anecdotas de fina casalderrey

Page 1


• “Cando aprendín a utilizar a palabra, pedín unha irmá. Insistinlles moito a meus pais para que fosen á feira a comprarma antes de que se esgotasen as mellores. Tardaron case oito anos en me facer caso, pero á fin trouxéronma e fun a nena máis feliz do mundo.”


“ Cando entro nunha gran librería sinto unha mestura de gozo e de angustia. ¡Cantos libros! ¡Que marabilla! ¡Como me gustaría lelos todos! ¿A metade? ¡Imposible! O tempo, o tempo...”


• “Ben, tamén vén á miña memoria os desgustos por non me poder quedar cun gato que atopara nun camiño...” • “Outro dos meus grandes desexos foi ter unhas botas de goma para poder meterme nas pozas. Odiaba os zocos, facían tanto ruído que tiña a sensación de portar un transmisor que avisaba a cotío da miña situación.”


• “Da escola, o máis fermoso que recordo é aquela caixa de botelliñas con tintas de cores. Eran das inxeccións. Lavabámolas, comprabamos unha especie de pos máxicos que se mesturaban con auga, dentro xa das botellas ¡e listo!, obtiñamos marabillosas tintas de moitísimas cores.”

• “Forrabámola con papel bonito como de agasallo. Cada botella levaba un babeiro de deseño propio. Con aqueles luxos, todas (só nenas) estabamos desexando ir para a escola de arriba, que era onde nos volviamos alquimistas das cores.”


• “Gustaríame saber moito máis do que sei; pero, ás veces, deléitome deitada na herba mirando ó ceo. Gustaríame ter feito cousas que non puiden, viaxar máis... Desexaría seguir sempre unida ós meus por unha cola elástica...”


• “A primeira vez que saín da miña terra tiven a sensación de que o mundo se ía encollendo ó meu paso, e hoxe non entendo como sendo tan pequeno podemos estar tan afastados uns dos outros.”


• “Encántame recitar poemas, aínda que non os escribise eu, gústame ler e descubrín que escribir permíteme ter e facer bastantes cousas ¡incluso tocar o piano anque non saiba! Tamén me gustan as nenas e os nenos (vivos, non frixidos), comer, bailar, falar cos amigos, rir... Amar e sentirme querida segue sendo moi importante para min, aínda que me ocupe tempo. “


• “Outra das miñas afeccións é o teatro, poder meterme na pel de diferentes personaxes... Para a escola teño escrito, dirixido ou mesmo representado algunha peciña. Iso faime gozar extraordinariamente.”


• “Na miña infancia, unha das nosas obrigacións era carrexar auga a caldeiros dende a fonte de Tres canos que alimentaba o lavadoiro, no fondo do barrio. Cando deixaba este labor para a noitiña, vía vellas malvadas nas silveiras do camiño que levaba á fonte do Gramal. Teño sentido (e aínda os sinto) como corrían os trasgos polo tellado da miña casa... Desgusteime cando o gato do veciño foi atropelado.”


• “Ás veces, apetéceme mesturar as miñas propias vivencias cos soños, coa imaxinación, coa fantasía... e crear historias na miña mente, que só despois de darlles moitas voltas paso ó papel.”


ENDEREZO

• http://fina.casalderrey.com/


• Feito por: Gabriel, Raquel e Manuel .


Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.