O ENTROIDO DO COUREL AINOA, ÁLEX, EREA, MATEO E TEGRA (1º ESO)
Antecedentes e obxectivos Este traballo céntrase no Entroido courelao. A nosa pesquisa pretendeu dar continuidade ao traballo anteriormente comezado pola ANPA da nosa escola, a cal realizou un labor de investigación polas diferentes aldeas co obxectivo de recuperar a festa do Entroido, que xa desaparecera. Entre as tarefas que desenvolveron incluíuse unha enquisa realizada durante o ano escolar 2019-2020 por nós, por alumnado doutros cursos e tamén por alumnado que xa acabou a ESO. Este ano decidimos ampliar esa enquisa e entrevistamos algunhas persoas máis para coñecermos mellor a tradición do Entroido e para profundarmos nalgúns aspectos concretos. No total, as persoas que entrevistamos foron 11 mulleres e 10 homes, a maioría de entre 70 e 80 anos. Metade delas son de Folgoso mais tamén foron entrevistadas persoas de Vilamor, A Pendella, Sobredo, Romeor, Savane e Visuña.
Un pouco de historia O municipio de Folgoso do Courel contou cunha importante tradición de entroidos que se foi perdendo durante a Ditadura. Este proceso intensificouse na década de 1970, que foi cando a xente empezou a marchar das aldeas. Con todo, algunhas persoas nos falaron de entroidadas realizadas hai máis ou menos 20 anos. En 2019 comezou a desenvolverse un proxecto de recuperación deste patrimonio inmaterial. A iniciativa partiu o ano 2018 da ANPA da escola do Courel, que promoveu unha investigación sobre as tradicións carnavalescas locais.
Características do Entroido courelao Nesta epígrafe referirémonos a información compilada tanto pola ANPA da nosa escola, accesíbel no blog entroidodocourel.home.blog, como por nós a través das enquisas que realizamos. A investigación mostra a grande diversidade de maneiras de celebrar o Entroido con que o Courel contou en tempos. Había unhas trinta formas distintas de celebrar a festa, se ben tamén é verdade que na maioría dos lugares aparecían máis ou menos os mesmos personaxes. Estas figuras visitaban as aldeas acompañadas por gaiteiros e tamborileiros e nalgúns lugares anunciaban a súa chegada facendo soar un corno. En relación a como se chama esta festa, algúns denomínana Carnaval, aínda que a maioría di Entroido e algúns Entruido.
Os felos e outras personaxes As personaxes do Entroido eran os felos, a carantoña de Romeor, o meco, a cabeza do boi, a tesoira de madeira, o burro, etc. A maioría dos felos vestían con farrapos ou roupas vellas de persoas maiores e con pelos de cabra e de ovella. En moitas aldeas, levaban máscaras adornadas, sobre todo de pel e de cartón. A función das máscaras era non seren recoñecidos. En Sobredo, non se usaban moito. Segundo un informante da Pendella, alí eran de madeira e tiñan pelos de rabo de cabalo. En Savane, segundo as persoas que entrevistamos, non levaban máscaras, e en Vilamor, pintaban a cara con carbón. Segundo os nosos informantes, a maioría dos felos non levaban chocas. En Folgoso levábanas ás veces e en Vilamor levaban unha tesoira grande, feita de madeira. As pezas dos traxes (máscaras, chocas, etc.) eran da aldea e ás veces eran emprestadas polos veciños e veciñas aos demais para se disfrazaren. Algúns homes vestían de mulleres e outros puñan rabos de bestas. En Sobredo, o disfrace máis famoso era o de vello. Algunha xente non se disfrazaba e dedicábase simplemente a fuxir do felos.
Os mecos Os mecos eran bonecos de palla do tamaño dunha persoa, que se queimaban e ían vestidos con roupa da xente. Paseábanos polas rúas, aínda que nalgunhas aldeas non había mecos.
En que consistía a festa? Os felos cantaban e corrían uns detrás dos outros. Cando atopaban alguén, tirábanlle fariña, ovos, cinsa, auga, bulleiro..., todo o que pillaban. Os que tiñan a tesoira grande dábanlle á xente. Metíanse os veciños dunha aldea cos da outra. Pedían comida e dábanlle comida tradicional. En Romeor, se nalgunha casa non lles daban nada, a Carantoña pegáballes. Sempre era de broma. Saíanse dous, tres ou catro días, segundo a aldea. Nalgunha aldea din que primeiro saían os nenos e despois pola noite ían os pais. Por exemplo, en Romeor saíase catro días. O domingo era o día da Carantoña. Pola mañá, corrían uns detrás dos outros con cinsa nas mans para se pintaren uns aos outros. O luns tirábase auga porque, segundo se dicía, como o día anterior se mancharan con cinsa, ese día tiñan que se lavar. Fabricaban unha especie de xeringa con dúas varas de sabugueiro ás cales lle quitaban o de dentro. Unha metíase dentro da outra e á maior púñaselle unha boquilla e unhas estopas para controlar a saída da auga, que chegaba a 10 metros de lonxe ou máis. Á noite, facían unha bola con palla e subíana ao cimo do monte. Púñanlle lume e tirábana para abaixo até que chegaban á aldea. Ao día seguinte acendían as estopas e andaban uns detrás dos outros. E mesmo algúns acababan co cabelo queimado. O mércores á noite xuntábanse todos nunha casa ou nunha cantina e con todo o que xuntaran para comer e o que compraban cos cartos que recadaran, ceaban xuntos, tocaban e bailaban.
