AS ORQUÍDEAS DO COLEXIO DO COUREL INTRODUCIÓN As orquídeas son unha familia de plantas moi aprezadas en floristería polas súas formas e cores. En Galicia atópanse 40 especies de xeito natural. A serra do Courel, onde se atopa localizado o noso centro escolar, é unha zona privilexiada por moitos motivos, sendo un deles que é un área interesante para orquídeas, debido á presenza de rochas calcarias, un clima de transición e grandes diferenzas altitudinais. No noso concello, contamos con 4 microrreservas destinadas a protexer e conservar algunhas das orquídeas máis emblemáticas de Galicia. Sabemos que nesas zonas hai orquídeas, pero que hai ao lado do noso cole? OBXECTIVOS Determinar que especies de orquideas hai a 500 m ao arredor do colexio do Courel. MATERIAL E MÉTODOS Primeiro, coa axuda do botánico Carlos Cortizo, aprendemos a recoñecer as plantas da familia das orquídeas. As súas principais características son: • Talo non ramificado • Follas con nervios paralelos • Flores con 3 pétalos e 3 sépalos • Un deses pétalos ten forma moi diferente ao resto e denomínase labelo. Visitamos diferentes hábitats arredor do colexio para aumentar a probabilidade de atopar orquídeas, todos eles sobre solos calcareos: • Souto (bosque de castiñeiros) • Aciñeiral (bosque con aciñeiras) • Pastizal (abundancia de herbáceas) Levamos a Guía das orquídeas de Galicia. Con esta guía pódense identificar todas as especies de orquídeas de Galicia coa axuda dunha clave dicotómica. Unha clave dicotómica é un guión para identificar individuos, neste caso plantas, no que hai que ir escollendo entre dúas opcións. Tivemos que aprender algúns termos como bráctea (peza con aspecto de pequeña folla que se atopa na base das flores), esporón (tubo que sae da parte posterior do labelo) ou polinio (masa de grans de pole). Unha vez dominado o vocabulario é moi doado identificar as plantas. As orquídeas, unha vez identificadas, foron xeorreferenciadas coa axuda dunha App. Xeorreferenciar é recoller os datos xeográficos para ubicar un punto nun mapa. Nós usamos a App GIS e despois o Google Earth para ubicar eses puntos nunha fotografía aérea. RESULTADOS As especies atopadas foron: • Orchis italica (especie propia de zonas calcarias, abundante no Courel, pero escasa no resto de Galicia).