OS VALORES DE SE

Page 1

OS VALORES DE “SE” En galego hai dúas formas homónimas de “se” que cómpre distinguirmos, como conxunción e como pronome persoal. a) Como conxunción (nexo de subordinada) Inicia unha oración que expresa unha hipótese ou unha condición necesaria para que algo teña lugar, ou funciona como nexo de oración subordinada: Se non teño vacacións no verán, tereinas no Nadal. Se coidas o coche, durarache máis. Se collen o tren das doce chegarán a Vigo ás tres. Este rapaz sempre fai como se non oíse. Pregúntalle se vai ir á voda de Xurxo. Non lle fagas caso se che di que vaias con el. b) Como pronome persoal. Neste caso distinguimos: 1. " Se " como reflexivo Indica a coincidencia entre o axente e o paciente da acción (REFLEXIVIDADE), isto é, o suxeito realiza unha acción que recae sobre si mesmo. Admite o reforzo a si mesmo e alterna coas distintas persoas: me, te, se, nos, vos. O pronome reflexivo ten o valor de complemento directo: A rapaza peitéase. Vestiuse devagar. O xastre fíxose un traxe para a festa (para el). O rapaz córtase o pelo (a si mesmo). Traizoouse a si mesma. Queimouse (a si mesmo) e tivo que ir ao médico. Manolo peitéase con coidado. Lavouse en media hora. OLLO! Non son posibles en galego construcións reflexivas na función de CI cando na oración xa aparece un CD expreso, nas que a acción se exerza unicamente sobre unha parte do suxeito (por exemplo son incorrectas formas como *laveime as mans, *queimeime un dedo*, *fíxenme un traxe na costureira. O correcto é: lavei as mans, queimei un dedo, fixen un traxe na costureira). 2 " Se " con valor recíproco Similar ao reflexivo, agás que neste caso o que se intenta remarcar é que dous suxeitos realizan a acción entre eles ou dun cara ao outro. Neste caso pode desempeñar a función de CD ou CI. Por exemplo: Pepe e María quérense moito (CD). Telefónanse todos os días (CD). Escríbense cartas a miúdo (CI). Déronse un abrazo (CI). Aloumiñábanse con tenrura (CD). Aínda se seguían escribindo cartas de amor (CI). 3 " Se " con valor pronominal Un verbo pronominal é basicamente aquel que esixe sempre a presenza dun pronome reflexivo, de forma que non pode aparecer sen el. Acompaña a verbos que necesitan do pronome para manter o seu significado. Non teñen función nin de CD nin de CI, forman parte inseparable do verbo. Varía coa persoa verbal (lémbrome, lémbraste, lémbrase…). O pronome vén a ser un morfema non transitivo ou un formante lexical. Verbos pronominais son:


a) Verbos de emoción ou sentimento (verbos pseudorreflexivos). Nestes casos o verbo soe ir acompañado do Suplemento, por exemplo: Sempre se queixa do mesmo. Arrepentiuse do que dixo. Lembrouse da súa infancia. b) Tamén son construcións pronominais determinados verbos transitivos que se converten en intransitivos mediante o pronome se. Exemplo, Botou auga / Botouse de cabeza. Moveu varios quilos / Moveuse de sitio. OLLO! En galego os verbos intransitivos de movemento non admiten a marca pronominal. Exemplo, Marchou moi lonxe. Caeu dunha árbore. Veu de Madrid. 4 " Se " impersoal (activa) Nas oracións impersoais, aquelas que carecen de suxeito, "se" é o elemento que remarca a impersonalidade (pero se lle quitamos o “se” podemos transformar a oración cun suxeito). Non ten ningunha outra función e o seu uso é doadamente distinguible xa que este tipo de oracións adoitan ser unimembres. Só se emprega co verbo en 3º persoa de singular. Non admite o plural. Non varían coa persoa verbal. Por exemplo: Nesta cidade vívese ben. Valorouse aos concursantes. Fálase de que subirán os impostos. Auxiliouse aos feridos. Estase ben aquí. Admírase ao heroe. En Galicia lese pouco. Maltrátase ao contribuínte. 1.5 "Se" en impersoal pasiva ou pasiva reflexa Poden confundirse coas anteriores, pero a maior diferenciación é que estas oracións son bimembres e contan con suxeito e predicado. O uso do "se" incrementa o significado pasivo do verbo. Por exemplo: Aprobouse o decreto por ampla maioría; necesítanse empregados; véndese automóbil antigo.

