3. O ENCAIXAMENTO DA REDE FLUVIAL
Outro trazo destacado da rede hidrográfica galega é a abundancia de encaixamentos dos cursos fluviais, tanto nos seus cursos altos como nos medios ou nos baixos.
Os encaixamentos máis destacados aparecen cortando as superficies de aplanamento, como o do Miño a partir de Lugo ata a súa desembocadura, con escasos sectores nos que se abre o val (en Castrelo de Miño e no Baixo Miño) ou o do Sil a partir da depresión de Valdeorras, co espectacular canón da Ribeira Sacra. Fóra da conca do Miño, presentan tramos profundamente encaixados o Sor, o Grande de Xubia, o Eume, o Mandeo, o Tambre, o Ulla, o Umia e o Lérez.
Por causa dos contrastes litolóxicos ou dos erguementos tectónicos, os ríos de Galicia presentan no seu percorrido numerosas fervenzas. Entre elas hai que nomear a do Toxa en Merza, a do Cenza en Vilariño de Conso, a do Belelle en Neda e, especialmente, a do Xallas en Ézaro, extraordinaria pola súa localización na desembocadura do río.

4 Os ríos e a vexetación de Galicia
4. O CAUDAL ABUNDANTE E REGULAR
Os datos de aforo dos ríos galegos resultan moi elevados en comparación con outros ríos peninsulares por dous motivos: as precipitacións abundantes e o predominio da escorrentía fronte á infiltración; isto debido á existencia de materiais impermeables e á presenza de pendentes medias elevadas.
4.1 Os caudais absolutos e relativos
O Miño é o río máis caudaloso de Galicia, chegando ao nivel máis elevado nos Peares, na confluencia co río Sil.
Desde o punto de vista do caudal relativo os ríos máis caudalosos de Galicia son os suroccidentais, que teñen a súa cabeceira nas serras meridionais da dorsal (Montes do Testeiro, Serra do Suído e Serra do Faro de Avión) e máis concretamente na súa vertente occidental: o Verdugo en Soutomaior (59,3 l/seg/km2), o Lérez en Campo Lameiro (57,5) ou o Umia en Caldas de Reis (51,55).
No extremo oposto, os menores caudais relativos aparecen nas áreas do interior, debido a un certo grao de continentalización imposta pola existencia de serras que as rodean e as illan da influencia marítima. Así, os ríos da Terra Chá (Cabe, Parga, Neira, Sarria ou Ladra) e da Limia (Limia ou Xares) teñen valores que oscilan entre 13 e 23 l/seg//km2
Ocupando unha posición intermedia aparecen os ríos con maior lonxitude e tamaño da conca (Eume, Tambre, Ulla ou Umia) e os que percorren o noroeste, nas comarcas do Xallas, Bergantiños ou o Golfo Ártabro.
4.2 As variacións estacionais
Os ríos galegos presentan, en xeral, un réxime pluvial oceánico, cun ritmo anual simple dun máximo no inverno, en xaneiro ou febreiro, e un mínimo no verán, en agosto ou setembro. O réxime pluvio-nival maniféstase no mantemento duns caudais elevados ata ben entrada a primavera, grazas á fusión das neves.
5. A VEXETACIÓN DE GALICIA
O noroeste peninsular atópase no límite de dúas importantes rexións bioxeográficas: a Eurosiberiana, que ocupa gran parte de Galicia, e a Mediterránea, restrinxida fundamentalmente ao sueste da provincia de Lugo e á maior parte de Ourense. Esta transición faise visible no paso do dominio do Quercus robur (carballo) ao do Quercus pyrenaica (cerqueiro, cerquiño ou rebolo); o primeiro, típico da fachada atlántica, adáptase á humidade e aos solos silíceos, mentres que o segundo representa o tránsito cara a condicións climáticas caracterizadas por unha maior irregularidade das precipitacións e pola existencia dun período de seca estival.
En xeral, pódese establecer unha estreita correspondencia entre os diferentes dominios climáticos e as unidades bioxeográficas. Non obstante, a proliferación das plantacións de piñeiro e de eucalipto «esvaeceu», en gran medida, a distribución de especies tradicionais que, como o carballo ou o castiñeiro, sufriron un notable retroceso nos últimos tempos debido á menor rendibilidade económica.

