Nº 72 marzo 2018 en galego, máis e mellor

Page 1

Boletín do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística CEIP de Randufe Nº 72 marzo de 2018 Andrea ten 15 anos, estuda derradeiro ciclo de secundaria nun colexio concertado en Santiago, gústanlle as ciencias sociais, aínda que non ten decidido cara a onde orientar os seus estudos futuros, no caso de que acceda á universidade, que de seguro accederá. A reflexión que reproduzo é súa, case que literal: «Nacín nunha familia galegofalante. Os meus país e os meus avós falaron e falan galego comigo. Pero cheguei á escola e dende o primeiro momento, xa dende moi pequeniña, decateime de que, na práctica, o galego non contaba, ou contaba ben pouco, nas relacións sociais, na comunicación cos mestres (con algunha excepción), no tempo de recreo no colexio, nos cómics, no cine, na televisión… O mundo, fóra da relación íntima cos meus pais, vivía e desenvolvíase en castelán, e os nenos e as nenas, no colexio, aínda que moitos estaban na miña situación, instalámonos entre nós tamén en castelán, porque era a lingua que mandaba. ¿Que podemos facer para que isto non suceda?». E engade Andrea sobre a súa situación, xunto con algúns outros compañeiros que me visitan: «¿Que temos que facer para que a lingua galega, que nós sabemos que é a lingua do noso país, a lingua dos nosos pais e dos nosos avós, siga viva e medre arredor de nós?». Cando Andrea di «arredor de nós» refírese á vida social (as vías de socialización que actúan alén da familia: a escola e os amigos fundamentalmente, que é onde se establecen as primeiras relacións da convivencia). Cando Andrea di «arredor de nós» refírese ás horas de recreo, a relación cos mestres, a programación do tempo de lecer, os debuxos animados, os xogos (incluídos os videoxogos), e cada vez máis, xa metidos na adolescencia: as redes sociais, o cine, a música, as primeiras discotecas, a prensa, a radio, a televisión, a sinalización das cidades, os escaparates das tendas, o consumo... Dende 1984 dispoñemos de medios de comunicación en galego (a CRTVG, coa radio e a televisión autonómicas), pero ¿que outras ofertas hai no dial, alén de meritorias propostas de radio local? ¿E os medios impresos? ¿Que oferta ten o cidadán que se achega aos quioscos de prensa, ou ás carteleiras de cine, nas plataformas dixitais da televisión, na música? O recente estudo que presentamos dende a Real Academia Galega sobre a presenza/ resistencia da lingua galega nesta segunda década do século XXI, di dúas cousas fundamentais. A primeira é que a lingua galega segue a ser a lingua maioritaria da nosa poboación, ¡aínda a xente maior está viva!; pero atención á segunda: a lingua perde aceleradamente falantes nos sectores máis novos, moi principalmente no ámbito urbano, que é onde se van deseñando e impoñendo os modelos de futuro. Sobre estes sectores de mocidade é sobre os que cómpre actuar, con vontade política, con recursos, con intelixencia e firmeza, con afouteza (outra vez a palabra), sen retórica e sen cortinas de fume, que ao final son demagoxia e ruído. Victor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega https://www.lavozdegalicia.es/noticia/opinion/2018/02/25/lingua-galega-na-mocidade/0003_201802G25P16993.htm


FÚTBOL, FÚTBOL, FÚTBOL,... Textos entresacados do blog “Dúbidas do galego” de César Lorenzo Gil : “Esta entrada quere aclarar algúns termos usuais na lingua do fútbol para podermos xogar e velo sen problemas en bo galego.” “Para definir o pau que se coloca en horizontal sobre a portaría (tamén se pode chamar porta ou meta), en galego usaremos traveseiro e debemos evitar travesaño. Os esteos sobre os que asenta o traveseiro son postes ou paus.” “Os puntos de intersección entre o ancho e o longo do campo de fútbol desde os que se lanzan faltas cando o equipo defensor bota o balón fóra pola súa propia liña de fondo teñen tantos nomes coma esquina en galego: canto, recanto, recuncho, curruncho, rincón, cornello. Tamén se admite o anglicismo córner. Loxicamente, o nome do punto tamén se estende ao saque: lanzamento de canto…” “...o árbitro, a quen tamén podemos definir como xuíz. Os seus axudantes, oficialmente chámanse árbitros asistentes aínda que en galego podemos denominalos co estranxeirismo linier, liña ou xuíz de liña.” “O cerne do fútbol é a pelota. Amais das elipses esférico ou coiro podemos usar bóla.” “En galego é aliñación ou aliñamento, falaremos de xogadores aliñados. O árbitro amoesta (non amonesta) e hai partidos oficiais e amigables (mellor ca amistosos).” “Os e as futbolistas levan sempre un uniforme composto por camiseta (ou camisola e camisa), pantalóns (ou calzóns), medias e botas.” “Como non só hai espectáculo no céspede, na bancada (mellor ca grada) tamén podemos desfrutar tanto coma no banco (mellor ca banquiño ou banquillo). A afección ou seareiros e seareiras (mellor ca afición) adoitan aplaudir, cantar e faceren a onda (non ola). E como din os Ataque Escampe, se non hai emoción o público non vibra. E incluso pode apupar ou abouxar (mellor ca abuchear) a actuación dos xogadores ou as decisións arbitrais. Se o xogo é moi malo, é o propio adestrador (mellor ca entrenador) quen rifa ou reprende ou lles pon unha requesta (mellor calquera destas opcións ca abroncar) o seu equipo.” ( https://dubidasdogalego.wordpress.com/2016/02/23/lambendo-o-longueiro/)


Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.