FÍXATE! PARA ENTENDERMOS MELLOR OS VALORES DE “SE” PRONOME   

Dentro das Oracións Predicativas podemos distinguir (entre outras): Predicativas reflexivas: O Suxeito e o CD coinciden na mesma persoa ou obxecto: María dúchase. Predicativas recíprocas: Dous suxeitos son á vez Axentes e Pacientes do proceso indicado polo verbo: Os dous irmáns odiábanse a morte. Predicativas pasivas reflexivas: Non sabemos ou non queremos manifestar o Complemento Axente (exclusivo da construción pasiva; dado que o suxeito é paciente, este complemento opcional permite expresar quen realiza a acción). O verbo vai en terceira persoa, do singular ou do plural. (Alúgase apartamento. Alúganse apartamentos) Predicativas impersoais (aquelas que carecen de suxeito) podemos distinguir, entre outras as Reflexas ou impersoais activas. Levan o pronome se como marca de impersonalidade. (Estase ben aquí. Fálase de suspender a excursión) Hai que ter moito coidado e non confundirmos estas oracións impersoais coas pasivas reflexas, que teñen suxeito e nas que o pronome se funciona como marca da voz pasiva.


ACTIVIDADES VALORES DE SE. Véndense casas. Búscanse actores. Trabállase mellor en equipo. Estase mellor só. Véndese casa de aldea. Fanse fotocopias. Neste restaurante cómese moi ben. Trabállase moito aquí. Producíronse irregularidades. Iniciarase o partido. Fálase moito de fútbol por aquí. Vívese ben en Sada. Necesítanse especialistas en informática. Fixéronse numerosas doazóns. Falouse de todo un pouco. Axudouse aos máis necesitados. Anúncianse chuvias para os próximos días. Cometéronse varios atentados. Arrepentiuse do que fixera. Prohibido suicidarse en primavera. Véndense pisos. Os perfumes extráense das plantas. Xoán entregouse á policía. Xosé e Pedro pegáronse. Queixábase continuamente. María lávase. Saudáronse na Coruña. O preso fugouse do cárcere. Acordouse da familia. Rise de todo o mundo. Resolvéronse moitas incógnitas. Divulgouse a noticia. Vendéronse dous pisos neste portal. Lois e Antón préstanse os apuntamentos. Os noivos bicáronse diante dos convidados. Traballouse moito onte. Alúgase unha casa amoblada. Admítense reclamacións. Mírase no espello a todas horas.


ACTIVIDADES VALORES DE SE. Véndense casas. PASIVA REFLEXA Búscanse actores. PASIVA REFLEXA Trabállase mellor en equipo. IMPERSOAL Estase mellor só. IMPERSOAL Véndese casa de aldea. PASIVA REFLEXA Fanse fotocopias. PASIVA REFLEXA Neste restaurante cómese moi ben. IMPERSOAL Trabállase moito aquí. IMPERSOAL Producíronse irregularidades. PASIVA REFLEXA Iniciarase o partido. PASIVA REFLEXA Fálase moito de fútbol por aquí. IMPERSOAL Vívese ben en Sada. IMPERSOAL Necesítanse especialistas en informática. PASIVA REFLEXA Fixéronse numerosas doazóns. PASIVA REFLEXA Falouse de todo un pouco. IMPERSOAL Axudouse aos máis necesitados. IMPERSOAL Anúncianse chuvias para os próximos días. PASIVA REFLEXA Cometéronse varios atentados. PASIVA REFLEXA Arrepentiuse do que fixera. PRONOMINAL Prohibido suicidarse en primavera. PRONOMINAL Véndense pisos. PASIVA REFLEXA Os perfumes extráense das plantas. PASIVA REFLEXA Xoán entregouse á policía. REFLEXIVA Xosé e Pedro pegáronse. RECÍPROCA Queixábase continuamente. PRONOMINAL María lávase. REFLEXIVA Saudáronse na Coruña. RECÍPROCA O preso fugouse do cárcere. PRONOMINAL Acordouse da familia. PRONOMINAL Rise de todo o mundo. PRONOMINAL Resolvéronse moitas incógnitas. PASIVA REFLEXA Divulgouse a noticia. PASIVA REFLEXA Vendéronse dous pisos neste portal. PASIVA REFLEXA Lois e Antón préstanse os apuntamentos. RECÍPROCA Os noivos bicáronse diante dos convidados. RECÍPROCA Traballouse moito onte. IMPERSOAL Alúgase unha casa amoblada. PASIVA REFLEXA Admítense reclamacións. PASIVA REFLEXA Mírase no espello a todas horas. REFLEXIVA


Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.