LIÑAS DE COMENTARIO DUN POEMA DE XOÁN MANUEL PINTOS

Page 1

LIÑAS DE COMENTARIO DUN POEMA DE XOÁN MANUEL PINTOS (1853) Ou Galicia, Galicia boi de palla Canta lástima ten de ti o Gaiteiro! O aguilón que che meten é de aceiro E con el muita forza te asoballa. No lombo teu zorrega, bate e malla Fasta o máis monicreque ferrancheiro, E calesquer podenco forasteiro Te vafa de vergonza sin migalla! Agarima alleeira eses ingratos Ou víboras que postas ó teu peito Co ferrete che rompen mil buratos! Si o sangre teu refugas do teu leito Malas novas madrasta de insensatos Dos fillos teus ó amor non tes direito. Xoán Manuel Pintos, A Gaita Gallega, 1853. 1. AUTOR, OBRA, CONTEXTO. Xoán Manuel Pintos Villar é unha das figuras máis importantes da primeira metade do século XIX. Naceu en Pontevedra en 1811 e sendo moi novo trasladouse á Coruña para estudar Humanidades no Colexio dos Padres Dominicos. Posteriormente estableceuse en Compostela coa intención de cursar Dereito, carreira que rematou en 1835. Co tempo chegaría a exercer como xuíz en Cambados e como fiscal no seu lugar natal. Foi nomeado Rexistrador da Propiedade de Vigo, cargo no que se mantería até a súa morte. O pontevedrés é autor dun único libro trilingüe, A Gaita gallega tocada polo Gaiteiro, ou sea Carta de Cristus para ir deprendendo a ler, escribir e falar ben a lengua gallega e ainda mais (1853), que ten como finalidade achegar o idioma de Galiza ao público lector. Inclúe nela un Breve diccionario gallego escrito por el tamborilero, para facilitar la inteligencia de la Gaita Gallega tocada por el Gaiteiro, que intentaba servir de axuda para a súa comprensión. Ademais de A Gaita Gallega, Pintos deixounos un amplo conxunto de poemas, espallados polas publicacións galegas da época. Pintos faleceu en Vigo en 1876. En 1853 aparece A Gaita Gallega, que vén ser o primeiro libro da literatura galega do século XIX. O libro é unha miscelánea de textos diferentes, en verso, en prosa, en galego, en castelán e incluso en latín. De temática variada e cuns claros obxectivos: exaltación, defensa, divulgación e necesidade de estudo da lingua galega e de Galicia. O libro aparece divido en sete “foliadas” cun fío condutor en todas elas: o diálogo entre o gaiteiro e o tamborileiro, entre o mestre e o discípulo, entre o galego e o foráneo. Pedro Luces, un mozo de Castela que se instala en Galicia e que por respecto ao país debe adoptar os seus costumes e tradicións. Hai


ademais un conxunto de receitas de tipo gramatical sobre o galego, a denuncia da emigración, algunha crítica moralizante e a publicidade de glorias pasadas como Sarmiento. O contexto no que emerxe a figura de Pintos está marcado polasCortes de Cádiz (1812); a alternancia dos períodos liberais e absolutistas; o inicio das guerras carlistas tras a morte de Fernando VII; a división administrativa en provincias (1833); o levantamento de abril en Lugo e outras cidades galegas a cargo de Solís e outros militares, co apoio dos intelectuais galegos, que acaba cos fusilamentos de Carral e o exilio de moitos dos implicados (1846); o provincialismo; o rexionalismo e o inicio do rexurdimento literario (1863); a I República (1873) e a Restauración da monarquía na persoa de Alfonso XIII o mesmo ano no que morre Pintos (1876). Pintos non é simplemente o autor de A Gaita Gallega, senón que é fundamentalmente unha das cabezas visibles do movemento de recuperación da nosa lingua e cultura, grazas ao cal Galicia recobrou tamén o seu ser para o futuro. 2. ANÁLISE DO TEXTO. O poema constitúese en documento importante para coñecermos a situación de Galicia no século XIX. É, en efecto, una auténtica radiografía da situación de Galicia naquel tempo. Nesta “placa” destacan dúas “eivas”: por una banda, a explotación que sofre Galicia, e, por outra, os efectos que tal circunstancia provoca nos seus habitantes: fascinación polo alleo e desprezo polo propio (alienación). O poema iníciase cunha invocación, “Galicia” e inmediatamente cunha metáfora, “boi de palla”. Chama a atención como Pintos constrúe esta metáfora en base a dous elementos semanticamente distantes e incluso contrapostos, boi e palla. Mentres o “boi” representa a forza, a resistencia, a dureza, a capacidade de traballo; a “palla”, a fraxilidade, a moleza, a inestabilidade. Ao facelo así, está debuxando un proceso de dexeneración: como un elemento forte, poderoso, consistente e duro acaba converténdose nunha caricatura de si mesmo. A seguir aparece a palabra “Gaiteiro” cun forte valor simbólico. A gaita e mais o gaiteiro son reiteradamente escollidos como símbolos da esencia singular da cultura galega. O Gaiteiro é precisamente o personaxe que sustenta o libro e quen introduce ao tamborileiro nas cousas do país e na súa lingua. O Gaiteiro aquí xoga dous papeis significativos. Por unha banda é o símbolo e representante arquetípico da cultura popular galega e por outra é tamén o símbolo da resistencia, a voz diferenciada que lle abre os ollos ao pobo e que enxalza o valor do propio. Ten mágoa de Galicia porque aparece sometida, colonizada e non reacciona aos abusos, aos desprezos e agresións de calquera forasteiro. Ademais dos axentes da agresión aparecen palabras asociadas que dan conta dunha violencia extrema: aguilón, aceiro, víboras, ferrete. Palabras estas que denotan dureza punzante que causan un sufrimento brutal. De novo se dirixe a Galicia para lle recriminar a súa actitude. Galicia debe facer o contrario do que se describe para gañar o amor dos seus fillos. A imaxe utilizada agora para Galicia é a de madrasta, xa que coida aos de fóra (os que a maltratan) e rexeita aos seus propios fillos. Esta imaxe de autoinculpación pretende alertar os propios galegos de que deben ser eles os que loiten contra esta situación.


En definitiva, Pintos quéixase da situación de atraso e miseria na que se atopa Galicia e pon de manifesto os efectos que tal situación lles ocasiona aos galegos, que son rexeitados en contraste coa boa acollida que se lles dá aos alleos. En canto á forma, o poema é un soneto. Os 14 hendecasílabos distribúense en dous cuartetos de rimas abrazadas ABBA ABBA e dous tercetos con rimas encadeadas diferentes dos cuartetos CDC DCD. En todo o poema predomina unha entoación exclamativa. Por último podemos salientar tamén que o léxico empregado é popular, referido ao conxunto do pobo galego: gaiteiro, boi, palla… Para concluírmos, debemos resaltar que o poeta está condicionado pola situación do galego e de Galicia, e busca contribuír ao proceso de recuperación dos signos de identidade nacional, comezando pola fala e seguindo polas desgrazas que sofren arreo as clases populares. Así, mentres nos cuartetos describe a situación de Galicia e no primeiro terceto analiza as consecuencias que esa situación ten, na última estrofa tira unha reflexión final: a nai Galicia non ten dereito ao amor dos seus fillos mentres os trate peor que aos foráneos. O obxectivo que persegue é precisamente conseguir o contrario do que describe, é dicir preténdese reverter a situación e espertar o amor dos galegos á súa terra, á súa patria.


Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.