O lume, como se ve, era un elemento importante. Levábanse fachas de palla ou centeo. O material podía variar dunha aldea a outra. Nalgunha aldea só se facía lume para queimar os mecos. Tamén se facía barullo con cazarolas vellas, berrando e rindo. E había música con instrumentos maioritariamente tradicionais, como a gaita, o tambor, o bombo, etc. pero algún que outro non o era, como a trompeta. Tocábase todo tipo de músicas e Os Padernes ían polas aldeas. Bailábanse muiñeiras, pasodobres, xotas, tangos... Segundo nos informou unha das persoas entrevistadas, non se podía bailar moi xuntos. Algunhas persoas entrevistadas lembran tamén regueifas ou brindos (versos improvisados), aínda que segundo algúns só se improvisaba nos casamentos.
Adoitábase comer cachola, lacón, grelos, cocido, filloas, feixós, roscón... Non só se cociñaba esta comida para a propia casa, senón que tamén se daba comida á xente que ía disfrazada. O Entroido celebrábase en cada recuncho das aldeas, xa que ían casa por casa. Cada un o celebraba na súa aldea pero había xente que ía a outras aldeas próximas en busca de festa.
As mulleres e as crianzas Aínda que moitas veces as mulleres facían o mesmo que os homes, tamén cociñaban sobremesas, cantaban e bailaban. Segundo un informante, os homes non se podían meter coas mulleres, mais isto non era así en todas as aldeas. As crianzas xogaban, facían trasnadas, bailaban e fuxían dos felos para que non as pintasen. As máis vellas axudaban os adultos.
O Entroido hoxe O Entroido que celebramos hoxe é o resultado da tentativa de recuperarmos a nosa tradición mais tamén ten elementos novos mesturados con vellos. En xeral, hai máis animación nas aldeas que nas vilas. A festa consiste en irmos por todas as aldeas levando o Entroido e as persoas que nos reciben dannos de comer orellas, bolachas, feixós, pan, bolos preñados, chourizos, xamón, auga, viño, refrescos... Ademais, lanzamos fariña e cinsa a todos, disfrazados e non disfrazados. Hai xardoeiros, que levan unha vara grande de toxos atados coa cal dan á xente. Cantamos cancións tradicionais xunto co son da pandeireta e contamos coa colaboración dos gaiteiros de Santa Eufemia e mesmo de persoas de fóra que veñen cos seus instrumentos... Póñense mecos en todas as aldeas, vestidos con roupa de traballo ou roupa vella, con luvas, con perrucas, etc., de modo que queden graciosos. Ao lado, pónselle unha frase que anuncia a visita do meco, unha frase de burla meténdose coa vila en concreto ou unha frase de protesta contra algo. Xardoeiro
Este ano, por exemplo, puxéronse un par de mecos en Megoxe contra o proxecto de praia fluvial previsto para esa zona. Un deles é o que mostramos nunha das fotografías que ilustran a epígrafe "Os mecos", na terceira páxina deste traballo. Tamén había outro meco que tiña un cartaz que dicía “Así que ben se traballa”, porque estaba sentado nun banco. En Mercurín, o meco tiña unha funda de traballo e unha EstrellaGalicia. E en Sobredo, tiña unhas bragas. Ás veces hai un meco e unha meca. Tamén recuperamos a tradición de queimar unha bola de palla que se lanza por un prado abaixo. Cartaz do Entroido deste ano. A personaxe retratada é o tixeireiro de Vilamor.
Conclusións En conclusión, o noso traballo permitiunos confirmar a grande diversidade e riqueza do Entroido courelao. Tamén nos permitiu coñecer algunhas tradicións específicas de determinadas aldeas. Con todo, temos que dicir que este texto é só un resumo e por iso hai moitos aspectos que deixamos sen tratar. Para finalizar, queremos agradecer a colaboración das persoas entrevistadas e o fantástico traballo de recuperación desta festa realizado por veciños e veciñas de varias das nosas aldeas. NOTA FINAL: A maioría das fotografías aquí empregadas pertencen ao blog entroidocourel.home.blog ou son da autoría de Mercedes Vázquez Saavedra. Son por tanto fotografías actuais que utilizamos para, simultaneamente, explicar a tradición e ilustrar a festa na actualidade.